Tomara
Aínda que xa non é moi usado entre a poboación galegofalante, a forma tomara está moi viva no portugués e no brasileiro. O seu significado é semellante ao de oxalá.
A interxección tomara, de feito, pode empregarse nos mesmos casos ca oxalá. “Ojalá los nietos de tus nietos no encuentren nunca la suerte en la vida, dijo la mujer que se ofrecía a leer el futuro en tus manos”. “Tomara que os netos dos teus netos non atopen nunca a sorte na vida, dixo a muller que se ofrecía a ler o futuro nas túas mans”.
Co nome de “Tomara” hai unha canción moi famosa de Vinícius de Morais e Marília Medalha, interpretada por varias cantoras (a miña favorita é a versión de Maria Creuza con acompañamento da guitarra de Toquinho en La Fusa de Buenos Aires no 1970). Aínda que en principio Tomara é unha interxección invariable, na realidade, úsase flexionado coma un verbo normal: “Tomaras unha moza aínda que tivese o pelo feito de silvas”. “Tomarades ver o Deportivo no posto que ocupa o Celta na clasificación”.
Hai que recordar que ogallá é unha forma castrapa, unha adaptación do ojalá castelán. A forma oxalá vén así mesmo do castelán, que adaptou esta forma do arábigo uaxalá ou inxalá (quéirao deus ou se deus quere, respectivamente).
En galego, de feito, usouse de maneira masiva até hai moi pouco a frase feita “se deus quere” para fortalecer algún desexo. “O xoves, marcho de vacacións, se deus quere”. A conta desta frase, mantra, en Cequeliños correu unha sinistra lenda. Había un panadeiro, o do Couto, moi alegre e algo destemido que repartía o pan no Torreón a diario. Era o que comeron meus avós e miña bisavoa durante moitos anos. As mulleres que lle compraban o pantrigo sempre se despedían cun “Até mañá, se deus quere”, ao que o amasador respondía: “Queira non queira, eu veño igual”. Mais da noite para a mañá apareceulle cancro no sangue a un dos seus fillos, o máis pequeno, e acabou morrendo. Desde aquela, insistía miña bisavoa, deixou a soberbia e cando se despedían del: “Até mañá, se deus quere”, el só contestaba coa boca pequena: “Se deus quere”.
Eu na miña casa o “tomara” sempre o escoitou con outro significado, o de “xa me/che… gustaría”. Por exemplo, “tomara el que lle fixera caso esa moza!”
Non hai disonancia. É o mesmo significado ca oxalá :)). O que ten como vantaxe sobre oxalá é que se pode flexionar coma un verbo como indicas no exemplo. Graciñas por comentar.
Non sei se é exactamente o mesmo significado. Pero eu sempre o escoitei co mesmo matiz que Pilar indica máis abaixo. Algo que alguén desexa pero que é improbable que consiga.
Insisto. O significado de oxalá é o mesmo :))
A que te refires con que “se deus quere” era usada de xeito masivo ata hai pouco. Queres dicir que agora xa non se usa tanto?
mantra ou Mantra?
Na miña casa si que se di, por exemplo:
– Pero ti tamén vas á festa, non?
– Tomara eu! (Oxalá, xa me gustaría…pero non)
Se Deus quiser…
?
É que Manuel está a usa-lo futuro de conxuntivo do verbo querer.
Pra comprender como se usa o futuro do conxuntivo recomendo ler o artigo http://pgl.gal/ecce-lingua/ (os comentarios do Venâncio, o artigo non fai falla que o leades).
eu acabo de escoitarllo a miña avoa (natural de Pontedeva): “xa lle gustaria ter uns pementos como os meus, tomara!” Ainda que si, non é moi habitual,e a forma “oxalá” é moitisimo máis frecuente.
Pingback: Expresións enxebres | Extensión do galego
Na miña terra, o Val do Limia, úsase, esporádicamente agora, ese “tomara” ou “tomara que” por “oxalá” ou “quen dera” . Miña mai, da zona de Celanova, usábao moito. Frases do tipo: “tomara eu ter a vosa idade!”, “Tomara eu que, sendo nena, houbese tanto de comer como agora hai!”; “tomárano outros!”(tomaran outros que fose deles)…Eu úsoo bastante
Na miña terra, o Val do Limia, úsase, esporádicamente agora, ese “tomara” ou “tomara que” por “oxalá” ou “quen dera” . Miña mai, da zona de Celanova, usábao moito. Frases do tipo: “tomara eu ter a vosa idade!”, “Tomara eu que, sendo nena, houbese tanto de comer como agora hai!”; “tomárano outros!”(tomaran outros que fose deles)…Eu úsoo bastante. “Oxalá” síntoo como algo moderno Por iso non acabo de comprender por que RAE dá por non existente ese TOMARA. Será qye ese arabismo lle molesta que estea tan vivo no portugués?
TOMARA de “atomala”, do árabe “atamma llāh” = “cumpra Deus (que)…”