Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Guisantes e calabacíns

Aínda que teño unha nula habilidade para calquera traballo manual, coma todos os torpes, teño curiosidade e fascinación por todas as artes que requiren da destreza tanto coma da cabeza. Desde hai anos, a admiración polos labregos foi en aumento. Por suposto que participei en vendimas, incluso na colleita da pataca ou en tarefas ben ingratas como empillar vides, librar cortes de esterco, dar sulfato ou ir buscar leña pero a miña sempiterna alerxia ao pole e esa incapacidade manifesta para enrestrar máis de dúas cebolas libroume de facer eses labores decontino. Pero si sigo o calendario da sementeira e dáme moita ledicia papar das leitugas, amorodos ou tomates que a miña muller Eva cultiva no seu metro cadrado de abundancia, ao pé da casa.

A semana pasada uninme a un grupo no facebook que espalla e coordina as experiencias da agricultura ecolóxica en Galicia. Hai moita xente nova retornando á terra. Hai moita xente cun vocabulario deturpado para eses produtos da terra. Hoxe imos falar de horta, dos nomes galegos da horta.

Un castelanismo que está gañando moito terreo (nunca mellor dito) ultimamente é o de guisante. En galego temos varias opcións propias para definir esta leguminosa. A máis común é chícharo pero hai outras. Podemos empregar perico, ervello, ervella ou ervilla. “O puré de ervillas é deses pratos que só se aprecian cando tes máis de quince anos”.

Na horta óese moito falar de calabacín. Loxicamente, tamén é un castelanismo. Construído a partir do tamén castelanismo calabaza, en galego denomínase cabaciña, a partir de cabazo ou cabaza.

É difícil tamén que non oiades dicir puerro (ás veces pronunciado poerro). A forma galega obvia é porro ou allo porro. O castelán ajete denominámolo allo tenro e as cebolletas son en galego cebolas tenras.

Xa falamos no seu día dos feixóns verdes. Outras variedades desta leguminosa son os tirabeques. Sen saírmos dos legumes, diremos lentellas, non lenteghas nin lentexas e garavanzos.

Os boniatos coñécense en galego como batatas e a palabra verza escríbese en galego con v. Dos canónigos tamén xa fixemos un artigo. Tamén da rúcula. Outra herba que lle presta ás ensaladas é a alfábega, que tamén se pode dicir albaca ou alfabaca.

Aínda que ás veces escoitei dicir maís, en galego debemos dicir millo, milleiro ou maínzo cando falemos do cereal das mazarocas ou espigas amarelas (non mazorcas nin mazurcas).

En galego, a figueira dá figos e béveras, non brevas. A árbore que dá cereixas non é un cereixo senón unha cerdeira (tamén se pode empregar cereixeira). As ciruelas castelás son ameixas en galego aínda que segundo a variedade poidan levar algún apelido: cirola, fatón, claudia…

Agora pousade o punteiro cabo do ordenador e saíde á fresca que están os xardíns perfumados de aroma de glicinia, a flor máis efémera da primavera galega.

 

Advertisements

Single Post Navigation

9 reflexións sobre “Guisantes e calabacíns

  1. Alexandre o dixo:

    Só unha puntualización. O que en castelán se denomina “boniato” ou “batata”, en galego é pataca doce. Se ben o dicionario da RAG non recolle ningunha das denominacións, pataca doce é a máis amplamente usada. Así é como lle chaman na wikipedia (https://gl.wikipedia.org/wiki/Pataca_doce) ou na dobraxe de Shin Chan ao galego.

    Sobre o termo batata, na comarca do Condado (descoñezo se en máis partes) é o nome co que chaman á pataca, igual que fai o portugués padrón. E ainda que non vén no dicionario da RAG (como tampouco vén “ervilla”, forma que tamén se usa nesa comarca), o correcto sería nomealo como variante diatópica da palabra pataca.

    E perdoa se soei un pouco pedante, non é a miña intención. Encántame o teu blog e só quero contribuír un pouco. 😉

    • Usa-la dobraxe de Shin Chan como fonte acábame de namorar.

    • Ola. Grazas por comentar. A forma batata está recollida, para ese significado, por exemplo no Dicionario de Alimentación e Restauración que coordinou Manuel González González. En efecto, a forma pataca doce tamén é galega. E tamén tes razón ao dicires que a forma estándar pataca ten variantes, tanto batata coma patata. Grazas por comentar. Non teño nada que perdoar, ao contrario agradézoche moito que enriquezas o blog 🙂

  2. Moi bo artigo! Como son as cousas. Miña nai é castelá falante e eu falo o galego das miñas avoas que estaba bastante castelanizado. Pois miña nai sempre falaba de chícharos, e eu deixei de empregar esta palabra porque me soaba tan…. castelá!

  3. E que sabemos das variantes de cabaza? Rabaqueta, coco, cabazo… porque cada tipo ten un nome diferente. Non debemos xeralizar con cabaza, penso.
    Explicáronme que en Portugal fan diferenza entre ervilla e chícharo como hortalizas diferentes, aquí son variantes dialectais, como chámanos entón a cada cousa?

    • A linguaxe ten varios rexistros. Por suposto que nun rexistro máis profundo, máis técnico ou máis especializado moitas palabras comúns necesitan nomes máis precisos. Eis o caso da cabaza do que falas. En canto ás ervillas, en portugués non sei en que se diferencian dos chícharos. Mais aquí dilucidamos dúbidas do galego unicamente 🙂 E na nosa lingua son palabras sinónimas tal e como recollen os dicionarios máis prestixiosos. Grazas por comentar.

    • Alexandre o dixo:

      En portugués chaman ‘ervilha’ á planta e legume da especie ‘pisum sativum’, que é a que en galego coñecemos como ervilla, ervella, ervello, perico ou chícharo;
      e chaman ‘chícharo’ á planta e legume da especie ‘lathyrus sativus’, que en galego denominamos pedrelo.

      Ou sexa:

      Pisum sativum: PT: Ervilha / GL: Ervilla, chícharo, etc.
      Lathyrus sativus: PT: Chícharo / GL: Pedrelo

  4. Eu son do Val Minhor e a minha avoa tamen dicia ervilhas, igual que as suas amigas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: