Dúbidas do galego

Debaluto

De cando en vez gústame traer aquí algunhas palabras que están a acabarse. Si, as palabras son coma calquera ser vivo. Naceron nalgún momento, medraron e foron gañando e perdendo significados co paso do tempo e chegado un momento, han desaparecer. Hai veces que esa morte non é definitiva porque reviven por calquera causa mais por costume, unha vez que se silencian na lingua falada e xa nin os escritores a usan nos seus libros, marcha e adeus.

Hai pouco sentín na Limia esta fala: “Agora son vello e teño todas as terras ao debaluto”. Quen falaba, en efecto, debía roldar os 80 anos e tiña as bagullas a adornarlle as pálpebras mentres conversaba con outro, máis ou menos dos seus anos, sobre o tópico tempus fugit virxiliano.

O caso é que ao escoitar a expresión ao debaluto inmediatamente a relacionei con outra locución que estou farto de oírlle á miña nai e a toda a miña xínea da Maraña: andar ao debaluque. No caso da miña familia, o debaluque non ten que ver co abandono (con deixar de monte ou á poula) senón con andar de festa rachada. “Mira que olleiras traes! Andas ao debaluque venres e sábado e logo o domingo non tes nin saliva na boca”. É dicir, o debaluque é máis ben un abandono dos bos costumes, un asilvestrarse moral, unha desorde máis dionisíaca que agrícola.

Nos dicionarios de Leandro Carré Alvarellos e de Estraviz aparece a expresión ao debaluto; non así debaluque, polo que a considero unha derivación, común noutras moitas palabras.

Sempre digo que o único remedio para salvarlle a vida a unha palabra é usala. Non hai semana na que eu ou meu irmán ou moitos dos meus primos falemos do debaluque. Se vos presta, recordade que a forma documentada é debaluto e que serve moi ben para definir unha boa xolda abarrabasada.

Advertisement

Single Post Navigation

12 reflexións sobre “Debaluto

  1. nachorodino o dixo:

    Interesante expresión, @cequelinhos, nunca antes a oíra.
    O que me chamou a atención foi a túa redacción do último parágrafo: “non hai semana ca min ou meu irmán … falemos…”. O correcto sería “non hai semana na que eu ou meu irmán non falemos…”, non?
    Ou será que deixas a corrección sintáctica ao debaluto? 😉

  2. Como me gusta aprender novas palabras! Sen dúbida, esta apúntoa na miña libretiña.

    Eu tamén me fixo moito, sobre todo cando estou con meu avó, nas palabras ou expresións que di e eu nunca oíra.

    Bicos virtuaisss 🙂

  3. Anónimo o dixo:

    Ola, bos días. Estiven a ler na túa páxina de dúbidas do galego. Está moi ben, pero agora, aproveitando esta xeitosa oportunidade que nos ofreces para aprender, quería facerche unha consulta: Non sei se coñeces a canción “O Pirimpimpín” del grupo “Malvela”, abofé que si. Nun cacho dela din: ” …hay un lexo de letreiro que sempré esta a dicir… Portugal meu compañeiro”. Que quere dicir “lexo”, non o atopei en ningures.

    Graciñas e unha forte aperta (perdoa o meu arrepiente galego, son madrileño e estou a estudialo)

    ________________________________ De: Dúbidas do galego Enviado: jueves, 8 de junio de 2017 18:42 Para: eldorado-v@hotmail.com Asunto: [Artigo novo] Debaluto

    @cequelinhos posted: “De cando en vez gústame traer aquí algunhas palabras que están a acabarse. Si, as palabras son coma calquera ser vivo. Naceron nalgún momento, medraron e foron gañando e perdendo significados co paso do tempo e chegado un momento, han desaparecer. Hai vec”

    • Ola: Graciñas por comentar no blog. Alégrame moito saber que estás a aprender o galego. Como galegofalante é moi reconfortante saber que haxa persoas que escollan voluntariamente coñecelo e escribilo. Non o fas nada mal 🙂

      Sobre lexo, a verdade é que coñezo a cántiga pero non a letra, polo que non sei se na versión orixinal é lexo ou outra forma moi parecida. Polo que topei, nalgunhas cantigas populares, lexo é unha forma do castrapo lexos, é dicir, a tradución literal de lejos en castelán. Pero neste contexto non pega ese significado.

      Tamén existe a forma leso, que é un adxectivo que vén significar parvo ou trastornado. Pero tampouco me convence nese verso.

      Seguirei investigando

  4. Ola César, encántame o teu blog e visítoo de cando en vez para consultar dúbidas que xorden coa fala e coa escrita.
    E case que penso que son máis interesantes as dúbidas que resolves que os propios artigos que elaboras! (e abofé que son interesantes).
    É unha mágoa que se perdan todas esas dúbidas resoltas entre comentarios. Penso que deberías recopilalas dalgún xeito para tirar proveito delas.

    E como non, tamén chego con unha dúbida que me xurdiu sobre unha perífrase verbal.

    Sería correcto dicir: “El desexaba poder volver camiñar”.

    Ou debería inclinarme por: “El desexaba poder camiñar de novo”.

    Un saúdo e grazas!

    • Ola, César. Moitas grazas polo comentario. Este blog naceu para resolver dúbidas e construírmos unha lingua máis xenuína entre todos. Tomo nota da túa suxestión porque é certo o que dis.

      A respecto da túa dúbida, non hai ningún problema con ese triplo infinitivo. Poder e volver son verbos auxiliares e neste caso combinan. E combinan ben. Aperta grande

  5. Ola, non sei si algún de vos me pode axudar nunha dúbida que teño e que non fun capaz que resolver en Internet.

    Por exemplo, na frase “Miña nai díceme que son bo”, a forma “díceme” do verbo “dicir”, correspóndese a unha variedade dialectal do galego ou simplemente é una mala conxugación?. Si resulta que é una variedade dialectal, cal sería?.

    Moitas grazas.

  6. Pois moito me temo que a verba “debaluto” xa morreu, ou alomenos de xeito oficial, xa que non aparece no diccionario da RAG…
    Se cadra se se comeza a escoitar e a usar a volven a incluír.

  7. Víctor Fresco-Barbeito o dixo:

    Só hai que reflexionar e pensar na grafía (tanto en debaluto como en debadulaque), se é xunto ou separado. DRAG proclama separado: https://academia.gal/dicionario/-/termo/baluto,%20de
    DRAG permite tamén DE baluto, A baluto e EN baluto. O significado é o mesmo: “sen proveito”, que non é exactamente “a monte”, como non é “a barbeito”. O feito de que vós xuntedes dúas preposicións non é raro (en por si, foi a entre Vigo e Chandebrito), nin sequera na lingua coloquial (de a cabalo). Agora só queda que a usedes, ou sigades usando: ou como xa está no DRAG non hai que salvala e podemos deixala caer no esquecemento?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: