Dúbidas do galego

Tipo de interese

A linguaxe bancaria está ben afastada do galego, coma todos os espazos de dominio social e económico. O uso por parte das entidades que operan en Galicia (desde hai anos só existe unha caixa propiamente galega, a Caixa Rural) é no mellor dos casos litúrxico, habitualmente subordinado ao castelán, con erros ortográficos, cun desprezo tácito cara á nosa lingua e cara aos seus clientes que a usan. Só hai que observar as dificultades para operar en galego nas súas páxinas de banca electrónica ou achegarse ás oficinas.

Non é por aburrir con anécdotas pero recordo cando hai ano e medio fun pagar o meu primeiro recibo do aluguer á oficina de Abanca (daquela aínda Novacaixagalicia). A muller que me atendeu díxome que era de fóra, que non sabía escribir en galego, que por favor lle anotase nun papel como se escribía aluguer. Mentre eu estaba a facer a nota, un compañeiro seu, ese si galego, apartouna do ordenador, e acabou o trámite poñendo un sonoro alquiler. Vin o papel e pedinlle que o puxese en galego. El, sen perder o sorriso e o rotacismo ourensán, díxome. “Ahora ya te está. Si quieres modificarlo, tienes que hacer cola”.

Ese mes pasou así pero ao seguinte fixen forza para que me atendese el. Cando lle paguei, insistinlle en que puxese aluguer, “así en galego que nos entendemos todos”. Requichou o fociño e non protestou. Ao ver a folla impresa vin que puxera un fabuloso “Aluger Xulio 2013”. Xa nin protestei; emigrei cara á banca pola internet.

Que lles imos pedir aos traballadores cando os directivos descoñecen a lingua. Abanca vén de mudar o servizo de venda de entradas pola internet. Antes chamábase Servinova, agora Ataquilla. Como expliquei aquí, taquilla é un castelanismo, por suposto moi implantado, pero substituíble.

Na lingua bancaria, hai algúns castrapismos que debemos evitar. O máis común é tipo de interese, calco de tipo de interés. En galego, interese define, segundo o dicionario da Academia Galega: a actitude de ánimo de quen dirixe a súa atención ou se inclina cara a algo ou a alguén. Circunstancia ou calidade pola cal unha cousa esperta curiosidade, chama a atención ou resulta importante para algo ou alguén. Aquilo que convén ou pode beneficiar a alguén, en particular á persoa que realiza a acción.

A palabra galega para falar da cantidade de diñeiro, expresada normalmente en porcentaxe anual, que produce un capital prestado, falamos de tipo de xuro. “O gran negocio da banca após a crise é comprar o diñeiro a xuro cero no Banco Central Europeo e emprestárllelo logo a un tipo do 1,5% aos Estados da UE”.

Xuro tamén define a cantidade de diñeiro que rende un capital. Neste caso úsase normalmente o substantivo en plural. “Cos xuros que lle rende a herdanza da avoa gaña un salario mensual ben xeitoso”.

Nese caso tamén podemos usar as palabras rédito e beneficio. O verbo que define o crecemento do capital é render mais tamén rentuar. Esta palabra, moi viva na fala popular, non aparece no dicionario da RAG mais si noutros, caso do Estraviz. “Non paga a pena ter o diñeiro no banco, vendo o que rentúa”.

No VOLG (que define o léxico admitido na lingua estándar) advírtese de que o verbo ingresar non se pode utilizar co significado de engadir diñeiro a unha conta bancaria. Como substituto recomenda depositar. Mais na meirande parte dos dicionarios si aparece ingresar no contexto bancario polo que podemos considerar tal verbo como plenamente correcto.

Tampouco aparece tanto no VOLG coma no dicionario da RAG a palabra libreta, polo que deberiamos mudar o nome de libreta de aforro. Mais o feito de existir livreta en portugués fainos propoñer que se inclúa como forma correcta en galego xunto a caderno ou caderneta. “Era habitual que os padriños lles abrisen aos afillados logo do bautismo unha libreta (ou caderno ou caderneta) na caixa para que fosen aforrando. A maioría desas contas quedaban comestas por mor das comisións que cobraban os bancos, esquecidas polos seus beneficiarios”.

Só por recordar outras palabras galegas da lingua bancaria, diremos investir e investidor no canto de invertir e inversor; renda no canto de renta e rendible no canto de rentable.

Advertisement

Single Post Navigation

4 reflexións sobre “Tipo de interese

  1. Luís Agulleiro o dixo:

    A túa anécdota nese banco fíxome ferver o sangue! O que hai que aturar… Xa tiñamos saudades dunha nova entrada 🙂

  2. manuel rodríguez alonso o dixo:

    Moi ben polo artigo, coma sempre. O do empregado de Banca alporiza a calquera. Por outra banda, a RAG non admite no VOLGa ´ingresar´ como depostiar cartos, pero si admite a acepción de ´depositar cartos´para ingrsesar no dicionario de 1990, no castelán-galego de 2004 e mais no actual dicionario en liña. Outra mostra da forma trapalleira en que traballan os todólogos da RAG!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: