Dúbidas do galego

Como e coma

Ás veces lese en textos en galego un uso inadecuado ou mellor dito indiscriminado das formas coma e como. Hai unha regra fácil para sabermos cando utilizar unha ou a outra.

O primeiro que debemos saber é que en todos os casos nos que empreguemos coma podemos tamén empregar como mais só poderemos substituír como por coma nun caso: cando esa forma equivale á conxunción que forma parte da partícula comparativa. “Xa estás tan alta como a túa nai” é unha frase correcta. “Tomou posesión coma novo conselleiro de Cultura” é unha frase incorrecta. Un truco efectivo é comprobar nunha frase se o como fai as veces de partícula comparativa. Só temos que substituír o coma/como por “igual que/ca”. Por exemplo, podemos dicir “Fai coma min, non te metas en política”? Trocamos a frase: “Fai igual ca min, non te metas en política”.

Na frase “Estás tan alta coma a túa nai” aínda é máis doado xa que só temos que observar a forma “tan”, presente case sempre nas frases comparativas: “Berrei tan alto coma puiden”; “Faime tan ben a leituga coma a escarola”. Ás veces aparece a forma tanto. “Dóeme tanto coma a ti”. Noutros casos, a comparación faise só coa forma coma: “Coma min non vas encontrar moitos que gusten tanto da marmelada de figo”. “Para este traballo non buscamos alguén coma ti”.

En todos estes casos poderiamos usar a forma como: “Berrei tan alto como puiden”. “Doéme tanto como a ti”.

Cando como é adverbio nunca se pode substituír por coma. Tampouco cando é unha conxunción modal, como no exemplo de “Tomou posesión como conselleiro”. Para non equivocarnos usamos o truco de trocar como por igual ca: “Tomou posesión igual ca conselleiro”. Non ten sentido xa que ese como equivale a “en calidade de” ou “conforme”.

Máis exemplos: “Falaches como/coma unha sabia”. “Tesme a casa limpa como/coma unha patena”. En cambio: “Acolleuno no pazo como vello amigo do exército”. “Compórtate como debes”.

Single Post Navigation

26 reflexións sobre “Como e coma

  1. Prezado César: ¿que facemos con «así como»? Téñolles visto escribir «así coma» a diversos estudosos e non sei se é un uso irregular ou correcto. ¿Consideramos «así como» unha locución conxuntiva fixa, ou poderíase varia-lo último compoñente?

    Grazas por estes bocadiños de corrección lingüística e reflexión social que vai deixando por aquí. Unha aperta.

  2. Moitas grazas por esta entrada e por todas estas dúbidas que nos vai resolvendo a cada pouco.

  3. Lendo esta aclaración lémbrome dun caso semellante: Onde/onda, cando/canda. Onte lin na prensa o seguinte: “…a foto do porto da Coruña na que se ve a dous rapaces, cando ás súas maletas, desolados por perder o barco para Cuba”
    Penso que está rematadamente mal, entre outras cousas porque eu nunca empregaría “canda” para me referir a cousas, senón a persoas . Así, “veu canda min” (veu comigo e no mesmo momento)
    Que podes comentar destas formas tan nosas. Están morrendo cos nosos vellos, pero agrádame moito empregalas. Grazas.

    • Graciñas polo comentario, Lalo. Tomo nota da suxestión e falarei das formas onda e canda nun próximo artigo. Tes razón, son formas autóctonas en perigo de extinción e obviamente non teñen nada a ver con cando nin con onde. Apertas

  4. Estes pequenos trucos hanme vir ben, porque ás veces dubidei á hora da escrita. Na fala parece que non dá tanto tempo a pensar 😉

  5. Merchi Villar o dixo:

    Tiña entendido que se un comparativo de igualdade ía seguido du verbo, a única opción era como. Así pois, diríase “Berrei tanto como puiden”. Comprobeino tamén co meu pai, que fala galego como primeira lingua, e a quen lle sona fatal a mesma oración con coma. Será un uso local, é dicir, da zona do Morrazo. Por outra banda, e por se che aclara algo, aquí o máis habitual é usar coma no resto dos casos do comparativo.

    • Ola, Merchi: É así como dis. Hai un erro no texto. Non o vou corrixir para que o teu comentario siga tendo sentido. Non é un uso local, está estendido e así o recoñece a norma. Graciñas por decatarte do erro e explicalo tan ben. Por suposto, quédoche agradecido por leres o blog e comentalo. Apertas

      • Merchi Villar o dixo:

        Grazas a ti, non atopaba unha boa aclaración da distinción entre como e coma por ningures.

  6. A distinción quedoume clara, pero xurdiume unha dúbida referida ao caso por exemplo de definicións:

    “A LOMCE definde ao alumnado coma un conxunto de….” Eu emprégoo así, e entendo que está ben pois pódese substituír por “igual ca”. Pero non o vexo como unha comparación estricta.

    Graciñas de antemán, aprendo moito nesta páxina.

    • Ola, Beluca. Explícoche. Parece que en efecto vén dicir ese como (igual ca) pero en realidade é en calidade de: o verbo definir non é comparativo, así que nese caso é como. Repara en que ademais nesa frase hai un obxecto directo introducido pola preposición a. En galego, mellor sen a: “A LOMCE define o alumnado como un conxunto de…” . Apertas

      • Moitas grazas! Lendo agora de novo a entrada coa súa explicación xa estaba claro, e a miña dúbida era absurda, máis ás veces empeñámonos en ver algo dun xeito e non saimos de aí. Mil grazas polo traballo que fai!

  7. Xavier Queipo o dixo:

    Estou corrixindo unha novela. Os correctores deixaron nunha morea de casos “coma se”, como boa opción. Lendo o seu artigo non o teño tan claro. Dous exemplos: “atordado coma se me desen cun martelo mecùanico na cabeza” e canso coma se correse un maratón duplo”. Moitas grazas polo seu tempo.

  8. Ola, Xavier. Nos casos que apuntas si é valido pór coma porque é unha partícula comparativa. Graciñas por comentar. Quedo con moita gana de ler a túa nova novela. Que boa nova! Apertas.

    • Moitas grazas pola túa resposta. Fico descansado. Ás veces, asáltanme inseguridades pois aprendín galego con Cunqueiro, Blanco-Amor e Ferrín, que non son precisamente ‘normativos’. Ademais a gramática foi sempre a miña materia pendente. A novela sairá en Setembro-Outubro e será distinta de todas as precedentes, na temática e no estilo.

  9. Hola César. Na seguinte frase: “o feito de converterse nun alumno exemplar non o eximía de ser un neno como calquera outro”, é correcto usar como? Outra dúbida que teño é a forma “calquera outro” ou mellor “outro calquera”?
    Moitas grazas polo seu tempo.

  10. Que pasa com “como/a” antes dunha enumeración? por exemplo: “autoras coma/como Moure, Sumai, Aneiros…”

  11. Hola buenas.
    En la oración; “Coma/Como toda figura de gran altura histórica, a súa vida era impredecible.” cual de las dos opciones debemos colocar y por que?
    Gracias de antemano.

    • Ola. Coma só pode usarse cando equivale a igual que. E é obrigatoria cando precede pronomes persoais (coma min, coma ela). Na frase de exemplo valen coma e como. O que está errado é ese gran, xa que ao empezar por vogal altura, debe ir a forma plena: grande. Saúdos

  12. Boas!
    A min acábame de xurdir unha dúbida na corrección dun texto. Eu tamén tiña entendido que o uso de como é obrigatorio diante dos verbos. Isto tamén acontece entón coas formas verbais impersoais como o xerundio? Este é o fragmento no que non o teño moi claro: “…tanto na súa composición e estrutura coma seguindo un comportamento responsable”.

Deixa unha resposta a Pablo B Cancelar a resposta