Dúbidas do galego

Ouvir

Un día, ao entrar a traballar pola tarde na redacción d’A Nosa Terra no local de Príncipe, 22, en Vigo, Fernando Carballa, que saía a fumar, paroume en seco. Para quen non o coñeza, Fernando Carballa, compañeiro meu durante máis dunha década, é unha das persoas máis cultas que coñezo amais de lucir elegante con sandalias e pantalón de liño frouxo. “Ouve, ouve”, dixo. “Esta fin de semana escoiteille a unha muller dicir ouvir”. Entusiasmábase. “Para que logo digan que é un invento”.

Eu vivín esa alegría por descubrir unha palabra viva que contaba como morta anos despois, na casa dos meus sogros, en Xinzo da Limia. Foi a tía Rosa a que dixo rindo: “Non me faledes nesta orella que xa non ouvo nada”. Ao primeiro pensei que falaba do verbo haber: “houbo nada” pero xa a seguir contestoulle o tío Antonio: “Ouves, ouves. Ouves aquilo que queres ouvir”. Así, en trinta segundos recibín unha sobredose dun verbo que xa contaba no cemiterio do noso patrimonio léxico.

O caso é que o verbo ouvir está vivo en Galicia. Na Baixa Limia e noutras zonas, moitas delas arraianas con Portugal, úsase acotío. Persoalmente, non a emprego porque na raia da que eu son (Cequeliños) empregar oír, pero ambos os verbos son válidos, correctos e galegos non só na teoría senón na práctica.

A forma estándar de conxugar o verbo ouvir, con todo, difire da que utilizan na Limia. A primeira persoa do presente é ouzo, ao igual que todas as persoas do presente de subxuntivo: ouza, ouzas, ouza, ouzamos, ouzades, ouzan. “Ouzo pezuños de cabalo; é hora de marchar”. “Cando ouzamos a chuvia fóra xa vai ser tarde para apañar a roupa do tendal”.

O caso que vos conto é só un dos moitos que existen con palabras que aparentemente desapareceron da fala viva. Unha das grandezas de Galicia é a súa variedade lingüística, a enorme riqueza léxica que pervive entre os falantes. Claro está que ese patrimonio está en grave perigo. Primeiro porque o abandono do galego está a coincidir co abandono do rural, campo semántico tan amplo e tan importante na configuración do noso idioma. E segundo porque o proceso de castelanización do noso vocabulario está a producirse ao xeito dunha guerra partisana: tal palabra galega substitúese pola castelá en tales comarcas pero permanece noutras, co que conseguir escoitar determinadas palabras daría até para un circuíto de turismo léxico. Deixo a idea para quen a queira: visite tal aldea para sentir, espontánea e xenuína a palabra poula. Mañá iremos a tal outro lugar para desmentir que no galego real haxa quen di leite gordo, terza feira, tomara (co significado de oxalá) ou estupor (na miña casa, estepor).

Déixovos este vídeo que algo fala diso.

Advertisement

Single Post Navigation

4 reflexións sobre “Ouvir

  1. Alexandre o dixo:

    Unha miña avoa, do concello das Neves, usa só o verbo ‘ouvir’, o cal conxuga “ouso, ouves, ouve…”. A outra avoa, do concello de Ponteareas, usa o verbo ‘ouvir’ (e outras “palabras desaparecidas”) apenas cando fala con outra xente da súa idade. Por desgraza, cos fillos usa un galego inzado de castelanismos, e xa cos netos tenta falar castelán, resultando nun castrapo terríbel.

    Entre as “palabras desaparecidas” que usan as dúas, conto: corta feira, quinta feira, sexta feita, saca (bolsa de plástico normal das do super), saqueta (bolsa de plástico pequena, como as que dan nas farmacias), gardanapos, gabeta, bolacha, pronto (preparado), aleixar (mancar, magoar), parafuso, por acaso (por casualidade), batata, deitar (botar, tirar), panela, perú (pavo), sabonete (pastilla de xabón), tanxarina e tanxarineira (mandarina e mandarineira)… E expresións como “así que viñer, comemos” ou “xa ouvín falar niso”.

  2. É unha pena que todas estas palabras tan nosas vaian quedando esquecidas e máis aínda que a RAG nin as considere porque son parecidas ou iguais en portugués. A miña avoa inda di “tomara”, “tomara eu que…” por ‘quen me dera’, ‘oxalá’; poula nunca oín pero “poulo”, “deixar unha veiga de poulo”, son palabras e expresións do máis normal, igual ca pirú e perú (a femia é a perúa/pirúa), tanxarina (para as da casa, as compradas son mandarinas), leite gordo (de toda a vida mentres tivemos vacas); estepor; por acaso; pronto ‘preparado’, ‘listo’; tirar por ‘sacar’, ‘quitar’, “tirar unha foto”, “tirar o carné de conducir”, “tira esas ideas da cabeza rapaz”; Quinta Feira de Ascensión; gabeta; marmanxo; cirigaitas; guinchar; azaranzar… e podería seguir, porque hai bastantes máis, pero quedan relegadas como “dialectalismos” e buscamos a palabra do castelán.

  3. Diego Blanco Álvarez o dixo:

    Ola!

    Por se contribúo con algo, dígovos que “ouvir” tamén se di en Porto de Sanabria (provincia de Zamora)
    Resulta curioso ver que en certas zonas que administrativamente xa non son de Galicia o galego sexa quizabes máis parecido ao regulamentario que noutras partes que si son galegas.
    Sen contar nesta análise coas grandes cidades (Vigo, Ourense, A Coruña etc…) nas que os que falan galego fan un uso un pouco mesturado co castelán (por tema de xente castelanoparlante que vai alí a traballar, vivir, turismo etc), é curioso ver como por exemplo en zonas xa do Bierzo (ou Berrizo, non sei como dicilo sinceramente) fálase máis galego que no Barco de Valdeorras.
    Curioso o caso do Barco no que a gran meirande parte da xente fala galego pero cando vai aos comercios, ao hospital, bares… falan en castelán quizabes por non saberen se o outro fala tamén ou non…
    E outra anécdota do Barco é que todo o mundo di “ayer” aínda que estean falando galego, e así pódense oír frases do tipo “ayer fun a Rubiá”, “iso xa o fixen ayer”…
    Volvendo ao tema de Porto, que xa pertence á provincia de Zamora, obsérvase que falan un galego máis parecido ao que se oe na TVG que en Pradorramisquedo aldea que está a dez quilómetros e xa é do municipio de Viana do Bolo, mentres en Prado a xente di “huevo”, “con vós”, “xa salgo”, “eu non valgo” en Porto din “ovo”, “convosco”, “xa saio”, “eu non vallo”.

    Pero bueno, xa sabemos como é isto de normalizar un idioma, hai que pór unha forma estándar para usalo nos documentos, rótulos, prensa etc, (se non, vaia lío para redactar esos documentos, aínda que si hai variedades do galego que aspiran a ter a súa propia gramática allea ao galego común, como o galego de Asturias o a fala do Xalima) pero logo cada un falará na súa casa como queira… O tema está en evitar que o idioma sexa invadido por o castelán. Por exemplo, se na zona oriental de Ourense (da que estou falando) a xente di “el fizo”, “eles tein” en lugar do que a normativa di, “el fixo”, “eles teñen” non hai problema, galego é todo, o problema está en que palabras galegas que teñen un uso real sexan substituídas por castelás por telas estudadas así na escola ou oídas na tv e se substitúan como se dunha corrección se tratase, como dicir “huevo”, “xa salgo”, “a leite”, “o viaxe”, “dille que lle dé unha cerveza” e máis exemplos dos que seguro que xa vos dades de conta.

    Isto ten moitos detractores (na propia Galicia) que falan de que se é un idioma inventado que se iso é galego de telediario (porque non saben que no castelán pasa exactamente o mesmo pero non se dan de conta porque eles o castelán estudárono na escola tal e como ese do telediario, ou da zona española non bilingüe que falan tamén de que é inventar un idioma como para así desprestixiar o seu uso (do corrente) dando así a entender que son as linguas cooficiais son de “paletos” e que o uso institucional das formas normativas é un invento de nacionalistas-independentistas e outras palabras acabadas en -istas que son sinónimos de “demo”. Parece que ninguén lles dixo a esta xente que o castelán é o idioma do mundo con máis variedades dialectais e que mellor uniformizado está, o caso está en que esa normalización xa hai máis de 300 anos que se fixo, mentres que no caso do galego non chega a 50…

    Pero bueno, o que ía ser un comentario para falar do caso concreto das diferentes formas de dicir un verbo segundo a zona acabou por ser un soliloquio sobre política ligüística, así xa vai toda a miña opinión neste omentario aproveitando que o Sil pasa polo Barco (quero facer á mantenta unha castrapada co refrán español “aprovechando que el Pisuerga pasa por Valladolid”)

    Un saúdo e gracias por esta web!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: