Dúbidas do galego

A lingua da política

Os políticos galegos teñen un galego bastante malo, en xeral. Algúns tanto queren ser “do pobo” que colocan canto castelanismo lles vén á mente. Outros queren ser tan “da nación” que confunden os rexistros e non diferencian a conversa informal do mitin, o relatorio no parlamento da entrevista nos medios de comunicación. Por último están os políticos que só usan o galego de xeito litúrxico. É neles onde se notan maiores erros de gramática. Non só usan castelanismos léxicos, tamén sintácticos: verbos compostos, mala fonética, frases feitas madrileñas…

Como por ese lado pouca solución che hai, no artigo de hoxe quero compartir algúns termos habituais na linguaxe política que en moitas ocasións non se usan en galego.

Unha lexislatura non é sinónimo dun período de goberno entre dúas datas electorais. De aí que sexa incorrecto dicir “Acaban as lexislaturas municipais”. Falamos de lexislatura cando ese período corresponde ao período de sesións dun parlamento. Polo tanto, no noso contexto, só hai lexislaturas nacionais galegas e estatais españolas. No caso de deputacións e municipios debemos falar de mandatos.

Usaremos Concello con maiúscula cando falemos do conxunto dunha corporación que representa a cidadanía nun municipio. E en minúscula cando falemos do territorio sobre o que goberna esa corporación. Axuntamento é un castrapismo, coido que moi minoritario na fala viva.

Cada un dos membros do Concello recibe o nome de concelleiro ou concelleira. Concellal é un castrapismo.

Cando nunha asemblea (así, con e, non asamblea) un dos deputados (así, con e, e non diputados) se encarga de estudar un tema e expoñelo en público, diremos que é un relator (e non ponente nin poñente) e que fai un relatorio (non ponencia nin poñencia).

O adxectivo correcto é cidadán e cidadá. A forma feminina rematada en -ana só se usa en galego en caso de xentilicios modernos ou foráneos (rioxana ou riojana) e para adxectivos cualificativos (langrana, pillabana).

O formato xornalístico que consiste nunha xuntanza informal ou regrada entre periodistas e algún político ou grupo de políticos denomínase en galego conferencia de prensa, en todos os casos. A forma rolda de prensa considérase un calco do castelán rueda de prensa.

Aínda que non se escoita tanto como debera, en galego estándar, a RAG só recoñece dimitir e dimisión. Persoalmente, coido que tamén son formas plenamente galegas e moi estendidas demitir e demisión.

Cando empreguemos estranxeirismos (case sempre da linguaxe deportiva ou militar aplicados á pugna política) é conveniente que vaian en cursiva. “En Vimianzo o BNG fai demarrage e amplía a súa forza”. “En Ourense, DO confirma o sorpasso sobre un PSOE que é agora a terceira forza no Concello”.

 

Single Post Navigation

6 reflexións sobre “A lingua da política

  1. Ante todo grazas por compartir os artigos que, como suxestión, poderían formar parte dunha compilacióm impresa que eu (e seguro que máis xente) mercaría.

    Pero indo ao choio unha dúbida sobre o artigo: na parte que se fala de “A forma feminina rematada en -ana só se usa en galego (…) e para adxectivos cualificativos (langrana, pillabana)” , teño entendido que esa forma en “-ano/-ana” é só para adxectivos despectivos. É así?
    Grazas de novo!

    • Ola, Iván: A forma -ana é para cualificativos. Gústame máis esa forma porque se dis que pillabana é despectivo pois limitas moito o seu significado xa que en realidade, se a alguén lle chamas así con tenrura: “Estás unha pillabana feita, neniña”, tamén usas esa mesma terminación, polo que pode dar a sensación de que se non é despectivo existe unha forma pillabá que en realidade non existe. Non sei se me explico. No caso do masculino, sempre se usa -án. As formas -ano son para filiacións moi modernas, por exemplo, a adscrición a movementos políticos ou artísticos: “Filósofos marxianos”; “Universos tolkienanos”. Graciñas a ti por comentar.

  2. As políticos fan o que queren,polo tanto, ademais de roubar, tamén falan como queren.

  3. Boa tarde e parabéns pola páxina!

    Falando sobre “ronda”… cal sería o equivalente galego para o tipo de vía que en castelán leva ese nome? Ningún dos dicionarios de uso xeral que consultei recollen ese significado para a forma “rolda”, aínda que si vén recollido no Dicionario visual multimedia da construción. A min sóame tamén a calco do castelán

    • Ola. Moitas grazas polo teu comentario e polo teu cariño. En efecto, este é un tema difícil. O máis común é traducilo por rolda, como dis. Mais parece que incluso en castelán é un significado recente, derivado de rodear, xa que nomea vías que circunvalan o centro dunha cidade. Para casos xa establecidos ou consolidados, rolda paréceme a opción menos mala; pero o ideal sería utilizar algún outro nome se podemos obviar ronda ou rolda. Circunvalación parece a palabra máis aproximada.

Deixa unha resposta a Reices Cancelar a resposta