Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Como escribir nomes procedentes de alfabetos diferentes ao latino

A ortografía é unha convención. Non ten máis valor que facilitar a comunicación a través dun consenso que admite que tal ou cal grafema transmite cal ou tal fonema. Esta calidade apréciase especialmente cando debemos adaptar á nosa fonética nomes escritos en alfabetos diferentes ao noso. Por resumilo, provenientes das diferentes culturas asiáticas, do alfabeto cirílico, do grego e do árabe. Como debemos transcribir eses nomes en galego?

Entre os tradutores e intérpretes mantense a norma de aceptar determinadas regras internacionais que rexen todas as transcricións ao alfabeto latino. O principal problema é que as solucións fonéticas das diferentes culturas non responden a un único modelo de pronuncia. É dicir, o galego, o portugués, o catalán e o francés, sendo parentes entre si, da familia latina, posúen fonemas particulares cuxa translación é complexa xa que o idioma de recepción non ten un signo específico para ese son. Por exemplo, a terminación -ll catalá, presente en apelidos como Carbonell, é difícil pronunciala en galego, onde acabamos empregando un i longo: Carboneii.

Nesas regras internacionais case sempre se empregan fonemas alleos á tradición galega cuxa pronuncia pode darnos dificultades mais non diferentes ás da onomástica neerlandesa ou italiana, por exemplo. Podemos ter dúbidas sobre como pronunciar o nome do futbolista xaponés Shinji Kagawa (arestora no Borussia Dortmund) mais esas mesmas dúbidas xurdirán igualmente no caso dos tamén futbolistas Sami Khedira (agora na Juventus de Torino), Michael Krohn-Dehli (Sevilla) ou do ex ciclista Claudio Chiapucci. É dicir, temos que aprender os rudimentos básicos da pronuncia de diferentes grafemas en diferentes linguas para asegurarnos de que sexa correcta.

Por influencia do castelán moderno, a tendencia é a adaptación. Por quizais as mesmas razóns polas que para a RAE, Ourense non existe e se opta polo enxendro Orense, a FUNDEU, auténtica autoridade lingüística sobre o bo uso do castelán na prensa, insiste en adaptar á fonética española a onomástica estranxeira. Recomenda Misisipi en vez de Mississippi, Luisiana en vez de Louisiana, Gotemburgo en vez de Göteborg, Catar en vez de Qatar…

No caso dos nomes propios, a opción españolista choca coa internacionalista e consegue paradoxos como que en castelán se escriban igual Jameson e Chéjov pero non se pronuncien igual. E o que é peor, que en galego se adapten como propias esas adaptacións cando a nosa pronuncia e o valor das nosas letras é diferente.

Persoalmente, coido que o mellor é respectar a onomástica internacional, tanto na toponimia como nos nomes de persoas, aínda que nesas palabras existan grafemas alleos á nosa lingua como o y, o j, o tx, o kh, o ph, o sh… Hai menos posibilidade de erro e non existe ningún impedimento para poder comunicar e pronunciar correctamente eses nomes estranxeiros. Mais de optarse pola adaptación, debemos manter a coherencia. É dicir, se j equivale a algo semellante ao noso i en palabras como iodo ou caio, non pode equivaler ao j castelán de jamón ou jarra. Para representar ese son, podemos optar polo internacional kh (Kazakhistán) ou polo gh galego, que ten un valor semellante: Chéghov ou Chéghof.

Unha das miñas teimas é a de conseguir unha aplicación ou páxina web que respondese inmediatamente ás dúbidas sobre pronuncia estranxeira. Amigos meus máis doutos nestas artes afirman que sobran lugares e recursos para conseguir unha pronuncia perfecta en calquera lingua. Mais polo que vemos a diario nos medios audiovisuais esa tarefa está por facer e nela non só inciden aspectos lingüísticos senón, sobre todo, sociais. Por qué ninguén dubida da pronuncia do actor e político Arnold Schwarzenegger, do escritor William Shakespeare, do futbolista Bastian Schweinsteiger e en cambio case ninguén pronuncia ao xeito José Mourinho, Passos Coelho ou Yasmina Khadra.

Advertisements

Single Post Navigation

6 reflexións sobre “Como escribir nomes procedentes de alfabetos diferentes ao latino

  1. Moitas grazas por facer un novo artigo após tanto tempo, da gusto terte de volta.
    Eu creo que en galego había que escribir coma os portugueses (lh, nh, ç, acento circunflexo…), xa que somos linguas irmás e que unha foron a mesma lingua, o galego-portugués. Pero, iso si, habería que cambiar o noso xeito de escribir, mais non o de falar. Escribir olho, umha, cocinha, força, traduzir, ausência e português no canto de ollo, unha, cociña, forza, traducir, ausencia e portugués; afectaría ó noso xeito de escribir, mais seguiríamos lendo e dicindo esas palabras igual ca agora).
    Por certo, nun sitio puxeches “proveniente”, eu pensaba que se dicía “provinte”, mais mirei no dicionario da RAG e, efectivamente, dise “proveniente”. Supoño que “provinte” é un hipergaleguismo, mais dicíao igual e vouno seguir dicindo.
    Espero que, após tomarte unhas merecidas vacacións, fagas artigos máis a miúdo, coma antes.

  2. Benvido de novo!

    Cal sería a túa proposta para sushi, Shin Chan ou Tchaikovski?

    • Graciñas polo cariño e o comentario. Persoalmente, eu deixaríao así, agás no caso do músico, que na forma internacional vai con y. Pero en galego podemos adaptalos á nosa grafía: suxi, Xin Chan ou Chaikovski

  3. Estou facendo unha enquisa sobre que forma vos parece que tería que estar admitida no galego : evoluir ou evolucinar?
    Podedes participar en https://estensiondogalego.wordpress.com/2015/10/15/evoluir/

  4. Cequelinhos, ti sempre dixeches que o galego se tiña que actualizar na linguaxe do deporte. Pos que o te desexo se cumpriu, polo menos no fútbol, así que poderías facer un artigo verbo da túa opinión sobre o novo Dicionário galego de futebol da AGAL.
    Supoño que xa coñecerás a nova, aparece en Sermos Galiza e se aínda non a coñeces busca en Sermos Galiza ou en Google.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: