Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

O galego na xustiza. Algúns consellos

A lingua galega aínda non alcanzou (nin está perto) de servir para todo en Galicia. Noutros artigos falamos da ausencia da nosa fala en ámbitos como a sanidade, o deporte, a construción e incluso a cesta da compra. Nun dos lugares nos que máis dificultades ten para integrarse é na xustiza. A súa estrutura centralizada no Estado, un desprezo antiquísimo pola lingua galega e o status inferior que o noso idioma ten a respecto do castelán (sempre o recordo: temos dereito a empregar/coñecer o galego fronte á obriga de sabermos castelán) non facilitan que as cousas cambien.

E malia todo, hai avogados, procuradores, fiscais e xuíces que fan guerra de guerrillas e intentan impulsar avances, pasiño a pasiño, para que o galego tamén sexa unha lingua da xustiza.  Son compromisos que hai que gabar e apoiar; non esquezamos que estamos nun país onde algúns avogados lles recomendan aos seus clientes usaren o castelán: para non irritar un maxistrado foráneo, para non dar a sensación de ser da aldea, para facer máis crible o seu testemuño… Xa non falamos da imposibilidade na meirande parte dos casos de conseguir un documento notarial calquera en galego; de contratos privados como un de aluguer ou de traballo nin falamos.

Por fortuna, existen recursos para galeguizar o idioma da xustiza, caso deste Vocabulario Xurídico-Administrativo que forma parte da valiosa biblioteca virtual da Universidade de Vigo.

Neste artigo repararei nalgúns castelanismos moi estendidos na xiria xudicial que podemos mudar en galego con facilidade, xa que forman parte en moitas ocasións do vocabulario habitual ou figurado do día a día.

En galego non existe personarse. (“Se ordena al demandado personarse en el juzgado”). Deberemos dicir presentarse ou comparecer: “Ordénaselle ao demandado presentarse (comparecer) no xulgado”.

O encargado de velar polo cumprimento dun testamento en galego non se chama albacea senón testamenteiro.

O delito de allanamiento de morada en galego defínese como violación de domicilio.

Cando en castelán se fala de enjuiciar, en galego debemos traducir co verbo axuizar. “Os xuíces de instrución non axuízan logo as causas que investigan”.

As locucións con cargo a, en orde a, en torno a e en base a están consideras castelanismos: Podemos usar por conta de, co fin de, arredor de e conforme, respectivamente.

A forma cónyuge en galego é cónxuxe. Certa cacofonía da palabra fixo que triunfase a forma estraña cónxugue.

Desahucio e desahuciar en galego convértense en desafiuzamento e desafiuzar. Xa falamos noutro momento no blog desta forma. Os lusismos despexo e despexar son formas innecesarias e que poden confundir xa que habitualmente a forma despexar empregámola noutros usos lingüísticos.

Ao tempo, fallar e fallo tamén son formas impropias cando se refiren a decisións xudiciais. Decidir e resolver; decisión e resolución son as mellores opcións na nosa lingua. “A resolución do tribunal crea un precedente”.

A palabra fehaciente xa a tratamos con anterioridade. Substitúese con fidedigna-o.

O justiprecio é en castelán a taxación dalgún ben. Úsase sobre todo en casos de expropiación para calcular que se debe pagar por un terreo. A normativa propón prezo xusto mais segundo o contexto pode ser máis propio falar de taxación.

Nin subasta nin subhasta. Velaquí como falarmos do termo en galego segundo os casos.

O acuse de recibo é unha desas palabras cuxa tradución ao galego estándar dan dor de cabeza. A proposta é xustificante de recepción. A miña proposta é asumir a forma recibo como estendida e coherente coa propia lingua galega.

Un careo castelán é un acareo galego.

A forma preaviso pasa a ser en galego aviso previo.

Prorrata traducirémola ao xeito latino, pro rata. Prorratear debemos traducilo como ratear. Seino, na rúa cando falamos de rata e ratear, non ten nada a ver con repartir algo de maneira proporcional.

Querella débese traducir por querela.

Requerir e requisito en castelán pasan a ser requirir e requirimento en galego.

De seguro que hai moitos outros conceptos sobre os que xorden dúbidas. Mais non é lugar dabondo para tratalos unha entrada no blog. Coma sempre, espero que entre todos vaiamos aumentando o vocabulario galego, neste caso da xustiza.

Advertisements

Single Post Navigation

3 reflexións sobre “O galego na xustiza. Algúns consellos

  1. Estás certo de que aluguer está admitido no galego? No dicionario da RAG non aparece, porén si aparece alugueiro.

    • Está documentado xa no dicionario da Academia do 1918, aparece en nove dicionarios máis e é con diferenza a forma viva máis estendida. Alugueiro tamén é unha forma tradicional e, en efecto, a preferida no galego estándar. Saúdos.

  2. http://praza.gal/falase/27894/
    Que che parece esta nova? Sen dúbida, o galego segue a ser inferior ao castelán. Unha vergoña, nin que estiveramos na ditadura franquista.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: