Dúbidas do galego

Calzoncillo

Un dos grandes desafíos do galego do noso tempo é soar normal en todos os ámbitos. A pesar da lexislación, dos equipos de normalización lingüística, a pesar do ensino e dos medios de comunicación públicos, a nosa lingua non conseguiu entrar con forza de seu en múltiplos ámbitos semánticos. Xa falamos varias veces do ermo do idioma de Galicia en áreas tan estratéxicas como o Dereito ou a Sanidade. Mais non hai que esquecer que esa ausencia tamén se dá naqueles ambientes máis populares, nos importa tanto ou máis a fala ca a escrita. Podemos pensar en videoxogos ou en electrodomésticos. Nalgúns casos, como fora o deporte, durante o tempo no que a TVG empezou a transmitir fútbol de elite en horario de máxima audiencia conseguiuse asentar termos como saque de curruncho ou gardamallas, aínda que a cambio obtivemos neoloxismos quizais mellorables como longueiro, cancerbeiro ou canteirán.

No mundo do téxtil, o galego ten serias dificultades. Dáse unha contradición curiosa. Primeiro, que até hai trinta anos, a roupa era un ben que se coidaba, cun limitado número de pezas cun limitado vocabulario. Na vestimenta digamos tradicional o galego ten fortaleza. Xusto a mediados da década do 1980 Galicia pasa a ser unha potencia no sector da confección, en paralelo consolídanse o imperio Inditex e alcanzan prestixio internacional deseñadores que aínda hoxe teñen marca propia: Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Florentino Cacheda. Mais esta explosión en ambas vías non contou co galego e non serviu, infelizmente, para actualizar o vocabulario da vestimenta.

Nesta tempada hei falar dalgúns conceptos para poder nomear coas palabras de noso unhas ou outras pezas de roupa. Por empezar por algún sitio, quero comentar o caso de calzoncillo.

Calzoncillo non ten moita dúbida, é un castelanismo moi estendido (case monopoliza a lingua oral) que define esa peza de roupa do vestiario masculino que se emprega para cubrir os xenitais desde a cintura, cunha altura variable pernas abaixo. A pesar de que en castelán se usa indistintamente en singular e en plural, en Galicia case sempre se fala, tradicionalmente, do calzoncillo.

En galego, ao igual que ocorre con outros diminutivos castelanizados, recoméndase usar a palabra na súa forma plena (banquillo-banco; mesilla-mesa…). Polo tanto, o máis sinxelo sería falarmos de calzón. “Odio que sempre uses ese calzón de ananás e cocos”. En galego tamén se admite a forma en plural, calzóns.

Unha alternativa, digamos, máis enxebre, é a forma cirola ou cirolas. Unha cirola ou unhas cirolas equivalen a calzón ou calzóns. “Merquei pola internet unhas cirolas de imitación de Calvin Klein que me saíron tiradas”. Existe tamén a expresión quedar en cirolas, non só para expresar o acto literal de deixar só posta a roupa interior senón tamén para expresar estado de indefensión ou sorpresa. “Recordoume aquilo e deixoume en cirolas, recoñézoo”.

Os calzóns que hoxe en día se gastan poden ser de varios tipos, todos definidos por estranxeirismos adaptables ao galego. Un slip é un calzón curto sen perneiras. O bóxer é algo máis longo e ten perneiras. Pode ser axustado ou frouxo. Cando falemos daqueles calzóns até os nocellos que xa non se ven agás para ir á neve ou pasar o inverno en Calvos de Randín, podemos utilizar a forma calzóns longos.

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: