Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Mintes, subes, agredes

En galego existe un monllo de verbos da terceira conxugación (os acabados en -ir) que teñen unha peculiaridade. Teñen o que se denomina academicamente alternación vogálica na súa raíz ao conxugarse. Para nos entender, verbos como fuxir, subir, acudir ou xurdir, ao se flexionaren nalgúns tempos verbais mudan ese -u da súa raíz por un -o.

Nestes casos, esa alternancia dáse na conxugación do presente de indicativo, concretamente na segunda e terceira persoa do singular: Ti foxes, ela foxe; ti sobes, ela sobe; ti acodes, ela acode…

Ao mesmo tempo, en galego ocorre o fenómeno inverso: verbos como servir, mentir, sentir, ferir ou conseguir, sofren cambio do seu -e- radical por un -i-. Neste caso, ese cambio prodúcese na primeira persoa do indicativo: sirvo, minto, firo… En todas as formas do presente de subxuntivo: consiga, consigas, consiga, consigamos, consigades, consigan. E na segunda persoa singular do imperativo: sinte.

Un terceiro grupo muda a vogal da súa raíz noutras conxugacións. É o caso de advertir, reflectir ou agredir. Mudan -e- por -i- na primeira, segunda e terceira persoa do presente de indicativo: eu advirto, ti advirtes, el advirte; en todo o presente de subxuntivo: reflicta, reflictas, reflicta, reflictamos, reflictades, reflictan e na segunda persoa singular do imperativo: agride.

Hai algún outro verbo cun fenómeno semellante de cambio vogálico (por exemplo, querer) pero dáse en circunstancias especiais e non se pode colocar no mesmo conxunto de estoutros verbos.

Por influencia do castelán, é cada vez máis común sentir ou ler formas que non respectan esa alternancia: “Mintes máis que falas”; “Cada vez que suben os prezos, acórdome de que me baixaron o salario”. É común que moitas persoas usen os presentes e imperativo agrede igual ca en castelán.

Tamén por hiperenxebrismo vemos ás veces escritas formas hipercorrixidas: “Non segas (do verbo seguir, non de segar) por aí”. “Véstete xa, que hai présa”.

A mellor maneira de saber que verbos se conxugan con este fenómeno é aprendelos de memoria. Os verbos cuxa raíz -u- pode cambiar a -o- son: acubrir, acudir, bulir, chuspir, conxunguir, cubrir, cuspir, descubrir, deslucir, despulir, desurdir, desxunguir, durmir, encubrir, engulir, escudir, fundir (co significado de render), fuxir, lucir, mulir, munguir, muxir, pulir, rebulir, recubrir, redescubrir, relucir, rexurdir, ruxir, sacudir, subir, subsumir, sufrir, sumir, translucir, tremelucir, tusir, ulir, urdir, xunguir e xurdir. “Agora cospes sobre o que recobre o agasallo para a túa nai”.

Os que mudan -e- por -i- seguindo o modelo de servir son: asentir, conseguir, consentir, desmentir, disentir, ferir, malferir, mentir, perseguir, presentir, proseguir, resentir, seguir, sentir e subseguir. “Non consinto que mintas na miña casa”.

O terceiro modelo, o de advertir, é común aos verbos: adherir, aferir, agredir, arrepentir, comedir, competir, concernir, conferir, deferir, desapedir, descomedir, despedir, desrevestir, diferir, discernir, divertir, dixerir, enxerir, espelir, espir, expedir, impedir, inferir, inserir, interferir, investir, inxerir, medir, pedir, preferir, proferir, reexpedir, referir, reflectir, reinserir, reinvestir, repetir, revestir, suxerir, transferir, transgredir, travestir e vestir.

Se tedes dúbidas, no dicionario en liña da Academia Galega podedes conxugar todos os verbos do galego. É unha ferramenta moi útil para evitar equivocármonos.

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: