Dúbidas do galego

As relacións sentimentais en galego

Gran parte do vocabulario que empregamos para definir termos do campo semántico das relacións sexuais ou sentimentais está furado por castelanismos ou castrapismos. É certo que o léxico deste ámbito adoita estar nas bocas das xeracións máis novas e polo tanto é dinámico. Mais iso non debe ser atranco para recordar algunhas formas tradicionais que hoxe están en perigo de extinción.

Cando dúas persoas establecen unha relación sentimental, en galego dicimos que gustan un do outro. “A Aldara deixou o mozo que tiña porque gustaba máis do médico de Folgoso”. A forma gustar de podémola aplicar noutros contextos, claro está. “Gusto máis das uvas ca dos amorodos”.

Hoxe dicimos que cando unha parella está inmersa nunha relación está saíndo. Na tradición galega usouse moito o verbo falar para indicar ese significado. “Ti sabías, Lucha, que a túa filla fala co meu sobriño Chuco?” ou “Eses que ti dis falaron pero agora nin se falan”. Reparade no valor do reflexivo, que axuda a evitar confusión entre os diferentes significados de falar.

A propia relación amorosa chámase namoro. O verbo namorar, amais de definir o nacemento do sentimento do amor tamén se refire ao propio acto de estar coa parella. “Moito tardades, nin que estiverades a namorar”.

O outro día vin no facebook un comentario sobre a foto dunha parella que dicía: “Vaia par de tortoliños”. O paxaro tórtola dise en galego rula ou rola. Non debemos nin adaptar nin traducir xa que rula en galego non serve para definir os namorados senón para dirixirse con cariño á persoa amada. “Miña rula bonita que convertes os meus minutos en amenceres”.

Cando o amor avanza e a parella empeza a convivir, sen voda polo medio, en galego usamos a palabra amigar e o adxectivo amigada/o. “Non casaron, están amigados”.

Amigo/a é unha palabra relativa á persoa amada xa desde a Idade Media. Aínda que nos últimos tempos gañou o significado de persoa coa que se mantén trato de afecto e confianza (bastante xenérico, non si?) permanece no galego vivo a súa acepción de amante. “Non esperou a ficar viúvo para meter a amiga na casa”.

No galego é máis habitual falar de home ca de marido. “Somos home e muller, de portas a dentro e de porta fóra”. Niso, o noso idioma é máis igualitario ca o castelán, que fala de “mujeres” si pero de “maridos”.

 

Single Post Navigation

9 reflexións sobre “As relacións sentimentais en galego

  1. X.Henrique Costas o dixo:

    Na miña zona a expresión “face-lo amor” significaba simplemente namoriscar alguén, facerlle as beiras a alguén, pretender alguén. Agora xa ninguén o di nese sentido, supoño que porque o fino español “hacer el amor” no sentido de copular (calco total do francés “faire l’amour”) se lle impuxo e lle aniquilou o sentido primixenio galego. Unha pena, porque para copular temos ducias de formas e expresións de noso, de maior a menor delicadeza.
    Se hoxe o usásemos no sentido dos nosos maiores todo o mundo o entendería “á maneira española”, a non ser que nunha teleserie ou así se usase no sentido propio galego e se difundise e rehabilitase o noso significado para esta expresión.

  2. E que me dis de “envolverse” ? Tes oído do seu uso para expresar unha relación curta? (Envolveuse con fulano)

  3. Se mo permites, vou engadir a expresión “facer as beiras”, que é ben bonita e significa tratar de namorar. “Mocear”, aínda que non a recolle a Real Academia Galega, aínda se escoita por aí (“eses dous andan a mocear”) co significado de saír xuntos. Ou, mellor, co significado de facer as beiras 😉

    • Graciñas! Así dá gusto e o traballo queda moito máis completo. En efecto, todas esas formas son nosas e debemos usalas para darlles nova vida. Para próximas ocasións, non tes que pedir permiso; as portas desta casa están sempre francas e agradécese moito tanto a visita coma a palabra. Apertas!

  4. Reblogged this on Somos leóns/Somos leones. and commented:
    Xa que vén aí o San Valentín…

  5. Bom artigo para refletir sobre o uso do léxico. Eu queria fazer uma correção; duas pessoas numa relação sentimental não são uma “parelha” mas um casal. Parelha tem um uso muito diferente em Galego (parelha de bois, cavalos, etc)

    • Graciñas polo comentario. Casal só aparece nun dicionario galego, o Estraviz, e ese significado que sinalas é o cuarto, por detrás dos usos comúns no galego actual e tradicional referidos á casa. Casal ten un uso amplo no portugués mais ben escaso no galego. Saúdos

Deixa unha resposta a freddycalcarea Cancelar a resposta