Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

A lingua da política

Os políticos galegos teñen un galego bastante malo, en xeral. Algúns tanto queren ser “do pobo” que colocan canto castelanismo lles vén á mente. Outros queren ser tan “da nación” que confunden os rexistros e non diferencian a conversa informal do mitin, o relatorio no parlamento da entrevista nos medios de comunicación. Por último están os políticos que só usan o galego de xeito litúrxico. É neles onde se notan maiores erros de gramática. Non só usan castelanismos léxicos, tamén sintácticos: verbos compostos, mala fonética, frases feitas madrileñas…

Como por ese lado pouca solución che hai, no artigo de hoxe quero compartir algúns termos habituais na linguaxe política que en moitas ocasións non se usan en galego.

Unha lexislatura non é sinónimo dun período de goberno entre dúas datas electorais. De aí que sexa incorrecto dicir “Acaban as lexislaturas municipais”. Falamos de lexislatura cando ese período corresponde ao período de sesións dun parlamento. Polo tanto, no noso contexto, só hai lexislaturas nacionais galegas e estatais españolas. No caso de deputacións e municipios debemos falar de mandatos.

Usaremos Concello con maiúscula cando falemos do conxunto dunha corporación que representa a cidadanía nun municipio. E en minúscula cando falemos do territorio sobre o que goberna esa corporación. Axuntamento é un castrapismo, coido que moi minoritario na fala viva.

Cada un dos membros do Concello recibe o nome de concelleiro ou concelleira. Concellal é un castrapismo.

Cando nunha asemblea (así, con e, non asamblea) un dos deputados (así, con e, e non diputados) se encarga de estudar un tema e expoñelo en público, diremos que é un relator (e non ponente nin poñente) e que fai un relatorio (non ponencia nin poñencia).

O adxectivo correcto é cidadán e cidadá. A forma feminina rematada en -ana só se usa en galego en caso de xentilicios modernos ou foráneos (rioxana ou riojana) e para adxectivos cualificativos (langrana, pillabana).

O formato xornalístico que consiste nunha xuntanza informal ou regrada entre periodistas e algún político ou grupo de políticos denomínase en galego conferencia de prensa, en todos os casos. A forma rolda de prensa considérase un calco do castelán rueda de prensa.

Aínda que non se escoita tanto como debera, en galego estándar, a RAG só recoñece dimitir e dimisión. Persoalmente, coido que tamén son formas plenamente galegas e moi estendidas demitir e demisión.

Cando empreguemos estranxeirismos (case sempre da linguaxe deportiva ou militar aplicados á pugna política) é conveniente que vaian en cursiva. “En Vimianzo o BNG fai demarrage e amplía a súa forza”. “En Ourense, DO confirma o sorpasso sobre un PSOE que é agora a terceira forza no Concello”.

 

Advertisements

Single Post Navigation

4 reflexións sobre “A lingua da política

  1. Ante todo grazas por compartir os artigos que, como suxestión, poderían formar parte dunha compilacióm impresa que eu (e seguro que máis xente) mercaría.

    Pero indo ao choio unha dúbida sobre o artigo: na parte que se fala de “A forma feminina rematada en -ana só se usa en galego (…) e para adxectivos cualificativos (langrana, pillabana)” , teño entendido que esa forma en “-ano/-ana” é só para adxectivos despectivos. É así?
    Grazas de novo!

    • Ola, Iván: A forma -ana é para cualificativos. Gústame máis esa forma porque se dis que pillabana é despectivo pois limitas moito o seu significado xa que en realidade, se a alguén lle chamas así con tenrura: “Estás unha pillabana feita, neniña”, tamén usas esa mesma terminación, polo que pode dar a sensación de que se non é despectivo existe unha forma pillabá que en realidade non existe. Non sei se me explico. No caso do masculino, sempre se usa -án. As formas -ano son para filiacións moi modernas, por exemplo, a adscrición a movementos políticos ou artísticos: “Filósofos marxianos”; “Universos tolkienanos”. Graciñas a ti por comentar.

  2. As políticos fan o que queren,polo tanto, ademais de roubar, tamén falan como queren.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: