Dúbidas do galego

Rajoy

Tan afeitos estamos os galegos a que nos nomeen coas palabras do castelán que temos que parar un segundo e reflexionarmos sobre os motivos de que colaboremos tan activamente nun longo proceso de marxinalización, inxusto e –coma todos– reversible.

O exemplo que hoxe quero compartir é o de Rajoy. Desde hai anos, este nome propio é sinónimo de moitas cousas. As connotacións déixollas a cada lector porque seguro que cadaquén temos nos nosos adentros un adxectivo, un concepto, un momento que relacionamos inevitablemente con esta palabra. E por fóra de todo iso queda o esquelete: Rajoy é a deturpación dun bonito topónimo galego que pasou á onomástica: Raxoi.

Conta Gonzalo Navaza que foi especialmente a partir do século XVIII que os escribáns, algúns galegos, os máis de fóra, empezaron a corrixir os apelidos e nomes dos nosos lugares e parroquias para que se adaptasen á unidade lingüística soñada polo imperialismo español. Non foi un proceso necesariamente ditado por ningunha orde. Como ben explicou Antonio Gramsci xa hai moitos anos, na cultura só cómpre crear unha hexemonía para que todos os axentes traballen implicitamente a favor dela. Eis como os Raxoi pasaron a Rajoy en tantos casos. E xa non volveron.

Tras a chegada da autonomía, no 1981, promoveuse un proceso de restauración lingüística. Por iso o pazo no que se empraza o Concello de Santiago, por exemplo, é o Pazo de Raxoi e os tres lugares que levan ese nome: un na Caniza, outro en Valga e outro en Vedra volveron ser Raxoi tamén nos papeis oficiais.

Na onomástica o proceso de restitución fracasou. Non houbo pedagoxía, máis ben boicot por parte da burocracia encargada dos rexistros, fortemente vinculada ao poder estatal. Ningún proceso ten éxito a base de voluntarismo, máis cando custa tanto mudar calquera aspecto dun apelido: a súa grafía, a súa orde… Son odiseas entre labirintos funcionariais. Os servidores públicos convértense en tiranos (mercé ás leis, non pola súa culpa) que dificultan que os Freijanes sexan Freixáns; os Teijeiro, Teixeiro; os Cid Cide, os Rajoy Raxoi.

Este blog ocúpase das dúbidas que xorden cando escribimos en galego. En moitos temas, eu, o autor e único responsable, tomo posturas que son estritamente persoais, discutibles e por veces polémicas. Neste asunto, considero que naqueles casos nos que non haxa ningunha dúbida de que estamos ante apelidos galegos deturpados, inequivocamente aldraxados por sons e grafías alleas, é conveniente restituílos nos textos. Eu sempre escribirei Mariano Raxoi Brei; Alberte Núñez Feixoo; Xavier Gómez Noia. En casos nos que a propia persoa fixo esforzos por adaptar o seu apelido á grafía galega hai que ser xenerosos, non obstante. A ninguén se lle ocorrería chamarlle ao director da editorial Galaxia Vítor Freixáns (xa falaremos da miña hipótese sobre este apelido noutro momento).

Single Post Navigation

23 reflexións sobre “Rajoy

  1. Eliezer Rajoy o dixo:

    Lamento ter que informarlle que levamos sendo Rajoys moito tempo hai. Tanto se foi dos primeiros en ser deturpados, tanto coma se foi un calco doutro apelido francés, tanto coma se ten unha grafía adaptada ó chou (coma no caso de miña antepasada “Genibra” Rajoy, que deu en Genevera, Genivera, Genibera, Ginebra e un longo etc. do que se quere lle podo mandar documentos para que ría un pouco co castrapo que neles se ve) o caso é que levamos máis tempo sendo Rajoys que Raxois ou queoutra forma quixer. Pásese polos rexistros de Pontecaldelas ou Santiago (xa sabe que a partir de finais de 1800 hai que ir ás igrexas a por documentos) e verá como Raxois non abundan.

    • Graciñas por comentar. Por suposto que non hai Raxoi nos documentos de rexistro por unha sinxela razón: cando se xeneralizou o uso documental o galego non se consideraba nin lingua. A cuestión de fondo é que a forma Rajoy, pronunciada á castelá, é unha deturpación. Na miña opinión, Sanxenxo é unha forma documentalmente moderna mais non por iso lexítima e propia.

      • Eliezer Rajoy o dixo:

        Ten probas escritas de tal cousa ou son suposicións? Porque eu podo dicir que por vir dunha zona con gheada profunda, o termo orixinario era Ragoi e te-la mesma validez…

      • A principal proba é que os nomes de lugar dos que obviamente procede o apelido son denominados en todos os casos Raxoi; non hai ningún lugar chamado Ragoi. Graciñas por comentar.

  2. Poida que sexa unha cuestión subxectiva, pero o de cambiar un nome oficializado doutro xeito non me parece correcto… Para min é coma se fóra de Galiza me fosen chamar Isabel, ou Elisabeth, cando o meu nome é Sabela. Tampouco me gustaría que me “traducisen” o Panizo: as orixes e a historia non se deben mudar para o esquecemento.

    • “As orixes e a historia non se deben mudar para o esquecemento”. Estou de acordo con esa afirmación. Por iso falo de restitución da forma orixinal. Cando convertemos un Ginzo en Xinzo non estamos traducindo, estamos corrixindo unha forma inxustamente imposta por un escribán, un cura ou calquera outro tipo de axente institucional. O tema dos nomes de pía é outra historia. Eu, persoalmente, coido que nos medios en galego debemos traducir os nomes das persoas galegas á nosa lingua, simplemente por darlles visibilidade ás formas propias, outra vez para que non se esqueza que son así. Non sería o primeiro caso que alguén decidise mudar o seu nome no rexistro unha vez que se “familiarizou” coa forma galega ao vela escrita e pronunciada por outros. Moitas grazas por comentar.

      • Estou de acordo co que dis dos topónimos, pero non (en absoluto!) co de traducir os nomes das persoas, moito menos os nomes propios, coma os Alberte e Xavier que propós (e non sería Xabier?). E menos nos medios. Se os colegas dan en te chamar dun xeito xa lles dirás se non che gusta, pero cos medios non é fácil a defensa. Xa che digo, se a min non me chaman polo meu nome, amólame, así que non llelo fago aos máis. Non o penses só para o galego, iso cámbiache o conto.

      • Grazas por opinar. Espero escribir novos textos que acendan as túas ganas de participar no blog. Apertas.

  3. Olegario Rial o dixo:

    Acertaches en sacar este tema, pero non deberas ser tan pesimista a respecto dos problemas para quen quixer, por exemplo, trocar a orde dos seus apelidos. O que pasa é o de sempre, a indiferenza (por non empregar outro termo máis forte) do pobo galego cara a súa lingua. Cando en xaneiro diste ano decidín troca-la orde dos meus apelidos para que os meus fillos levaran o tan galego “Rial” (con centos de lugares así chamados no noso país) no canto de “Rodríguez”, e comecei o proceso, todo resultou moi sinxelo, rápido e non me custou un peso (DNI incluído). Hoxe en día, na que tódalas empresas e organismos están informatizados, pódense mudar os datos persoais de varias dependencias en tan só unha mañá, ademais do emprego do correo electrónico nos casos en que este se admite. Cada día estou máis a gusto coa decisión que tomei e animo a todo o mundo a que o faga. Se quixerdes aclarar algunha dúbida sobre este particular, podedes vos pór contacto comigo (lalorial@hotmail.com).
    De outra banda sempre que falamos galego, son partidario de pronunciar en xis apelidos como Feijóo ou Teijeiro, xa que no noso idioma o son da “j” castelá non existe. Outra cousa é escribilos (Feixó, Teixeiro) cando o propio interesado non o fai. Debemos ser moi respectuosos cos elementos que forman parte do máis íntimo das persoas se non queremos escoitar de novo o pesadelo da “imposición”.

    • Graciñas por comentar e polo teu ofrecemento. Teño unha dúbida: tiveches que mudar todos os documentos, eu que sei, un título académico, por exemplo?

      • Olegario Rial o dixo:

        Como comentei, non hai nin un ano que teño nova denominación, de xeito que aínda non me vin na necesidade de acreditar titulacións.
        Entendo que non sería preciso cambiar documentos ou expedientes xa vencidos como por exemplo un titulo académico, pois chegado o caso sempre se podería -se debería- acompañar do documento oficial do Rexistro Civil onde indica a antiga e a nova denominación. Por similitude: que aconteceu cos contratos en pesetas cando entrou en vigor o euro ? Que se mantiveron sen alteración e, no caso de teren que se aplicar, faríase co seu contravalor segundo o cambio oficial que se determinou. Así é como o razoo eu. Outra cousa son as bases de datos vixentes (centros académicos incluídos) e que teñan repercusión na actualidade.
        En resumo: unha vez tramitado o cambio no Rexistro Civil, o seguinte paso é trocar o DNI, que para este suposto é gratuíto. Xa co novo DNI comecei polos bancos (asegurádevos de manter efectivo, pois durante uns días estaremos sen novas tarxetas de débito-crédito) e continuei: Carné de conducir (é posíbel que non sexa gratuíto. No meu caso estaba próximo a vencer) Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Facenda, recursos humanos do posto de traballo, …. Menos presa ten comunicalo ás compañías de seguro (coche, fogar, vida) fornecedores de servizos varios (Luz, auga, telefonía), e mesmo asociacións nas que participemos. A meirande parte das comunicacións producen efectos inmediatos, pódense facer telefonicamente ou vía correo electrónico, e considéranas tan triviais coma cambiar o enderezo.
        Agardo terche sido de axuda.

      • Outravolta grazas. Sei de varias persoas que queren mudar os apelidos para “deixar en herdanza” o máis galego/senlleiro que seguro que van agradecer os teus consellos e a túa experiencia.

  4. Ola. Por que optas pola forma Xavier no canto de Xabier?
    Graciñas.

    • As dúas están admitidas. Unha vén do francés-catalán, con v; a outra da ortografía vasca moderna, con b. Nos casos de persoas que escriben o seu nome habitualmente en castelán adoito manter o v para modificar o menos posible.

  5. Feijoo é un apelido xenuinamente galego. Está grafado coma no galego medieval ou coma no galego reintegracionista. Pronúnciase Feixoo, mais escrévese Feijoo. Eu non teño culpa de a prensa lle dea por pronunciar este apelido galego de seu á castelá. Mais Feijoo é xenuinamente galego e non fai falla retocalo na escrita, débese deixar como está. Iso si, hai que pronunciar Feixoo.
    Polo tanto, o nome do noso presidente debe escreverse Alberto Nuñez Feijoo.

    «Grafia arcaica»: uma pequena vitória do reintegracionismo

  6. Andrés M. Muñiz o dixo:

    O problema máis gordo, dende o meu punto de vista, foi chapodar a iota coma: ge e gi, do galego.
    Por suposto que nos documentos máis antigos non vas a atopar escrito Raxoi nin Feixoo… Pero so Feijoo e Rajoi…
    Agora ben, esa iota non se pronunciaba coma a “jota” castelá, senón coma o modernismo este noso do “xe”.
    Repito, o absurdo foi chapdar as formas antigas: ja, je, ji, jo, ju, ge e gi… Que xa se pronunciaban coma xa, xe, xi, xo, xu…

    • Boa tarde. Graciñas por comentar. A primeira normativa do galego é do século XIX e non usaba o j. A primeira normativa científica do galego é da década do 1980 e non usaba o j. Esas formas antigas das que falas son en realidade grafías castelás. Como ben explica Gonzalo Navaza, quen escribiu Feijoo quería ler Feighóo, non Feixoo. Na Idade Media non había ortografía; cada escribán decidía como poñer os nomes, polo que non se pode tomar como referencia de nada. Todas as linguas evolucionaron e buscaron unha normativa. Podemos estar en desacordo e pedir o cambio pero pensas que sería doado convencer a xente de que a letra j representa o son x?. Apertas

      • Ti ves que os cataláns pronúncien Jordi ou Josep á castelá? Se se puideron convencer aos cataláns, por que non aos galegos?

      • Mais algúns escribáns usaban o j pra representa-lo son do actual x na Idade Media. É dicir, que eles escribían Feijoo ou Rajoy; mais representando a pronuncia de Feixoo e Raxoi. E como a maioría da poboación era analfabeta, dáballe igual que letra usasen pra representar este ou aquel son; só lles importaba a pronuncia.
        Ademais, na Idade Media está aceitado que o galego e o portugués eran a mesma língua. No portugués, antes da reforma do 1911, escribíase abysmo, gymnasio, hydraulico, hygiene, lyrio, martyr… mais ese y representaba o son dun i normal (https://pt.wikipedia.org/wiki/Reforma_Ortogr%C3%A1fica_de_1911). Se o galego e o portugués antes considérabanse a mesma língua, ten sentido ese y final de Rajoy.
        Após todo, os apelidos son pasados de xeración en xeración durante centos de anos. É dicir,que pra casos coma Feijoo ou Rajoy non hai que aplica-la norma actual do galego; senón a que existía hai uns séculos; durante a Idade Media. Cada un escribía como quería, certo, mais entre esas múltiples normativas e escollas persoais de cada un; había escribáns que usaban o j pra representa-lo son do actual xe e o y pra representa-lo son do noso i actual.
        Polo tanto, a escrita deses apelidos está correcta; xa que se fixeron nun tempo en que era lexítimo usar eses grafías pra representar eses sons. Non importa que agora xa non o sexa, porque os apelidos non se crearon agora seguindo a normativa actual da RAG.
        O que si que non é correcto é pronunciar eses apelidos á castelá. Hai que pronuncialos á galega. É dicir, aínda que se escriba Feijoo e Rajoy, débese ler Feixoo e Raxoi.
        Persoalmente, penso que un dos maiores “logros” do Rexistro Civil e da propaganda de Madrid foi que pronunciemos apelidos lexitimamente galegos á castelá. E é contra iso contra o que hai que loitar. Non fai falla corrixilos apelidos na escrita, porque xa son galegos de seu. Mais o que hai que corrixir é a pronuncia. Hai que recupera-la auténtica pronuncia deses apelidos e desterra-la imposta dende Castela e Madrid. Por iso, hai que pronunciar Feixoo e Raxoi.

  7. Xoán Acuña o dixo:

    Unha mágoa que non che respondese o amigo “Anónimo” reintegracionista. Dígoo porque a min gustaríame saber que opina(n) de, por exemplo, que haxa tres empresas leiteiras que respectan o galego e, porén, sete ou oito que “pasan” olimpicamente del (por non falarmos doutras, coma certos supermercados “da terra” ben coñecidos) mais grafían os envases en portugués e castelán. Son estas últimas máis “galegas” cás tres primeiras? Estámonos a facer a picha un lío, con perdón, nós mesmos, mentres resoan as gargalladas dende fóra. Máis papistas cá o papa. Repito: unha mágoa tanta esquizofrenia lingüística…

    • Hai empresas que os seus envases só os traen en castelán. Outras téñenos nas catro linguas con máis prestixio da España: castelán, catalán, éuscaro e galego. E outras téñeno no galego e portugués.
      Eu prefiro as dúas últimas opcións. Mais a primeira é inaceitábel.
      O que me da mágoa é: Cantos envases hai no aranés, no aragonés ou no asturleonés?

Deixar un comentario