Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

A primaveira empeza no marzal

As palabras rematadas en -ero, -era en galego son poucas e sempre están ameazadas polo látego do hiperenxebrismo. É aínda habitual, a pesar de levar o galego nas escolas varias décadas, escoitar alguén falar de sinceiro, sinceira, calqueira e primaveira. En todos os casos, a forma galega propia é sen ditongo: sincera, calquera, primavera.

Primavera é unha palabra evoluída do latín dunha forma que os filólogos consideran deformada, é dicir, logo dun proceso non mecánico que converteu a definición da estación para os romanos: primum ver (prólogo ao verán, poderiamos traducir), en primavera.

Quizais para moitos a forma marzal como nome para o terceiro mes do ano lles resulte máis familiar, incluso máis propia. É o que eu chamo o efecto do Almanaque da Zeltia. Polo menos no sudoeste de Galicia, este pequeno libriño que aos meus pais llelo regalaban cando compraban sulfato para as viñas, era un grande éxito de lectura. Canta divina vez fun eu recitando refráns e coplellas camiño a Cequeliños para grande alegría da miña nai, que sempre foi moi afeccionada a relacionar cada época do ano co seu característico feixe de ditados.

Aquela obriña que coido que xa non se publica, utilizaba un galego primario, sen desbravar, inzado de castelanismos e hiperenxebrismos, orientados os seus autores cara a unha linguaxe arbitrariamente rural que idealizaba o galego baixo o folclore dos diminutivos en -iña/o e esa falsidade expresiva que considera que nas aldeas o popular é unha fala moi distanciada do galego estándar. É coma unha perversión do galego de Otero Pedrayo, caricaturizado máis de 50 anos despois da publicación d’Os camiños da vida.

Un dos grandes intentos daquel almanaque era corrixir a lista oficial dos nomes dos meses e propoñer unha lista alternativa: xaneiro, febreiro, marzal, abril, maio, san xoán, santiago, san miguel, outono, san martiño e nadal. Hai un mito que explica que en efecto nos tempos de antes os galegos confeccionaran o calendario en base aos santos máis famosos. É só un mito. En efecto, durante a Idade Media e aínda máis tarde, as datas das principais festas utilizábanse como datas de referencia para contar períodos de tempo: “Entre Santos e Natal, ben chover, mellor nevar”. Este refrán utiliza dúas referencias de día: o 1 de novembro e o 25 de decembro. Tomar a parte polo todo só buscaba ese efecto enxebrista, artificialmente ruralizante.

No caso concreto da palabra marzal, a confusión nace entre o substantivo e o seu adxectivo. Porque marzal existe en galego e define algo relativo ao mes de marzo. “Se as chuvias marzais son moi fortes poden danar a floración”. Sinónimo é marceliño/marceliña. E para que quede claro que marzo é unha palabra galega e moi usada no refraneiro, aí quedan dous, dedicados á miña nai, a Felucha da Maraña: “Se marzo maiea, maio marcea”; “o sol de marzo mata a dama no pazo”.

Advertisements

Single Post Navigation

3 reflexións sobre “A primaveira empeza no marzal

  1. fga SERGF o dixo:

    Entendo que dado que primum ver e é neutro en latin e polo tanto ten un plural ” prima vera” o paso seguinte sería tomar este neutro por femenino como no caso de “folla” de “folium”. Eu que son de Valdeorras vexo que nos non decimos “llelo regalaban” ( o calendario) senon regalabanllo. Cando menos resultame rara a posición dos pronomes. Saúdos

    Date: Mon, 23 Mar 2015 18:24:16 +0000 To: mielomarquesado@hotmail.com

  2. Creo que é mellor utilizar comeza ca empeza. O de calqueira non o escoitara nunca. Polo demais, terían que ser aceptadas primaveira, sinceiro, sinceiramente…

  3. xaneiro, febreiro, marzal, abril, maio, san xoán, santiago, san miguel, outono, san martiño e nadal.
    Iso son 11 meses. Faltache un.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: