Dúbidas do galego

Senón e se non

Teño unha amiga que sempre di que o nacemento das redes sociais significou a saída do armario do analfabetismo de baixa intensidade. Ela é xornalista e intenta chamarlles ás cousas polo seu nome, polo que ás veces as súas palabras poden soar a trono. Ao que se refire é que neste tempo onde se xeneralizou o uso público da escritura, quedan á vista máis ca nunca as faltas de ortografía.

Coido que hai tres tipos de faltas de ortografía: elíticas, de nación e de Confucio.

Elíticas: aquelas que teñen a ver co rexistro da lingua que usamos acotío fronte a usos esporádicos cun léxico específico (de elite, se consideramos unha analoxía entre a fala e o deporte) que nin sempre dominamos e no que podemos errar. Palabras como propriocepción, hexámetro ou barlovento son termos especializados cuxa ortografía nin sempre coñecemos. No caso do galego, por desgraza, ese elitismo está máis xeneralizado porque o noso idioma non está normalizado na expresión escrita (non existe prensa en galego e a lectura na nosa lingua é minoritaria), polo que moitas palabras galegas escríbense mal, incluso por galegofalantes xa alfabetizados en galego.

De nación: Son aquelas que pertencen ao armario de pantasmas de cada un de nós. Non teñen por que ser palabras complicadas ou de escaso uso; son termos que se nos resisten desde sempre, que malia que nolos corrixan aí seguen aparecendo, inamovibles para o noso cerebro. Unha destas palabras rebeldes é absorber, que moita xente escribe absorver por analoxía con absolver. Eu tiven até dous profesores no instituto que cometían esta falta de ortografía decontino. Daba igual que os corrixisen. Cada un temos a nosa pero tampouco é cousa de descubrirnos, non si?

De Confucio: Xa que quedou asimilado este filósofo oriental como creador da confusión, seguindo a doutrina Cozzarelli, utilizo este nome para sinalar as faltas de ortografía que nacen do erro na identificación dunha palabra ao tomala por outra cunha grafía idéntica ou moi semellante. Eis o caso da confusión entre porque e por que; aí e hai; a ver e haber… A dúbida de hoxe podería formar parte deste grupo. Cando diremos se non e cando senón?

No galego dáse a confusión porque aínda que en ambas as formas a carga tónica é aguda polo que na pronuncia dános igual que vaia xunto ou separado. Para evitar equivocarnos, debemos primeiro saber a teoría e despois aplicar un truco práctico.

Se non está formado pola conxunción se e o adverbio de negación (non) que se utiliza en casos de suposición ou condición. “Se non vés, eu tampouco vou ao cinema”. “Xoga o Celta esta noite en Balaídos? Quen ha xogar se non?”

En troques, senón é unha conxunción adversativa que se usa para contrastar dous conceptos. “Non gastaban boina senón pucha”.

Ollade a diferenza entre estas dúas frases. “Perdín o día, se non a semana enteira”. “Non perdín o día senón a semana enteira”. No primeiro caso, hai unha suposición implícita, unha dúbida; no segundo caso hai certeza.

E agora, o truco (heterodoxo) para diferenciar os usos. Se traducimos ao castelán a frase en cuestión, seranos máis sinxelo saber se vai se non ou senón xa que nesa lingua si cambia a carga tónica e diferencian si no de sino. “Nespresso, qué si no”. “Nespresso, que se non?” Aínda que para este uso concreto, o C’ha ser do Depucheiro dos Páramo Pictures é insuperable.

 

Single Post Navigation

5 reflexións sobre “Senón e se non

  1. Non tes outro consello para diferencialos? É que, a pesar de que mude a tónica, en castelán tamén acabo por non saber ben se é “sino” ou “si no”…

  2. Unha cousa é que haxa pouca prensa en galego, e outra moi distinta que non haxa. Nós temos a TVG, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Galicia Hoxe… Iso si, ata eles usan palabras non normativas, algunhas veces sen querer e outras á mantenta (ese é o caso de “voltar” e “perto”).

  3. Entón que opinades de cal sería a forma correcta en “A ver senón/se non como se explica isto?”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: