Vacas frisoas
A fin de semana pasada, o concello de Mazaricos celebrou unha moi animada feira rural na que o gando foi un dos protagonistas. Contra a mensaxe tópica de que o sector primario é sinónimo de atraso, incultura e pobreza, unha nova xeración de labregos intenta, con moitísimas dificultades, vinculárense persoalmente ao futuro do medio rural galego. Nesa aposta é seguro que haberá que mudar moitas cousas até agora habituais e recuperar hábitos que a revolución verde do século XX botou fóra por consideralas contrarias á rendibilidade económica.
Un dos efectos desa revolución verde, que quixo converter os campos de Occidente en enormes fábricas capitalistas ao ar libre, foi a xeneralización do gando de fomento: especies supostamente máis competitivas que as autóctonas para produciren leite ou carne ou la. No caso das vacas, as razas propias da nación galega foron substituídas por outras foráneas. Entre elas, unhas vacas pintas que seica tiñan orixe en Frisia, unha rexión histórica que define unha zona baixo dominio dos Países Baixos que ten lingua de seu e unha poderosa tradición leiteira.
Como se chaman polo tanto esas vacas? Popularmente son frisonas pero en realidade, en galego debemos chamarlles frisoas. Velaquí a explicación, que é simple.
No noso idioma, adoptamos diversas formas de construír os femininos, en especial cando falamos de palabras rematadas en n. O mellor nestes casos é usar unha regra práctica: Cando esteamos a falar de palabras cuxo masculino remata en -on, o feminino construirase terminado en -oa (león, leoa; frisón, frisoa; bretón, bretoa; patrón, patroa…). Se é o caso de aumentativos ou pexorativos, o feminino faise con -ona (casona, mandona, cabezona, contestona…)
No caso de formas terminadas en masculinos -an, o feminino faise por defecto con -á (alemán, alemá; sultán, sultá; bergantiñán, bergantiñá; barregán, barregá; cidadán, cidadá…). Tamén neste caso, se se trata de despectivos, conserva a forma plena -ana (papiana, lacazana, mentirana…).
Teño un amigo que ao corrixirlle un alemana que dicía con insistencia coa explicación que acabo de dar, dixo todo aleuto: “Por culpa dunha alemá concreta que che ten moito poder, dentro de pouco usaremos alemana por ter matiz de insulto”. Non ha ser para tanto.