Cinco anos de dúbidas
Hoxe comeza a tempada 16-17 deste blog. Hoxe é unha data especial porque, semana arriba-semana abaixo, o ‘Dúbidas do galego’ fai cinco anos. Así que este primeiro texto non ha resolvervos ningunha dúbida porque o quero dedicar a recordar por que empecei a escribir e como foi evolucionando este proxecto.
Se vedes o meu perfil, non fai falta que vos conte que son xornalista. Traballei como redactor do semanario A Nosa Terra e coordenador de A Nosa Terra Diario, o medio dixital que compuñamos, até que deixou de publicarse no 2010 e un ano despois, o conxunto da empresa pechou e eu quedei sen traballo. É estéril explicarvos o que sentín cando quedei sen traballo pero só quero que comprendades que traballar nun medio de comunicación en galego (e iso segue a pasar hoxe) deixa pegada. Se a iso sumades que a meirande parte dos xornalistas sómolo por vocación, podedes darvos de conta que no 2011 non só me convertín nun parado, quedei desamparado ao mesmo tempo. E cadaquén vai buscando o amparo como pode, en moitos lugares e de moitos xeitos.
Xa na derradeira etapa de A Nosa Terra Diario eu facía algo semellante ao ‘Dúbidas’ e naquel outono triste de hai cinco anos entendín que a experiencia gaña en tantos anos de redacción, corrección de textos e pelexa no día a día coa norma do galego para adaptala ás necesidades de expresión dun medio de comunicación en tempo real non podía quedar para min só. Por iso decidín crear o blog, como xeito de publicar na rede, para quen quixera velo, como eu resolvera dúbidas que me asaltaran durante anos.
Manter un blog altruísta (ou egoísta, porque me deu e me segue dando satisfaccións) é unha tarefa con altibaixos. Hai épocas nas que a vida se che complica e non atopas lecer para escribir, outras veces escribes textos cos que non quedas contente. Poucas veces alguén entra, fai un comentario desairado e amárgache o día. Pero polo xeral, o ‘Dúbidas’ contou cunha comunidade lectora excelente. O número de visitas foi medrando ano tras ano, a pesar de que a periodicidade e o número de entradas do blog por ano baixou. A xente entra, pregunta, interésase por saber como mellorar o seu galego. Amais do blog, creei a comunidade no facebook do ‘Dúbidas’. Humildemente, penso que foi un éxito ben grande. Arestora forman parte dela ao redor de 1.900 persoas. Coñezo como funcionan as redes sociais, os seus límites e o autoengano que poden provocar pero coido que é unha cifra de “gústames” ben xeitosa. Coido que as persoas que neste tempo a utilizaron para me preguntaren e consultaren cousas houberon de ver o meu interese en atendelas canto antes e axudalas a resolveren problemas concretos. Houbo persoas que me pediron axuda para traducir un menú dun restaurante, para corrixir a edición dun texto literario, para escribir con corrección unha carta a un ser querido en bo galego.
Estou orgulloso de dúas cousas neste tempo. Unha, que o blog se converteu en referencia para moitas persoas que se dedican profesionalmente á tradución. E tamén que moitas persoas estranxeiras que están a aprender galego confiaron no blog para resolveren dúbidas e apertos. Como galegofalante, coido que é moi importante ter en conta que a nosa comunidade lingüística debe aspirar a medrar, sempre. Tanto con persoas da nosa nación que se decaten de que falar en galego suma e nos fai máis sexis :)) coma con persoas que coñecen a nosa lingua por centos de razóns e logo de sentila ou lela, deciden amala porque non existe outro xeito de definir o acto de aprender unha lingua que non é túa e que non vale para o comercio, para o negocio, para o triunfo no capitalismo. Se puxen o meu granceiro de area para que ese amor floreza, xa me dou por feliz con esta experiencia.
A partir de agora, intentarei actualizar o blog todas as semanas. Dádeme o desconto cando falte á cita. Será que non podo, de veras. Quero que vos animedes a preguntar, a expresar as vosas dúbidas, a suxerir temas. Sede insistentes porque talvez me esqueza. Sede pedichóns, que o non xa o tedes :))
Moitas grazas por lerdes este blog. É ben difícil estar á vosa altura. Apertas!
Moitísimos parabéns polo teu labor impagábel estes cinco anos, César. Tomara que veñan moitos máis!
Parabéns. Malia non ter seguido tódolos artigos que publicaches, pois o bombardeo de información no correo é brutal, si atopei interesantes aqueles que seguín. Tamén me tes sido moi valioso para alguna dúbida.
E… para retomar o novo curso e evitar que te enferruxes…Cal sería o equivalente galego ao adxectivo castelán “ocioso” referido á persoa que non pon interese por aproveitar o tempo, xa sexa traballando de xeito formal e remunerado coma practicando algunha afición, deporte, actividade artística, etc que lle poida reportar un enriquecemento persoal. Noutras palabras, unha actitude contraposta á emprendida por ti cando te viches sen traballo, e che deu por crear iste maravilloso blog. Grazas.
Ola, Lalo. Graciñas por comentar e polo cariño. Este espazo aliméntase co alento de persoas coma ti. Entendo que o que preguntas non é tanto un estado concreto: non ter nada que facer senón ser alguén a quen traballar lle pega un tiro, que di miña nai. Hai unha palabra que se usa habitualmente no portugués e que eu escoitei moitas veces en galego: ser folgado. “Fulano de tal é ben folgado” vén dicir iso mesmo.
Na Limia oín dicir dun home con fama de vago, calaceiro ou lacazán, que son formas máis agresivas para o mesmo que estamos tratando: “Fulano de tal ten mans de la”, é dicir, tiña as mans suaves e coidadas por non andar con elas na terra.
Espero terte axudado. Apertas
Parabéns por estes 5 anos! Moitas grazas polo blogue, a min resúltame moi útil e aclaroume moitas dúbidas, espero que teñas folgos para seguir adiante. (Xa sei que din que se di “blog” pero a min esa forma brusca de acabar unha palabra en galego resúltame allea, non concorda co galego que mamei).
A min gustaríame saber se hai algunha diferencia ou matiz entre as palabras “pastor” e “pegureiro”, segundo o dicionario son sinónimos.
Moitas grazas de antemán
En efecto, un pegureiro é unha persoa que anda a coidar do gando. Por extensión, nalgunhas comarcas serve para definir un rapaz novo ou incluso un pillabán. Xa se sabe que a lingua é moi clasista :))
Grazas, pola aclaración e o interese.
Blog é na escrita, mais poder podes dicir “blogue”. De feito, no portugués usan blogue (na escrita e na fala). A razón diso é que nesa língua fan aportuguesamentos das palabras (blogue, estresse, esprinte, caraoquê, camicase, caratê, coala…).
E, aínda que eu saiba que no galego hai que escribir “blog”; eu prefiro facer coma os portugueses e escribir “blogue” sempre que puider.
Se entendes ben o portugués, recoméndoche o blogue https://dicionarioegramatica.com.br ou o https://ciberduvidas.iscte-iul.pt/
E un blogue galego que recomendaría que lle botases unha ollada é o http://ciberdubidas.blogspot.com.es/
Parabens! Eu son das que consulto o blog de cando en vez para as dúbidas que van xurdindo 🙂 Por moitos anos máis!
Grazas a ti por esa constancia e esforzo por facer q a nosa lingua se utilice cada vez. COn máis corre ción e nOrmalidade.
Antón Amil