Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Como se chaman os de Xinzo?

A resposta á pregunta de como se chaman os de Xinzo podémola buscar nalgún dos poucos manuais sobre xentilicios que existen. Neles di que os de Xinzo son limiaos e as de Xinzo limiás. É dicir, o xentilicio proposto asume algunha destas variables: que Xinzo abrangue toda a identidade das comarcas da Limia ou que só os de Xinzo poden reclamar tal identidade. Que facemos daquela cos de Sandiás, cos de Vilar de Santos, cos de Vilar de Barrio, Sarreaus, Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Trasmiras, Porqueira, Rairiz de Veiga… E se imos até a Baixa Limia, que son os de Lobios, os de Entrimo, os de Bande, Lobeira ou Muíños?

En realidade, tal e como nos recorda o lingüista Gonzalo Navaza, o xentilicio non é un elemento da linguaxe que sempre ten que aparecer. O máis común é que lugares, parroquias ou concellos non teñan xentilicio de seu. Primeiro porque a tradición galega é a de nominar directamente polo nome do lugar. “O Pepe é de Arcade”; “A miña nai é de Muras, o primeiro de Monfero na familia son eu”.

Iso non obsta que en casos determinados se empreguen acotío os xentilicios. Polo xeral, estes fórmanse con tres sufixos:-án, á (coas variantes -ao e -au); -ense e -és, -esa. Tamén os hai formados co sufixo -ego, ega (chairega, cebreirega) ou -oto, ota (miñoto) ou -ino, ina (chantadina). Os propios deses lugares con xentilicio de seu (case sempre grandes núcleos de poboación, ben sexa vilas ou cidades ou parroquias moi grandes) saben como se chaman pero noutros casos é a forza dos medios de comunicación ou doutras manifestacións escritas o que foi marcando unha ou outra maneira. De feito, hai moitos lugares que teñen varios xentilicios: burelao, burelés (Burela); focega, focense (Foz); meirego, meirao (Meira).

Moitos xentilicios son inventados na época moderna. Por exemplo, a forma alaricano, que utiliza algunha xente para referirse aos de Allariz, é en realidade un invento a partir da orixe latina da localidade (Villa Allarici), é dicir, a terra, granxa ou quinta dun señor altomedieval chamado Allaricus. De aí a Alarico e logo a alaricano. A forma habitual é allaricense, por certo.

Dos xentilicios inventados o que máis me fascina é o de fluminense. Cando a prensa se espallou e se fixeron necesarios os sinónimos para referirse ás diversas procedencias dentro do Brasil, no Rio de Janeiro naceulles un problema. Tiñan o popular xentilicio carioca para definir os propios da cidade do Rio mais necesitaban nomear doutra maneira diferente os que vivían nos límites do estado federal do Rio de Janeiro. Algo así como se os madrileños non madrileños, é dicir, os que non viven na cidade senón na Comunidad de Madrid, non quixesen compartir denominación cos que si viven na cidade de Madrid. Non sei quen inventou o termo fluminense, derivado do latín flumen, que significa río. Foi un éxito. Até hai un equipo de fútbol con ese nome.

Si que hai que subliñar que durante a Idade Media si se usaron os xentilicios dun xeito que hoxe até resulta exótico. Cando un grupo de oriúndos dalgún lugar fundaba un novo asentamento, case sempre a nova localidade recibía o nome da procedencia dos seus fundadores. Eis o caso de Castelaus (procedentes da Castela galega, que estaría entre o Ribeiro e O Carballiño), Sarreaus (de Sarria), Toldaos (de Toledo) ou Faramontaos (directamente os que viñan de alén as montañas, é dicir, da fronteira leste de Galicia.

Advertisements

Single Post Navigation

5 reflexións sobre “Como se chaman os de Xinzo?

  1. …”que utiliza algunha xente”? Asegúrovos que en todo Allariz non hai un só alaricano nin unha soa alaricana que digan allaricense…

  2. Pois eu o de fluminense, coñecíao polo equipo de fútbol brasileiro. A verdade, en Galiza somos moito de usar o nome do lugar e non somos moito de usar xentilicios.
    Por certo, sabes que en galego non se di blogue e dise blog.

  3. Xinzo é un topónimo abondo extenso en Galicia. Alén da microtoponimia, teño idea duns 10 lugares por toda a xeografía galega, dúas parroquias e un concello. Evidentemente só oas da Limia poderanse chamar limiaos, pero non aos de Foz, nin aos de Ponteareas, Mazaricos, Brión, etc.

  4. Xa vai sendo hora de que fagas un artigo, levas 2 semanas sen ningún artigo feito.

  5. David Taboada o dixo:

    Xinecense? A partir de Villae genicus…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: