Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

A Feira do Clítoris

Na internet, coma no bar ou na conversa de sobremesa, triunfa a parida, a bobada. A democratización do fluxo informativo só serviu para aprofundar nunha disfunción humana: o que máis nos interesa é o máis intrascendente, o que serve unicamente para rir un cacho e esquecelo logo, cando xa outra parvada se pon de moda.

Nestes días, o Concello das Pontes de García Rodríguez foi noticia internacional non pola súa central térmica ou por calquera conflito social ou político senón porque sufriu na páxina web un erro de tradución (automática) que converteu a Feira do Grelo na Feira do Clítoris. Esta gran noticia colocou no mapa internacional a vila pontina a través de prestixiosos xornais como The Guardian, de Londres. O que quizais nos debería facer reflexionar sobre a sobredimensión informativa de cabeceiras coma esa… Ou é que realmente é nestas chaiñadas de onde sacan visitas para logo cobraren máis pola publicidade?

Se comento esta noticia aquí é porque encaixa perfectamente co sentido deste blog. Empecemos pola historia oficial: Segundo as informacións, a culpa toda é do Google, que traduciu a palabra galega grelo pola palabra castelá clítoris a través do portugués, xa que o motor de busca máis famoso do mundo non coñece a lingua galega e confúndea co portugués, onde grelo é sinónimo de clítoris.

O argumento é falso. Primeiro porque grelo é unha palabra que existe tanto en galego coma en castelán e tamén en portugués co significado de folla comestible do talo do nabo. É dicir, o Google Translator non tiña por que trocar o significado. Este erro debería servir para dúas cousas: deixar de mitificar o Google como unha empresa perfecta, xa que non só o seu Google + é un absoluto fiasco. O seu sistema de tradución é pésimo. E segundo, para que valoricemos o traballo dos profesionais da Tradución porque verter textos dun idioma noutro nunca é unha cousa “sinxela”. Se o Google trocou grelo por clítoris foi porque quixo, porque adoptou unha forma “popular” (nos dicionarios portugueses considérase un vulgarismo) da palabra grelo en portugués.

Só en portugués? O grelo co significado de clítoris é completamente galego. O meu avó Baltasar fartábase de falar de chuchar o grelo e todo o mundo o entendía. O vocabulario sexual do galego é amplo e loxicamente está emparentado co portugués en certa medida. Grelo como eufemismo para clítoris non ten tanto a ver coa semellanza entre a folla de verdura e o órgano sexual feminino senón co outro significado maioritario da palabra: parte da semente que ao se desenvolver dá unha nova planta, é dicir, eses gromos ou rebentos que se aprecian, por exemplo, nas patacas, pequenos gomos que si poden asemellarse ao clítoris excitado. De aí o verbo agrelar ou grelar, que define o momento no que esas sementes empezan a se encher de grelos.

É curioso que no tempo no que estamos, un tempo pornográfico en moitos sentidos e no que se reivindica a liberación sexual da muller, a palabra clítoris cause tanta expectación. Un síntoma máis da infantilización da sociedade, que coma os nenos pequenos, abre moito a boca e ri cando escoita unha porcada.

En realidade, o vocabulario sexual galego é riquísimo e baseouse durante séculos no eufemismo. O sexo é un tema tabú por causa das imposicións da Igrexa desde a Idade Media, polo que o pobo buscou maneiras de dicir o mesmo sen usar as palabras canónicas para o acto sexual ou os órganos xenitais. Xa nas cantigas do século XIII se buscaba o xeito de ocultar a foda, o carallo e mais a cona a base de metáforas. A cousa non mellorou na Idade Moderna, cando o poder dos curas se asentou nas parroquias canda a fidalguía. Por iso foi no século XIX onde máis floreceu o eufemismo sexual, unha época que os historiadores consideran de grande actividade sexual (a emigración baleirou de varóns Galicia e aumentaron as relacións non sacramentadas. Por exemplo, foi nesa altura onde maior porcentaxe de nacementos fóra do matrimonio se deron). O tabú, loxicamente, estendeuse ao traballo dos lexicógrafos, que descartan en moitos casos estes significados malia saberen que existen. Por iso grelo non aparece nos dicionarios galegos como sinónimo de clítoris. E como ocorre sempre, se unha palabra non sae do seu magma oral dalgún xeito, acaba por extinguirse unha vez extinguidos os seus falantes. Por iso pouca xente sabe o que pode ser un grelo, por iso se escandaliza o Concello das Pontes cando de repente a súa feira vexetariana se converte nunha rica lupanda ben máis carnal.

O portugués si conservou este significado a través dos dicionarios pero constrinxíndoo ao uso vulgar. No principal dicionario en liña desta lingua, o famosísimo e moi útil Priberam, grelo co significado de clítoris considérase unha palabra de calão, é dicir, da lingua dos xitanos. Por suposto non hai ningún rastro etimolóxico rom neste grelo mais no portugués académico perviven certos escrúpulos clasistas e racistas. Prefírese pensar que andar a falar de conas é máis cousa de vagamundos e marxinados que de xente de ben. Até que o Google revela a verdade, que para un portugués do común é sentir falar de grelo e entrarlle a goloíza (unha forma refinada de gula, de desexo de algo moi sofisticado), non coma cando sente falar de grelos, que lle entra a fame, simplemente.

A miña humilde recomendación dedicada ao Concello das Pontes é que aproveite o incidente como fortaleza e no próximo Entroido, amais da tradicional Feira dos Grelos (así en plural, que ninguén come un só grelo por moi frugal que sexa) celebre a I Feira do Clítoris, unha necesaria exaltación a esa parte do corpo que, como di o tópico, ten como única función anatómica darlle pracer á súa posuidora. Non merece unha boa carallada (ui, perdón!) tal invento?

Advertisements

Single Post Navigation

9 reflexións sobre “A Feira do Clítoris

  1. Penso que “fiasco” non se di en galego. Polo menos, no dicionario en liña da RAG non aparece e o tradutor Gaio tradúceo coma “fracaso”.
    A verdade tampouco me soa que “fiasco” sexa moi galego.

  2. Eu penso que a noticia non está no grelo nin no clítoris, senón no feito de ter que recorrer ao tradutor de Google para circular entre o galego e o castelán. Penoso.

  3. Artigo bem interessante! Eu sabia do grelo através do português brasileiro (pelas moças d’O Grelo Falante), não sabia que também era acepçao popular no galego, que graça! 😀
    Apenas uma cousinha: em geral falar de calão em Portugal é o mesmo do que falar de língua vulgar/coloquial ou palavroes ou gíria no Brasil. Não é a língua dos ciganos nada mais do que etimologicamente, como bem diz o próprio Priberam:

    ca·lão 1
    (espanhol caló, linguagem dos ciganos espanhóis)
    substantivo masculino
    1. Linguagem considerada grosseira ou rude.
    2. Linguagem de um grupo restrito. = GÍRIA
    adjectivo e substantivo masculino
    3. [Portugal, Informal] Que ou quem não gosta de trabalhar. = MANDRIÃO, PREGUIÇOSO
    “calao”, in Dicionário Priberam da Língua Portuguesa [em linha], 2008-2013, http://www.priberam.pt/dlpo/calao [consultado em 04-11-2015].

    As outras três entradas também não significam “língua dos ciganos”. Se houver algum português a ler, que me corrija, mas penso que esse é o uso habitual.

    • Ola, Alba: Sei que o significado do calão é máis amplo hoxe en día pero quería resaltar ese nesgo racista e clasista de identificar caló e groseiro ou preguizoso. E estimular que as lectoras, como foi o teu caso, decidan aprender máis sobre o tema. Moitas grazas polo teu comentario. Graciñas por seguir o blog.

  4. Noraboa polo artigo. Ánimo para seguir co blog. Eu apúntome a seguirte desde xa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: