Dúbidas do galego

Almorzar, xantar, cear

Comer, alén de ser unha necesidade básica das persoas, é un dos elementos máis complexos dunha cultura. Inflúe en moitos ámbitos e a lingua non podía ser menos. Ao contrario, o acto de alimentarnos ten unha relación íntima coa fala. Será porque ambas cousas comparten a boca.

En Galicia temos unha cultura culinaria única e riquísima grazas á diversidade da nosa natureza e ao pouso de moitos séculos de aprendizaxe, mestura e investigación popular ao redor dos alimentos e dos seus procesamentos. Neste blog acotío falamos de comer pero hoxe unicamente quero centrarme nos horarios de cada unha das cerimonias da paparota.

Hoxe é habitual comer tres veces ao día. Unha pola mañá, o almorzo, palabra que desaparece substituída polo castelanismo desaiuno ou desaúno, outra nas horas centrais do día, entre as 13h e as 15h segundo a clase social, a ocupación ou a zona xeográfica, denominada xantar (viva na fala) e outra á noitiña, entre as 20h e as 23h, que coñecemos por cea, aínda que en moitos casos se use o castelanismo cena.

Este moderno sistema non sempre foi así e no rastro da nosa cultura encontramos outro xeito de comer día a día.

Hoxe, dicía, xántase entre as 13h e as 15h mais isto é un costume relativamente recente. A hora habitual de xantar era o mediodía. De aí que aínda se diga a comida das doce. “Non sei que facer mañá para as doce. Macarróns non que levamos toda a semana comendo pasta”.

Tamén mudou moito o xeito de administrar a comida pola mañá. Na Galicia tradicional a xente erguíase moi cedo. Tan pronto era día había que saír co gando. A esas horas o estómago pouco admite. De aí que a xente tomara a parva, cuxo contido variaba. Podía ser un trago de augardente mais tamén un café con pan ou unhas galletas molladas. Tras a primeira xeira de traballo a xente volvía á casa para almorzar. Esta dupla comida deixou pegada en moitas casas, onde se diferencia o desaúno, a base de leite, cereais ou alimentos de fariña e froita, do almorzo, que consiste en algo salgado: unha chouriza, un bocadillo de xamón, un pouco de friame… Non é casual que o galego acollera como empréstimo a forma desayuno pois implica, máis que un cambio no horario, un cambio no contido desa comida. Aínda que era tradicional tomar aquelas cuncas enormes de leite con chicoria e boroa esmigallada, o almorzo tradicional era mixto, quizais máis parecido ao que fan nos países de cultura xermánica aínda hoxe en día, en contraste co modelo español (madrileño) que se foi impoñendo, máis livián e baseado no xogo entre leite, café ou cacao e algo de panadaría industrial.

As mañás en Galicia rendían moito. De aí que ás veces a xente aínda comía unha terceira vez antes do xantar. Era o taco ou as dez. Unha peza de froita ou algo de porco, en moitas ocasións.

Nalgúns casos, especialmente nos períodos de tarefas extraordinarias no campo, en Galicia facíanse os chamados almorzos xantareiros, un invento de noso que os americanos puxeron de moda co nome de brunch (mestura entre as palabras breakfast (almorzo) e lunch (xantar)). Nada novo en Manhattan que non tiveramos antes aquí.

Entre o xantar e a cea era habitual a merenda, hoxe restrinxida á infancia e á vellez. A merenda mata non só a fame senón o aburrimento das longas tardes, que en inverno (seguindo o horario solar) se pasan nun morriñento lusco-fusco.

Advertisement

Single Post Navigation

8 reflexións sobre “Almorzar, xantar, cear

  1. Xosé-Henrique Costas o dixo:

    Non podo estar moito de acordo coa “desaparición” do “almorzo” e da “cea”. Hai amplas zonas do país onde estas formas están vivas vivísimas, onde non son galego aprendido, son galego herdado na casa. Pero si, as formas castelás invadírono todo e, nalgúns casos, suplantaron as formas tradicionais que, felizmente, agora podemos recuperar pola escola e polos medios en galego. Como en Portugal, que a ecuación “pequeno almoço – almoço – jantar” está a substituír as formas tradicionais e populares portuguesas “almoço – jantar – ceia”, ditas estas pola xente normal desde Tras-os-Montes ata o Alentejo pasando polas Beiras, pero que hoxe se consideran “vulgares, rurais, rústicas, iletradas”. Cando digo en Castelo Branco ou en Bragança que quero cear, a xente di “que engraçado, cear, como dizia minha avô; mas nós agora já dizemos jantar, à noite é jantar”. Parabéns, César, por manteres esta páxina tan interesantísima.

    • Graciñas, profesor, pola lectura e o comentario. Quizais usar a palabra desaparición para o almorzo pode soar excesivo. Na cea só digo que en moitos casos dise cena 🙂

    • Levo uns anos a vivir en Portugal e ainda é usada a palabra cea, ainda que mais limitado (por exemplo, dise habitualmente “a ceia do Natal”, non o jantar). O normal e “ir jantar” com os colegas, pero chaman “ceia” o que comemos de volta, antes de ir durmir. A “merenda” normalmente refírese a un bolo doce ou salgado e, ainda que tamén hai quen chama merenda a comida entre o almorzo e a cea, o normal e referir esa comida como “lanche” (supoño que será um empréstito do inglés)

  2. Nom é certo que houvera umha mudança de horários tam radical. O que houvo foi umha mudança da hora oficial. Hoje em dia em inverno o meio dia solar quadra coas 13:30 hora oficial, e no verao coas 14:30. Assim quando alguém se ergue no verao as 8:00 hora oficial, som as 5:30 hora solar. E se alguém madruga em serio, ponhamos que se erguendo as 6:30 hora oficial, som as 4:00 hora solar.

  3. Pois na miña zona, a comida do mediodía sempre se lle chamou almorzo. Iso de xantar non existe.
    Logo pola mañá úsase desayuno. Aínda que ao meu pai rara vez lle vin tomar o desayuno. Coa “abundancia” de comida que había nos tempos de antes, non sei se a xente desayunaría daquela. Creo que antes só había 2 comidas: almorzo (mediodía) e cea (noite). Hoxe un pode comer cando lle entra a fame e punto. Aínda que eu como 4 veces ao día: desayuno, almorzo, merenda e cea.

    • Iso non é na súa zona. Iso é puro castelán. E non é certo que a xente só comese dúas veces por día. Outra cousa é a cantidade que se comía pero había moitos momentos nos que levar algo á boca. Graciñas polo seu comentario.

  4. Marina Glimtmoon o dixo:

    Bo día:
    Quero darche as grazas pola creación deste blog que atopei de casualidade navegando pola Internet en procura de verbas en galego que non conseguía achar por ningures. Levo longos momentos lendo as entradas e parécenme todas tan interesantes e educativas… Son unha galega de alma que vive lonxe de Galiza, que fala en galego con moi pouca xente da súa contorna, que pensa en galego e que se esforza día a día para manter viva a lingua no seu interior. Cando vou a Galiza, sempre tento falar en galego con todas as persoas coas que me vou atopando. Ao principio, todas me falan en castelán, pero, ao dárense de conta de que lles falo en galego, axiña mudan o rexistro. Hai algunhas que non o fan, que continúan a falar en castelán malia falarlles en galego. A situación da nosa lingua entristéceme moitísimo. Aínda sigo agardando que a propia xente de Galiza comece a respectar máis a lingua do noso pobo. Os medios de comunicación poden loitar por manter viva a lingua (aínda que penso que en Galiza debería de haber máis medios de comunicación en galego), dende as escolas pódense facer iniciativas para defender a lingua; pero, se o pobo propio non defende a lingua que falaron sempre os seus antergos, todo esforzo será en valuto. Emporiso, satisfaime tanto atopar a xente que si ama a nosa lingua, que a ama de verdade e que a defende, que é consciente da súa valía. Grazas de todo corazón, grazas.

    • Boa tarde, Marina. Quédoche moi agradecido por esta mensaxe. Tes razón en todo o que comentas e por iso non nos queda outra que falar galego e esixir que aqueles que teñen como obriga pública defendelo e promovelo así o fagan en todos os contextos. Unha forte aperta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: