Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Alzacuello

Foi Marcos Peña, seguidor da páxina do ‘Dúbidas’ no Facebook, quen me descubriu o tema deste artigo. Agradézolle que me preguntase. Non reparara nunca en que esta palabra non ten unha forma galega estendida. E é lóxico: nela danse dous factores para que o castelanismo triunfe: é do campo semántico da relixión e mais do da roupa.

O alzacuello define en castelán unha fita de tea endurecida que, cinxida ao colo, obriga a levalo erguido. Tamén, xa mais especificamente, unha fita solta de tea endurecida ou de material ríxido que se cinxe ao colo, propia do traxe eclesiástico.

Alzacuello primeiro definiu calquera peza de tea dura ao redor do colo e logo, ao desapareceren do repertorio téxtil “civil” esas pezas de merzaría, o significado quedou restrinxido ao traxe de cregos e demais sacerdotes cristiáns.

Por este motivo, en galego podemos usar a palabra colariño. Aínda que no dicionario da RAG non aparece o significado de fita de tea endurecida que vai no pescozo, si o definen deste xeito tanto o Estraviz coma o Franco Grande, entre outros. Aínda que a ausencia de colos endurecidos na vestimenta normal quizais fai innecesaria a precisión, simplemente con engadir “de crego” ou “eclesiástico” queda claro a que nos referimos. “Os traxes que Bruni deseñou para o Vaticano son tan elegantes que se non for polo colariño da camisa nin sabías que os vestían curas”.

O Estraviz aínda nos dá outra posibilidade: cabezón. Esta palabra xa aparece no Dicionario da RAG (1913-1928) co significado de “parte dalgúns vestidos que rodea o pescozo”. O colariño de crego, como pode verse nos traxes dos sacerdotes luteranos, nin sempre foi como agora polo que é normal pensar na semellanza entre o formato propiamente clerical e outros modelos de gola que servían para destacar a parte do pescozo. “O cabezón dos pastores anglicanos é máis ancho e vai por completo á vista”.

 

 

Advertisements

Single Post Navigation

6 reflexións sobre “Alzacuello

  1. manuel rodríguez alonso o dixo:

    A RAG admite colariño como equivalente do castelán alzacuello no seu Dicionario castelán-galego, aínda que despois non recolle esta acepción no DRAG en liña. Aquí admite colariño para o colar ortopédico. O Gran Xerais tamén recolle colariño con esta acepción do alzacuello castelán, así como o castelán-galego da mesma editorial Xerais. Paradoxalmente o Dicionario castelán-galego da RAG propón non colariño para o colar ortopédico, como fai o dicionario en liña, senón colar ortopédico. Por iso, na lexicografía máis utilizada xa aparece consolidado colariño. Parécenos moi ben a túa proposta e tamén poder parolar sobre estes termos e escollas. Curiosamente o novo Dicionario de Secundaria/Bacharelato de Xerais non recolle este termo nin esta realidade. Tamén a RAG debía coordinar os seus dicionarios.

  2. Xosé-Henrique Costas o dixo:

    En ocasións, para o léxico da relixión o recurso ao medieval pode ser interesante para achar algunha solución terminolóxica. Hai xa moitos anos (30?) a min saírame nunha tradución a palabra “vinajera” (esa fontiña empregada na eucaristía católica para levar en xerriñas a auga e o viño destinados á consagración) e toleei ata que topei “viñeira” co mesmo sentido nun texto medieval onde se listaban unha chea de obxectos eclesiásticos valiosos que unha familia doaba a unha igrexa. Pois naquela tradución espeteille a “viñeira”e quedei aliviado.

    • Estou de acordo contigo. Ao desaparecer o galego da liturxia durante tantos séculos, cómpre restituír o vocabulario propio. Como a maioría das cousas da misa seguen iguais que daquela non hai medo de que estean resesas esas palabras 🙂

  3. Primeiro felicitarte por este blog tan instructivo. Parabens.
    Poderías un día facer unha entrada explicando a diferencia entre “como” e “coma”,
    e cando se utiliza cada un??
    Apertas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: