Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Lavavaixelas

Hoxe reparamos na cociña. En moitas casas, nas que se come nesa habitación, é espazo para a conversa e, polo tanto, para a lingua. Mais hoxe ficamos no recanto máis silencioso, onde só se sente o tintineo dos pratos e vasos e o motor da máquina a lavar; canto máis modernas, menos barulleiras.

En galego, esa máquina non se chama lavavaixelas senón lavalouza. Debemos empregala con xénero feminino. “Non prendas a lavalouza até que estea chea de todo”. Loxicamente, lavavaixelas é un castrapismo, un mal calco do castelán lavavajillas.

Quere isto dicir que vaixela tamén é unha palabra incorrecta? Non. Podemos utilizala como sinónimo perfecto de louza pero sempre en rexistros máis cultos ou específicos. Por exemplo, é un tanto solemne dicir: “Vou lavar a vaixela” pero si podemos dicir: “Regaleiche diñeiro pola túa voda porque en cuestión de vaixelas, é mellor escoller cadaquén a súa” ou “O Pazo de Versalles garda unha valiosísima colección de vaixelas francesas do século XVIII”.

Para gardar ou poñer a escorrer as pezas da louza, o galego tamén ten unha palabra propia: louceiro. Nalgunhas comarcas usan as variantes tamén correctas de cunqueiro ou alzadeiro.

Se o moble só se usa para gardar pratos, copas e demais louza, xa seca, podemos empregar ademais chineiro. Esta palabra debe ser moderna en galego xa que en moitas casas se di á castelá, chinero.

A lacena é ben un oco de obra dentro das cociñas que serve como andel para gardar cousas ou unha parte do chineiro que conta con baldas e porta. Por extensión, podemos chamarlle lacena ao propio moble chineiro.

Polo xeral, a lavalouza está perto da pía, é dicir, o oco onde se lava a louza a man. En galego tamén podemos chamarlle vertedoiro, non fregadeiro, palabra considerada un castrapismo. Si podemos usar o verbo fregar neste contexto. “Na repartición de tarefas, non sei como fixo pero ao final só ten que fregar a louza”. O campo léxico de fregar aínda se amplía ao obxecto co que lavamos. Amais de estropallo, esa pequena porción de material sintético (en tempos foi esparto, hoxe xa non) pode denominarse fregador, fregaduxo ou freganzo. Non debemos empregar en ningún caso o castelanismo salvaúñas para definir a esponxa que leva incorporado un estropallo. Tamén nese caso podemos empregar fregador ou directamente esponxa.

A baeta, en tempos, definía un tipo de tea basta e cuberta de pelo que non valía para vestir, polo que se empregaba en mesteres máis básicos. Un deles o de limpar e secar a pía. Hoxe unha baeta é directamente ese trapo permanentemente húmido, case sempre de cor amarela ou alaranxada.

O outro trapo que usamos na cociña, o que serve para non nos queimar coas cazolas ou para secar a louza, ten en galego moitos nomes. Amais de trapo ou trapo de cociña podemos usar mulido, rolla ou rodela.

Falaba de cazola. Esa é unha das moitas palabras que podemos utilizar para definir os recipientes metálicos ou porcelánicos onde cociñar. Na miña casa usouse sempre o metonímico porcelana. “Teño unha porcelana de macarróns que se van derramar”. Non se admite no galego estándar. Segundo a forma debemos empregar unhas palabras ou outras. Se o recipiente é cilíndrico usaremos pota, cazarola ou ola (por exemplo, o recipiente onde se fai o caldo ou tamén se cocen verduras, por exemplo, unha ola exprés). Se é redonda e baixa, chamarémoslle cazola. De ser de barro e ter a barriga e a boca anchas, o nome é pucheiro. Unha versión do pucheiro con tres pés que quedou en desuso ao desapareceren as lareiras era o pote.

Se é máis larga ca alta, o nome propio é tarteira. “Esta tarteira de ferro faime uns arroces bárbaros”. En galego admítense tanto paella coma paelleira, co significado de tarteira de moi pouco fondo útil para facer arroz ao estilo valenciano.

O cazo e o cazolo son utensilios de pequeno tamaño que se empregan para ferver líquidos ou cociñar cantidades moi pequenas. Diferéncianse no tamaño. A pesar de ser contraditorio dado o sufixo diminutivo, o cazolo é maior ca o cazo.

As tapas das tarteiras e demais cazolas tamén se poden chamar tampas. Na miña casa son rollas, igual ca os tapóns das botellas. Mais ese significado non aparece nos dicionarios máis coñecidos agás en dous, no Estraviz e no vocabulario que recolleu ese sabuxo de palabras en perigo de extinción que é Elixio Rivas.

Outras pezas que non faltan no seu lugar correspondente da lavalouza son os cubertos ou servizos. Nese apartado o galego está en franca decadencia e xa case se perderon as palabras propias. Diremos culler e culleriña; garfo e coitelo. Cuchilo é un castrapismo. Unha culler grande, das que se usan para botar a sopa, chámase cullerón ou cazo. “Compra un cullerón que cullerada a cullerada non hai quen encha seis pratos!”. Tamén cando está furado e ten dentes para mellorar apañar os espaguetes se chama cullerón ou cullerón para os espaguetes. Para apañar a ensalada usaremos unha pinza. Miña nai chámalle gancholo á pinza en cuxos extremos ten dentes. En realidade, o gancholo, na Maraña e en Cequeliños, é un instrumento agrícola que ten varios dentes (polo menos catro) en curva (é coma unha culler ou unha man dentada) e serve para levantar do chan esterco, herba ou batume. A palabra gancholo non aparece en ningún dicionario e non sei como lle chaman noutros lugares nin cal é a palabra estándar para este significado.

Advertisements

Single Post Navigation

7 reflexións sobre “Lavavaixelas

  1. Eduardo Mera Fernández o dixo:

    A nai dun amigo, de Neda, lembraba e usaba o termo “capizo” para referirse a un trapo de cociña.

  2. Na miña casa, as tapas das tarteiras chámanse testos

  3. na casa da miña moza, en outes, ás tapas das tarteiras chámanlles tellos

  4. Xosé-Henrique Costas o dixo:

    Testo, para tapa de tarteira, tamén a usamo en Vigo e tamén a teño ouído en Cambados. E temos a expresión “tocar a testo” para indicar que algo está extraordinario ou emocionante está a piques de acontecer (“vente a Balaídos que hoxe o partido vai tocar a testo”) ou cando unha situación conflitiva vai estoupar (“non vaias adestrar que o míster toca a testo pola derrota de onte”), supoño que será porque cando ferve a auga o testo repenica nos bordes da pota.
    E en Vincios (Gondomar) ao cullerón tamén lle chaman “cullerfa”.

  5. Quique cortegoso o dixo:

    Na zona de Marín tamén se lle chama testo.

  6. Fernando o dixo:

    Gustaríame saber como se chama o deterxente líquido que se usa para lavar a louza.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: