Dúbidas do galego

Lívido e libido

Na nosa vida diaria, o cerebro ten momentos graciosos. Aplicados á lingüística, case sempre coinciden coa economía e coa confusión. Por economía dicimos coworking e non espazo de traballo colaborativo aínda sabendo que a palabra é un híbrido de pouso anglófono. E por confusión hai quen escribe absorver (por influencia de absolver).

A confusión entre lívido e libido cada vez é máis común. Acotío escoitamos “líbido”. Por que?

Primeiro definamos cada termo. Lívido ou lívida é un adxectivo cualificativo que define a cor pálida (case sempre referida a persoas: “Díxome aquela burrada e quedei lívida, filla”) ou a cor entre azul e encarnado que adquire a pel humana en estados de frío extremo ou por mor dunha contusión.

Libido é un substantivo feminino que define o desexo sexual instintivo. O Estraviz engade tamén que para o psiquiatra e fundador da Psicanálise Sigmund Freud, a libido define tamén “a enerxía dos instintos da vida”.

De feito, os expertos en Etimoloxía consideran que foi o médico austríaco quen en realidade colocou este termo, proveniente do latín, no vocabulario actual, primeiro no rexistro científico e pouco e pouco (coa popularización da propia psicanálise) na fala cotiá.

Coa normalización social do sexo, tamén na fala, termos coma libido entraron no vocabulario habitual. “Malditas hormonas, téñenme esta tempada coa libido polo chan”.

Coido que a confusión ten a ver con dúas circunstancias. Por unha parte, ambas palabras son cultas. Lívido de feito segue sen usarse, polo xeral, máis alá do rexistro formal ou literario. E pola outra, os cultismos parece que soan mellor en esdrúxula: currículo, pináculo, catedrática e cátedra… Libido, así con acentuación grave, debe soarlles a determinados falantes como estraño.

Como curiosidade, libido procede da raíz indoeuropea *leubh-, da que derivaron formas como o love (inglés) ou любовь (ruso): amor. Mais para os latinos a libido viña ser non tan só a paixón amorosa senón calquera impulso irracional e máis forte ca a propia vontade. Foron os filósofos cristiáns quen adscribiron esa paixón desatada á paixón sexual, esquecendo que é  o amor e non o sexo o que realmente non se pode gobernar.

Advertisements

Single Post Navigation

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: