Manzaneda
Desde adolescente, o topónimo Manzaneda, que nomea un dos Concellos máis interesantes de Galicia, famoso por acoller a única estación invernal de Galicia, me pareceu estraño. En aparencia era demasiado castelán. Que é unha manzaneda? A palabra non existe en castelán, que prefire como sufixo de abundancia vexetal outras formas, caso de -ar: manzanar, castañar… e -al: cerezal, robledal. Aínda así, existen casos nos que empregan os sufixos -edo, -eda, que si triunfaron no latín falado no oeste atlántico. O castelán admite cerecedo, robledo, castañedo… aínda que nalgúns casos aluda a que son dialectalismos asturianos ou leoneses (curiosamente os espazos máis próximos ao contacto coa lingua galega).
Volvendo a Manzaneda, máis que diante dunha forma castelá estamos ante unha forma castelanizada, ante unha deturpación de libro que tenta extirpar a galeguidade do topónimo mais, como de costume, só logra deformala: Carballino, La Estrada ou Puenteareas son outros casos parecidos.
Grazas aos estudos de Gonzalo Navaza, un dos máis grandes expertos en Onomástica de Galicia (é o Leo Messi da materia, para entendérmonos), sabemos xusto cando aparece Manzaneda. Foi a partir do século XVIII que se grafa así. E antes como se chamaba? Seguindo a Navaza, o nome tradicional non é ningún misterio. En todo o reino o lugar era coñecido –con toda a lóxica– como Maceda. Hai que lembrar que a vila conserva o seu pasado medieval, no deseño das ruelas e nos restos da muralla. É dicir, a Maceda da que falamos tiña moitos séculos cando o seu nome foi substituído por Manzaneda.
En Galicia hai outra Maceda cuxa sorte toponímica foi mellor. Seguramente non houbo ningún escribán ou alcalde ou abade ou arcediago tan espabilado coma o que detectou en Manzaneda a relación do topónimo coas mazás.
A relación entre as Macedas era, non obstante, coñecida de vello, tanto que na documentación unha aparecía como Maceda de Trives (a actual Manzaneda) e a outra como Maceda da Limia. Hoxe desorientámonos con ese apelido pois a Limia está veciña pero algo distante da vila (pertence hoxe á comarca de Allariz-Maceda) mais a Limia histórica era moito maior que a actual, atinxía ambas beiras do río, en territorio portugués e galego e tiña a súa capital en Allariz.
Entón, por que Manzaneda non se considera un topónimo deturpado e se oficializou a forma galega xenuína Maceda de Trives? O tempo ten máis forza que a filoloxía. Tres séculos de Manzaneda sepultaron o vello Maceda. As autoridades lingüísticas consideraron que era unha resurrección tan forzada que incluso podería ser contraproducente entre a veciñanza. É unha liña que se seguiu especialmente en canto á ortografía de diferentes topónimos, contraria á súa etimoloxía: Barcia, Alvedro, Cobas ou A Grova deberían grafarse Varcia, Albedro, Covas ou A Groba.
Con todo, estaría ben que en Manzaneda soubesen cal é a orixe do nome do lugar no que viven e que igual que foi a decisión duns poucos a que enterrou o vello Maceda ben pode no futuro alborexar de novo este bonito topónimo. Por certo, o que hoxe chaman Cabeza de Manzaneda (a montaña na que se situou a estación invernal, até hai moi pouco (anos, non séculos) era coñecida como A Cabeza Grande.
excelente o do toponimo Manzaneda, tan excelente coma patética a historia que a él chegou !
A Caniza (A Cañiza deturpado oficialmente) tm daría un interesante artigo.
Gracias e avante !
Interessante a tua achega, mas em relaçom já tem feito um estudo a gente do ProGael indicando para este topónimo umha raiz pre-histórica pola uniom das palavras mám e sneachta, que significam respeitivamente em gaélico porto de montanha e neve. Queda-che aqui o enlace ao seu trabalho por se che presta olhar. Aperta
Logo da parida da inscrición do século XIV de Betanzos, esa suposta asociación tenme ben pouco creto. De todos os xeitos, moitas grazas por comentar e ampliar a mirada sobre Manzaneda. Apertas
No caso da entrada que fan sobre Manzaneda, esqueceron un pequeno detalle: a estación de esquí, é dicir, o que hoxe chamamos Cabeza de Manzaneda (afastada uns quilómetros da vila) até hai ben pouco era coñecida como A Cabeza Grande, polo que todo ese trabalinguas sobre o gaélico queda en po. Quen teña ido até Manzaneda sabe ben que o que alí sobran son maceiras (ou mazairas, que é como lles chaman alá). De novo apertas.
Que grandes “especialistas” os de ProGael, que nin sequera coñecen a historia dos nosos topónimos. Agora podían procurar a etimoloxía gaélica de “El Niño de la Guía”. Seguro que tamén achaban unha solución moi convincente.
Graciñas polo comentario 🙂
Caros, poderá ser possível apresentar algum documento no que se veja o nome tradicional de Maceda de Trives na rede? Gratos.
Ola. A principal referencia bibliográfica para este tema é NAVAZA, Gonzalo (1995), «A Cabeza Grande de Maceda de Trives. Nota histórico- toponímica», en Xenciana, no 1, Pobra de Trives, marzo 1995. O autor nese estudo presenta diferentes exemplos de uso de Maceda de Trives e de Cabeza Grande. Apertas.
… e se possível também o de Cabeça Grande (ou Cabeza Grande…, como fosse no seu dia)
Para os que somos daquela terra, sempre foi, é e seguirá sendo Cabeza Grande. Non é un topónimo que este en desuso.
Graciñas polo comentario.
Interessante entrada. Nos mapas topográficos do IGN (podem-se consultar nos visores web Sigpac e Iberpix) aparece o topónimo “Chairas de Maceda” no límite municipal entre os concelhos de Trives, Manzaneda e Chandreixa de Queixa, aproximadamente a 1,5 km ao leste da “Cabeza Grande”.
Graciñas pola achega. Apertas