Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Cuna, pañais, sonaxeiro

Non son moi orixinal ao recordar que a liña máis feble do galego actual é a da súa transmisión familiar. Vouvos dar o exemplo da miña familia. Os meus avós da Maraña tiveron seis fillas e un fillo, loxicamente todos eles galegofalantes. De todos os curmáns, catorce en total, só tres falamos o tempo todo en galego; outros tres vano alternando e os oito restantes son castelanfalantes. Todos os meus curmáns segundos (teño cinco que xa falan) son monolingües.

Como símbolo desa perda, un dos campos léxicos máis danados da nosa lingua é o da infancia. Neste artigo explicamos como chamarlles a moitos obxectos relacionados cos bebés en galego.

A miña nai chámalle cunas ás que se compran e berces aos que se facían antigamente nas casas. Seguindo o clásico esquema de diferenciar as cousas modernas (en castelán) das vellas (en galego), moitas persoas perden o vínculo entre a palabra tradicional e o obxecto que mercan na tenda.

Amais de berce e berzo, en galego podemos usar rolo e barrelo cando no deseño da camiña do bebé se favorece que abanee con facilidade. De aí o verbo arrolar, que significa abanear o berce suavemente para facilitar que adormeza.

Por certo, en galego facer durmir exprésase a través do verbo adormentar ou adurmiñar: “Adormentei a nena; xa podemos cear”.

Pañal é un castelanismo, tan estendido que incluso hai quen o usa co plural propiamente galego (pañais) e practicamente desaparecido na fala popular. En galego debemos dicir cueiro. Ás veces úsase a palabra en plural porque antigamente os pequechos levaban máis dun cueiro. Agora, cando o 90% dos que se usan son dun só uso, é máis conveniente usar a forma en singular. “Ese cueiro garda un segredo ben fedorento”.

Outra palabra do vocabulario dos bebés pertencente á lingua española pero moi xeneralizada entre os galegofalantes é sonajero. De feito, a idea de facer este texto veume cando o outro día escoitei dicir sonaxeiro, durante unha conversa na que un pai primeirizo quería requintar o seu galego. En realidade, no noso idioma ese instrumento que fai barullo e distrae as crianzas debemos chamalo axóuxere ou ruxerruxe.

O cochecito en galego recibe o nome de carro ou carriño de bebé. A silla, loxicamente, debemos chamala cadeira.

Nalgúns outros casos, a palabra habitual en galego aínda que admitida substituíu a forma tradicional, que resiste en ámbitos reducidos. Eis o caso de biberón, galicismo admitido en galego pero de moi recente uso. Tanto a miña familia de Arbo coma a miña familia da Limia usan aínda mamadeira. “Esa botella váleme para facerlle unha mamadeira para os años”. “Ese reprís que ten teu fillo pasáchesllo ti pola mamadeira”. É unha palabra en perigo de extinción, así que se vos presta, usádea.

O dicionario da RAG admite chupete aínda que logo aplícalle á palabra chupeta algúns significados que obviamente derivaron do acto de chuchar esa bocadiña de goma. Dicionarios como o Estraviz recoñecen a palabra chupeta e non chupete. Eu penso igual. Sempre escoitei chupeta entre os galegofalantes e xa nos dicionarios históricos aparece chupeta como sinónimo de hábito de fumar, nunha clara ampliación do vicio de chuchar que teñen as crianzas.

Amamantar é un castelanismo. As formas galegas son amamentar e aleitar. “Non aleitei ningún dos fillos”. Tamén se pode usar a perífrase dar de mamar.

Seguro que coñecedes moito máis vocabulario do mundo dos bebeciños ou naipelos, que é outro nome que se lles pode dar aos meniños de peito ou lactantes. Xa sabedes que este blog sempre se enriquece coas vosas contribucións.

Advertisements

Single Post Navigation

16 reflexións sobre “Cuna, pañais, sonaxeiro

  1. Luis Lamelas Dominguez o dixo:

    Son catalan ainda que fillo, neto e besneto de galegos, todos eles do macizo central e terras de trives; quen avisa… A miña mai, chamaballe SONALLO a o sonajero. e ainda tiña una variate: “Sonallo do demo” se este estaba feito con adormideiras secas. Teras de disculpar o meu galego, mais escribo das verbas oidas e quedan na memoria.

    • Ola, Luis: Nunca oíra a palabra; non aparece nos dicionarios. Si encontrei referencia a sonalla, que debe ter un significado semellante e que utilizou o escritor Rafael Dieste. Apunto a palabra. Moi interesante a variante sonallo do demo. A relación entre a adurmideira e os nenos é moi profunda na Galicia tradicional. Grazas por enriquecer o artigo.

      • Luis Lamelas Dominguez o dixo:

        Grazas a tin, por poñer interes nesta pequena reseña dun lego na lingua Galega. Ainda que lego, levo a cultura galega no corazón.

  2. Ricardo gil o dixo:

    Boa noite senhor Luis lamelas

    Adorei esta sua entrada e como combina ambas as variantes galegas e portuguesas tipo mamadeira que é a forma corriqueira no brasil e na Galiza com biberão própria do estado vizinho.
    Depois pra preenchermos e com a sua permissom guizo junto com ajoujere e ruxe-ruxe e fralda como sinônimo de cueiro e amamEntar com e variante tropical embora eu também prefiro aleitamento
    Desculpe aa gralhas escrevo desde o telemóvel um grande abraço
    Prazer vou assistir muito o seu blogue
    Boa noite

  3. Ricardo gil o dixo:

    Desculpe senhor César lorenzo Gil

    Vaia eu também som Gil os meus ancestrais eram conhecidos como os granja moravam na peralba em Valongo em Cortegada

  4. Non se pode dicir eis, no seu lugar débese dicir velaí. Pono no dicionario dixital da RAG e dígoo porque vin a frase “eis o caso de biberón” cando tería que ser “velaí o caso de biberón”, aínda que se non fose un artigo de dúbidas e quixéramos traducir esa frase ao galego teríamos que dicir “velaí o caso de mamadeira”.
    Según o que di a RAG, ni sonallo nin sonalla existen (hai que dicir que no dicionario dixital faltan bastantes palabras, así que, ao mellor, o feito de que falte non quere dicir que non estea admitido), e chupete e chupeta non significan o mesmo. Hai que dicir que berce e barrelo non significan exactamente o mesmo : berce é que está suxeito ao chan e que non se move só con porlle a man encima e barrelo é a que se pode arrolar con facilidade, a que con só porlle a man encima, xa se move.

    • Recorda que as fontes do galego son máis amplas ca un simple dicionario. O dicionario da RAG é unha excelente guía para saber que palabras forman parte do modelo estándar pero a medida que aprofundas no idioma, decataraste de que hai moitos máis recursos para expresáreste en galego con corrección. Eis, por exemplo, é unha palabra moi estendida no galego literario e presente na maioría dos dicionarios históricos. Que a RAG non a inclúa no vocabulario básico da nosa lingua é un erro da RAG, non dos usuarios do galego. Saúdos.

      • Haber, na RAG eis si que aparece, mais tachado. Eu pensaba que ao estar tachado, non escoitala nunca e parecerme unha palabra rara, cría que era unha palabra incorrecto. En todo caso, que apareza nos dicionarios históricos non quere dicir nada, xa que hai palabras que se usaban antes e agora están mortas (probe, por exemplo), mais a proba de que unha palabra sexa correcta ou non é que se use agora, polo tanto, se ti a usas e escoitállelo dicir a alguén, significa que é unha palabra que goza de boa saúde, que non está morta e que debería ser admitida.
        Vamos, como escoitei na película de Piratas do Caribe 1, a RAG non son máis ca unhas directrices, ao final, cada un dos galegos temos algunhas palabras que non aparecen no dicionario da RAG. Dende logo, si que ten razón o dito ese : “dicides que Galiza é pequena, mais eu dígovos que é un mundo”.
        Por certo, e xa que falamos de eis e velaí, quero aproveitar pra facer propaganda para tódolos lectores desta páxina. Acabo de crear unha páxina web de información deportiva (de momento só falo do Deportivo, por problemas de tempo, aínda que a miña idea é acabar falando doutros equipos e doutros deportes), en galego, por suposto, chamada Velaí tes deportes. A páxina é a seguinte :
        https://velaitesdeportes.wordpress.com/
        Visitádea, por favor. O que non entendo é porque se en Google pos dúbidas do galego aparece a túa páxiba e se pos velai tes deportes non aparece a miña páxina.

  5. Perdón polas miñas faltas que poida ter nos meus comentarios, e que ás veces escápaseme o dedo.
    Un resumo das cousas que podedes atopar neste artigo :
    NON SI
    cuna berce ou barrelo (depende)
    pañal cueiro
    sonajero, sonaxeiro axóuxere
    biberón mamadeira
    silla cadeira
    amamantar aleitar
    cochecito carriño
    adumiñar
    naipelo
    chupete chupete
    recién nacido neonato

    Isto último, púxeno eu.

  6. ¿Haberà algunha ligazón entre berce e o verbo to berth do inglés?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: