Aportar
Como ben di o lingüista Benigno Fernández Salgado, aportar converteuse nos últimos anos nun verbo comodín no castelán que se oe nos medios de comunicación. Aporta o político no seu partido, o futbolista no seu equipo, o traballador na súa empresa.
O castelán tomouno do francés apporter e tamén existe no italiano (apportare). Ten tres significados fundamentais: contribuír, engadir, dar. Dito dunha persoa: levar a parte que lle corresponde á sociedade da que é membro. Dito dun cónxuxe: levar bens ou valores á sociedade conxugal.
En galego debemos prescindir do verbo aportar, primeiro porque é unha forma castelá que non existía na nosa tradición e logo porque é o que eu chamo unha palabra acacia: alí onde cae, arrasa coa biodiversidade lingüística, impide que florezan formas máis propias, máis precisas e claras. Como ocorre con outras palabras comodín, a súa excesiva presenza nos medios de comunicación debilita a riqueza do idioma, tanto o castelán coma (o que nos importa aquí) o galego vivo.
Para os dous significados secundarios, é dicir, levar bens dentro dunha sociedade, incluída nestas o matrimonio, a forma galega é achegar. “Logo de casarmos, decidimos converter en bens do matrimonio a casa de Eduardo e o meu apartamento”.
No resto do caso, amais de achegar podemos usar contribuír e engadir, principalmente, e sempre segundo o contexto. “Pienso que en clase aporto siempre una visión original de las cosas”. “Penso que na clase achego (ou contribúo con) unha visión orixinal das cousas. “El cilantro le aporta al plato frescura y exotismo”. “O coandro (ou coendro) engádelle ao prato frescura e exotismo”.
Si existe, de todos os xeitos, aportar en galego. É un verbo que define a chegada a porto dunha embarcación. “O bou aportou pasado o mediodía ao peirao da punta”.
No meu traballo como Avogado vaille que nin pintado o ACHEGAR (co escrito achego …; requira para que achegue…; tamén digo: achego tal cousa…
Discrepo completamente. Para palabras castelás comodín, “entorno” e “plantear”. “Aportar”, en cambio, ten un significado absolutamente concreto e preciso que non é substituíble en tódolos casos por “achegar”. Sobre a consideración de que se trata dunha forma que non existía na nosa tradición, o mesmo se pode dicir de infinidade de termos latinos que chegaron á lingua culta a través doutras linguas romances. Por outra banda, resulta absurdo rexeitar “aportar” e non as súas irmás, “comportar”, “deportar”, “exportar”, “importar”, “reportar”, “soportar” ou “transportar”, creadas de modo idéntico sobre a base latina portare + prefixo.
Graciñas polo comentario. En ningún momento se di que os seus significados se limiten ao verbo galego achegar. Tamén podemos usar engadir, fornecer, contribuír, segundo o contexto. E ninguén a considera estraña por ter pasado do francés ao castelán. Como non se aclara no texto, aportar non se inclúe nin no VOLG nin tampouco nos principais dicionarios históricos e actuais cunha excepción: o Eladio si recolle aportar para os significados societarios, digamos.Tampouco existe en portugués. En canto a que non é unha palabra comodín, non estou de acordo. Só hai que comprobar o seu abuso en todos os medios de comunicación. Saúdos.
Sería correcto empregar o verbo achegar cando falamos de incorporar por exemplo informes ou documentos a un expedente ou cun correo electrónico?
Si que é correcto. Tamén, segundo o caso, engadir ou incorporar. “Achégase (ou incorpórase, ou fornécese ou engádese) documentación ao expediente”. Graciñas por comentar.
Totalmente conforme con esta explicación. Engadiría que *anexar é esa forma que tamén se incorporou para os correos electrónicos cando debería ser achegar (aínda que é un documento anexo)
Sorprendeume ver que no dicionario da RAG (consultado a través do Portal das Palabras) aparece un achegar2 onde remite a unha forma máis recomendable achegar pero non a considera incorrecta con esa acepción.
Parabéns polo blog.