Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Hormigoneira

Obviamente, hormigonera e hormigoneira son palabras alleas ao galego. Infelizmente son moi usadas por galegofalantes. En galego, loxicamente, debemos dicir formigoneira. Tamén formigón, palabra que define a argamasa fabricada con cimento, auga e pedras. A orixe da palabra formigón parece relacionada co aspecto esmiuzado da masa no momento da fabricación. Un formigo é en Portugal un doce a base de pan relado, avelás mudas e mel. Tamén nalgunhas comarcas galegas comían o formigo, doce cuxo punto en común era o costro, ese primeiro leite que dan os animais, tamén chamado formigo.

Volvendo ao mundo da construción, a verdade é que ten un baixo nivel de normalización lingüística a pesar de seren os albaneis galegofalantes na súa meirande parte. Á construción pásalle un tanto coma á Igrexa: son os fregueses (pedreiros) os que falan o seu vocabulario pero son os curas (arquitectos) os que definen con que palabras. E as palabras da arquitectura son castelás.

A palabra ladrillo é tamén un castelanismo pero neste caso está admitida pola Academia Galega. As pequenas pezas de barro cocido destinadas á construción tiveron un especial desenvolvemento en áreas nas que era o xeito máis barato de construír e nas que non había pedra. De aí que a granítica Galicia adoptase o obxecto co nome estranxeiro tamén.

Podemos empregar para definir esta peciña rectangular a forma tixolo, que en portugués define precisamente o elemento que se usa para construír paredes fronte ao ladrilho, que se usa unicamente para o chan. Mais hai que lembrar que tixolo tamén é unha adaptación do castelán tijuelo.

Nas construcións máis modernas emprégase un tipo de ladrillo con meirandes propiedades de illamento e conservación da calor denominado termoarxila. Como indica o seu nome, estes blocos (ou bloques, ambas pódense usar) están fabricados con arxila (evitemos o castelán arcilla). O adxectivo relativo a este tipo de terra é arxiloso.

O dicionario da RAG diferencia cimento de cemento. Segundo o seu criterio, cimento é un substantivo que fai referencia ao asentamento dunha edificación. O seu sinónimo perfecto é alicerce. Cemento fai referencia á substancia de base calcárea que se usa como masa para unir diversos materiais dun xeito firme. Mais para o Estraviz (e eu comparto o seu criterio) cemento é un castelanismo e non existe ningunha razón para non usar cimento en todas as acepcións. Con ese significado, cimento aínda é unha palabra viva en moitas comarcas galegas.

Para quen queira profundar máis no vocabulario específico da construción e da arquitectura, exite unha ferramenta moi valiosa, o Dicionario Visual da Construción, editado polo Colexio de Arquitectos de Galicia e dispoñible de balde en formato dixital neste enlace.

Dun xeito moi ameno podemos ir aprendendo todos que palabras ten o noso idioma para cada oficio, ferramenta, espazo e técnica. E unha vez sabidas, mellor usalas.

Advertisements

Single Post Navigation

8 reflexións sobre “Hormigoneira

  1. Alexandre o dixo:

    Moi bo artigo, coma sempre. 😉

    Decateime de que usas a palabra ‘enlace’ no canto de ‘ligazón’. É unha escolla á mantenta?

    Estaría moi ben que fixeses un artigo referida ao léxico informático en xeral. Na liña dos artigos “Colgar”, “A RAG incorpora vocabulario informático” ou “A arroba esquecida e a ambigüidade da internet”, mais dun xeito máis xenérico, abranguendo as palabras máis comúns do día a día.

    Un saúdo!

  2. De acordo en que ‘cimento’ debería poder adoptarse para ambas as acepcións (se seguirmos o criterio de proximidade etimolóxica, en ambos os casos debería ser ‘cemento’, xa que provén de ‘cæmentum’: é dicir, non parece ter moito sentido que nun caso se siga ese criterio e no outro non), mais o de ‘bloco’ non o encontro en ningún dicionario normativo. Que dicionario admite esa variante? Por outra parte, creo que o gran problema do vocabulario proposto para a construción é que en moitos casos se trata de palabras que descoñecen os galegofalantes e mais os castelanfalantes, co engadido de que tampouco se corresponden co portugués; iso fainas completamente inútiles (se un arquitecto «concienciado» lle fala de ‘estada’ a un operario, o máis probable é que este non entenda que se está a referir ao ‘andamio’ —palabra que tamén se admite nalgúns dicionarios normativos, como opción secundaria, mais que o VOLGA considera incorrecta—, e se o operario é portugués, tampouco o vai entender, xa que en Portugal lle chaman ‘andaimo’ ou ‘andaime’…). Se temos que recuperar palabras galegas para vocabularios técnicos, ou están xa moi asentadas, cando menos con significados próximos, ou é mellor que coincidan ou se acheguen ao portugués ou o castelán. Doutra forma, son vocabularios condenados a permanecer eternamente no papel.

    • Graciñas polo teu punto de vista, Henrique. Ese debate é moi interesante e con moitos puntos de vista diferentes. Eu coido que hai que conseguir certo equilibrio entre lingua viva e lingua “descontaminada”. Penso que moitas palabras hoxe máis ou menos “toleradas” na lingua viva eran hai unhas décadas consideradas “inventos do laboratorio de Santiago”. Os medios de comunicación, en especial a radio e a televisión, deberían propiciar a familiaridade con determinados termos. O problema é que a lingua que escoitamos na CRTVG é en moitos casos bastante mellorable. Apertas

      • Henrique o dixo:

        Si, estou completamente de acordo. Realmente, o meu comentario ía referido máis a unha parte moi concreta dos vocabularios —creo que esaxerei ao dicir «unha parte importante»— en que se fixo unha escolla seguramente moi razoada pero pouco práctica e que finalmente non acadou o uso que necesitaba: mentres en palabras da linguaxe común (como ‘cadeira’ por *‘silla’) si podemos actuar (hoxe poucos darían crédito a que a mesma palabra ‘galego’ estaba completamente perdida na fala ata hai ben poucos anos), nas propias dunha xerga profesional determinada non hai moito que facer se é que nin os propios profesionais do sector se senten cómodos co vocabulario proposto. Por iso, facer que o castelán ‘talud’ houbese que traducilo por ‘noiro’ ou ‘ribada’ en vez de por ‘talude’, como xa admiten os dicionarios («palabra tolerada» é a expresión do VOLGA), era un esforzo baldío, xa que a semellanza coa palabra castelá está apoiada tamén polo uso de ‘talude’ en portugués. Mais é certo que a maioría dos termos incluídos no dicionario que recomendas son acaídos e non terían problemas deste tipo. En fin, en ningún caso pretendía criticar supostos «inventos de laboratorio», xa que son consciente de que na normalización da lingua calquera proposta (viñer de onde viñer) podería ser así cualificada; pido desculpas se dei esa impresión, que en absoluto era a miña intención. E, insisto —por simple curiosidade, sen maior transcendencia—: algún dicionario normativo admite a palabra ‘bloco’?

      • Insisto en agradecerche os comentarios. E non pidas desculpas 🙂 Bloco aparece no Estraviz. Se segues o blog saberás que son un gran seguidor del (un dos maiores dentro diso que se caricaturiza co nome de isolacionistas :)) Entre os vellos da Limia escoiteino unha vez pero non podo dicir se era común noutro tempo nesas terras. Apertas

      • Henrique o dixo:

        Ben, eu tamén acudo ás veces ao Estraviz (aínda que non teño as edicións en papel) e ao Consultório Lingüístico da CL-AGAL, mais é claro que non son normativos (da norma oficial, quero dicir); por iso o preguntaba. O buscador ‘Dicionario de Dicionarios’ da USC non encontra ‘bloco’ en ningún dos clásicos, polo que en realidade vexo que temos un caso de incompatibilidade entre normas (o e-Estraviz tampouco admite ‘bloque’, pola súa parte). Graciñas pola aclaración. Apertas.

      • Tes razón: no texto debín aclarar ese matiz como fago normalmente. Esta vez pasóuseme 🙂 Agradezo moito os teus comentarios. Apertas de volta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: