Dúbidas do galego

O galego oral despois da televisión

Repasando os comentarios que recibín neste blog desde o 2011 antes de recuperar o ritmo máis ou menos estable de publicación, topei cun que deixou Alberto no 2016 no que me pedía que falase do porqué de que se establecese o adxectivo xenial case como unha interxección sen moito significante. “-Quedamos mañá para cear? -Xenial. Levo eu o coche”. “Hoxe levanteime xenial. Durmín profundamente”. Xa vedes que son pagador e aínda con dous anos de demora utilizo a cuestión de Alberto para reflexionar sobre a influencia dos medios de comunicación na lingua oral. Un falante aprende a falar en moitos ámbitos e cada ámbito vai darlle as ferramentas para construír cada rexistro onde empregará a fala: na casa e no seu contorno inmediato (informal), na interacción social con descoñecidos (regular) e diante das autoridades ou en actos de alta representatividade social ou cerimonial (formal).

Nestes tres rexistros hoxe en día ten tanta importancia a experiencia real de escoitar e falar como a pegada que deixan os medios de comunicación, neste caso, por falarmos de lingua oral, obviamente a radio e a televisión, moito máis este último medio, que ten unha cota de penetración nos fogares de máis do 95%. Hai casas onde a televisión (ás veces varios televisores a un tempo) está acesa até 18 horas por día. Parece lóxico que a maneira de falar da tele inflúa.

A pesar de que o galego é moi minoritario na televisión e na radio, houbo tempo para que determinadas formas, palabras ou xiros fosen gañando espazo a base de se sentiren a diario a través das pantallas. Ademais, os galegofalantes traducimos ao noso idioma xiros novos que o castelán importou tamén da linguaxe televisiva. É dicir, aínda que os conceptos fake (falso) e fake news (novas falsas) se usen (de maneira abusiva e incoherente) nas tertulias de televisión en castelán, un galegofalante incorpóraas deseguido cando usa a súa lingua propia. Este é o caso do adxectivo xenial tomado case como adverbio ou interxección. De onde procede? Das traducións das series e películas estadounidenses.

Saben os tradutores que o máis difícil de facer é pasar un rexistro oral dunha lingua a outra. Varían tantos elementos que para facelo dun xeito case perfecto deberían optar por unha adaptación e non pola tradución literal. No caso do inglés, cando se dobra ao castelán (ou galego) case sempre se respectan as flexións propias dese idioma, por exemplo a forma de construír as frases. Un exemplo. Estamos fartos de oír nas series dobradas: “Importaríache pasarme o sal, Sue Ellen?”. Esta é unha forma calcada dunha das varias fórmulas da interrogación en inglés. Noutros casos hai que lidar co limitado vocabulario anglosaxón. Por exemplo, apenas ten pecados e case todo o resolve coa forma fuck, que pode ser interxección, verbo e adxectivo (fucking). Así vemos dobraxes que se compoñen basicamente na adaptación do fuck ao foder. “Colle a túa fodida guitarra e méta no teu fodido cu, foder, deixa de foderme xa!” O caso de xenial responde a esta dinámica. Como traducimos o inglés cool? Esta partícula é unha palabra comodín nos guións audiovisuais estadounidenses. Para trasladalo ao castelán usouse genial e de aí ao galego xenial.

Hai pouco contábame o escritor Bieito Iglesias, que ten entre os seus méritos ser traducir o Son Goku ao galego, como se espallou a forma meu como bordón. “Até a chegada da tele, meu usábase pero moito menos que agora”, dicíame. “Pero cando chegaron as series americanas, aqueles tipos pasaban o tempo todo engadindo man ás frases: Do you know, man. I’m a good guy, man, listen to me… Así que tiñamos un problema, porque o hom non o acababamos de ver e había que escoller algo necesariamente curto, que servise para que os actores de dobraxe substituísen na voz ese man. Meu encaixou coma un anel”.

Con certeza, meu é unha fórmula viva no galego oral. Nin sempre estes fenómenos tiveron que ver con procesos de tradución e dobraxe. A palabra arestora, hoxe firmemente implantada, era minoritaria hai 35 anos. Convivía con agora e outras formas, caso de destora ou destoras. Mais a finais da década do 1980, un comunicador histórico da novísima TVG bautiza o seu programa das tardes co nome de Arestora. O tal comunicador, Fidel Fernán, ten contado que os lingüistas da corporación autonómica lle requicharon o fociño cando propuxo tal palabra mais el estaba convencido de que ía ser un éxito. Abofé que o foi. O Pupo e María Xosé Rodríguez acompañaron a toda unha xeración e a palabra arestora está na propia tele máis tamén na literatura ou no xornalismo. Por certo, abofé é outro triunfo da linguaxe televisiva. Forma sincopada de a boa fe, os que temos menos de 45 anos habemos lembrar sempre tal palabra na boca de Krilin, o compañeiro careca do Son Goku. Que outras formas se popularizaron grazas á tele en galego? “A rañala, raparigo!”

Advertisements

Single Post Navigation

2 reflexións sobre “O galego oral despois da televisión

  1. Moitas grazas, César. Eu son aquel Alberto do 2016 que aínda se seguía a preguntar por ese uso de xenial. Foi un pracer ler a túa explicación. Porén, sigo pensando que non é xenial usar xenial en galego porque temos palabras propias do idioma ben máis axeitadas, mais tamén é certo que a lingua está viva e muda constantemente, e cómpre aceptalo. Un saúdo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: