Ti i eu
A conxunción copulativa en galego é e. Sempre. En todos os casos, pase o que pase antes ou despois na frase na que vai incluída.
Nunca escribiremos “Ti i eu” aínda que pareza que se produce unha cacofonía ao pronunciar “Ti e eu” porque unha cousa é a escrita e outra a fala, onde, nalgúns casos, como nesta frase que veño de reproducir, si que pode modificarse o son da conxunción e por outro que permita adaptarse ao seguinte fonema.
Isto non significa que sexa galego xenuíno pronunciar sempre a conxunción e co son i, como escoitamos acotío. Por que sucede este fenómeno? Para o profesor Xesús Alonso Montero, é síntoma de castelanización. El considera que hai unha influencia clara do y sobre determinados galegofalantes (tanto neofalantes como falantes de galego de sempre). Outras voces consideran que este cambio vocálico é causa dunha relaxación do e pechado cara ao i, como ocorre con outros casos da expresión oral galega. Por exemplo, nalgunhas comarcas de Galicia, o imperativo dos verbos da segunda conxugación pasan do o pechado ao u: “Murde!”. “Cume e deixa de palicar, ho”. Tamén formas como iste ou il responden á erosión das vogais pechadas.
Sexa como for, malia que na frase haxa unha palabra a continuación do e que tamén empeza por e, nunca usaremos i. “Van vir comigo este e este”. “Eduardo e Henrique son curmáns, non cuñados”.
Moitas grazas. A min sóame mellor “ti e-eu” que non “ti-i eu”, penso que é unha tendencia máis dos neofalantes que dos de sempre.
É que soa mellor “ti e eu”. Iso da cacafonía, non existe na Galiza (igual cós tempos compostos).
Máis que unha resposta, unha pregunta: Hai unha palabra que non ven no DRAG e aparece noutros dicionarios, trátase de “doca” coma preguiza, desidia, nugalla. Di un que ven da xerga dos canteiros. non sei se ti podes dar máis información. Teño lido esta frase “os docas tiran para diante e páganas”, sería o plural ou é algún localismo?
Ola. Non a oín nunca. Tomo nota dela para averiguar algo máis. Grazas por ler e comentar 🙂
Eu non podo contribuír a explicar a súa orixe, mais aquí deixo algunhas referencias lexicográficas para os curiosos 🙂
Hai 10 usos deste lema no Tesouro Informatizado da Lingua Galega: http://ilg.usc.es/TILG/?tipo_busca=lema&pescuda=doca&categoria=Todas&desde=1600&ate=2050
Outros tantos no Corpus de Referencia do Galego Actual (hai que rexistrarse, mais é de balde):
http://corpus.cirp.es/corga/buscas.html
Finalmente, como ti dis, está recollido en moitos dicionarios do 1931 ao 1985:
http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=doca&tipo_busca=lema
Esa pronuncia errada vén do portugués que hai galegofalantes que remedan esa pronuncia. Os paleofalantes pronuncian ” e ” normalmente e “i ” cando a seguinte palabra empeza por ” e “.
Este tema faime lembrar un caso curioso para min. Miña nai é de Lugo e alí sempre me chamou a atención como dicían ” E un máis “. Soa a ” Yon máis “. Sóame a nome inglés: John Mise.
E seguindo coa conxunción copulativa; para dicir ” Ti e eu ” tamén empregamos” Ti máis eu ” ou ” Ti e máis eu ” .
Perdón por escribir ” mais ” con til. Escapóuseme e non podo corrixilo.
*Acento. O til é o de enriba do ñ ou o de algunhas palabras no portugués (gañar, irmão…).
De feito, o ñ non é unha letra; xa que é un n con til [igual que o í, ã, è, ú… non son letras, xa que son vogais con acento (ou con til, no caso do ã)].
Avogo polo “Ti mais eu…”. Na zona de Verín escóitase unha fonética característica, única nos galego falantes de sempre: ” Eu lla [e a ] minha irmá… “.
Noraboa polo blogue.
Grazas pola lectura e polo comentario.
Xa che ía deixar o mesmo comentario que fixo Antonio 🙂
En Verín dicimos “tu-lleu”, e no caso de “este e este” sería “este-llEste”
Moi boa páxina!