Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

A touro pasado

Cada lingua crea os seus propios espazos de significados, metáforas que saen do seu eido inicial e acaban por servirnos para explicar o mundo. En galego, o mundo rural creou moitos deses significados que pasaron á lingua xeral a través de frases feitas: mala herba, quedar para a semente, botar o carro diante dos bois… Tamén o mar, o fútbol, o boxeo, a guerra conseguiron que o seu léxico específico pasase á fraseoloxía.

Mais que facer cando o galego se ve invadido por espazos simbólicos alleos? O caso máis importante é o dos touros. Nin desde o punto de vista da antropoloxía nin do da historia, a tradición de matar touros por vicio tivo espazo relevante na nosa sociedade. Por que, entón, falarmos con termos taurinos no rexistro cotián? A causa hai que buscala no mimetismo de moitos falantes con aqueles recursos que escoitan, especialmente nos medios de comunicación. Probade a escoitar algunha vez (algunha vez que iso a longo prazo ten danos sobre a saúde) as tertulias da Radio Galega ou da TVG. Comprobaredes como empregan continuamente frases procedentes do mundo dos touros. Esta eiva no idioma (bastante pobre na maior parte deles, por certo) únese a moitas outras que padecen, desde a fonética á sintaxe.

Expresións como a touro pasado, coller o touro polos cornos, dar a volta ao ruedo, poñerlle a puntilla, entrar ao trapo, deixarse torear, gañar as dúas orellas e o rabo, pór o traxe de luces… son foráneas, empobrecedoras e impropias do galego. Úsanse unicamente por comodidade, como un automatismo que descafeina a expresión. Tamén en castelán quen abusa das frases feitas demostra pobreza léxica, certas limitacións á hora de construír un discurso xenuíno e orixinal. Que alguén na casa, conversando coa familia, intercale refráns ou referencias preconstruídas de cando en vez, é normal. É no rexistro doméstico onde baixamos o nivel de expresión. Converter unha intervención no parlamento ou na televisión nunha sucesión de frases feitas é indicador do desprezo desa persoa polo oficio que desempeña nese momento e polo que cobra.

En galego debemos intentar evitar (sen obsesionarnos, claro está) falar en termos taurinos e escoller os momentos e as oportunidades de utilizar fraseoloxía na nosa expresión. Canto máis formal sexa o noso rexistro, menos peso deben ter os bordóns no noso discurso.

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: