Dúbidas do galego

Aburrir e aborrecer

Aínda que estes dous verbos forman parte do mesmo campo semántico non teñen significados iguais polo que debemos ter moita conta ao usalos. Pódenos parecer que aburrir é un verbo castelán e de aí a gana de substituílo sempre por aborrecer. Mais na realidade, aburrir é tan galego coma aborrecer e debemos usalo con propiedade cando corresponda.

Aburrir e aborrecer si son sinónimos co significado de causarlle aburrimento. Tamén causar repugnancia ou fastío e mais cansar de algo. É dicir, podemos dicir: “Aburriume toda a tarde poñéndome fotos da voda na tableta” ou “Aborreceume toda a tarde”. Mais cando o verbo é pronominal aburrir significa sentir aburrimento, polo que non é o mesmo dicir “Abúrreste, Elvira?” ca “Aborréceste, Elvira?”.

Porque cando aborrecer é pronominal significa sentir odio, repugnancia, fastío. É dicir, “Aborréceste, Elvira” vén significar que neste caso esta persoa sente por si mesma noxo.

Un significado menos coñecido de aborrecerse é infectarse unha ferida. “Deixeino estar e aquela trabadela do can aborrecéuseme”.

Aborrecer ten maior intensidade nalgúns casos. Un neno está aburrido porque sente aburrimento ao non facer nada que o estimule. Mais cando está aborrecido é porque incomoda a xente ao seu redor.

 

Advertisement

Single Post Navigation

8 reflexións sobre “Aburrir e aborrecer

  1. Ánxela González Fernández o dixo:

    Ola bo día!

    Quixera parabenizarvos pola páxina é tamén facer unha consulta.

    Sabedes se hai algunha persoa que oriente/ imparta clases para preparar a certificación C2 de Galego das EOI para examinarse por libre?

    Moitas gracias!

    Enviado desde mi iPhone

    El 29 mar 2019, a las 14:20, Dúbidas do galego <comment-reply@wordpress.com> escribió:

    @cequelinhos posted: “Aínda que estes dous verbos forman parte do mesmo campo semántico non teñen significados iguais polo que debemos ter moita conta ao usalos. Pódenos parecer que aburrir é un verbo castelán e de aí a gana de substituílo sempre por aborrecer. Mais na realida”

    • Ola, Ánxela. Graciñas por ler e comentar no blog. Non coñezo a ninguén mais talvez na propia EOI haxa algún anuncio no taboleiro. Se souber algo escríboche seguindo este fío de comentarios. Apertas

  2. Elvira Ribeiro Tobío o dixo:

    Se abres a páxina do Dicionario da Real Academia Galega (https://academia.gal/dicionario/) podes comprobar na entrada “aburrir” que a cuarta acepción (como verbo pronominal) defínse como ‘Sentir aburrimento’, co conseguinte exemplo (“Abúrrome cando non hai festas”). Se, a continuación, consultas a entrada “aborrecer” verás que, na terceira acepción (tamén como verbo pronominal), aparece como “Sentir odio, repugnancia, fastío, etc”, co conseguinte exemplo (“Aborreceuse da súa compañía”). Se, ademaos, temos en conta que “fastío” é sinónimo de “aburrimento” (só hai que buscalo), creo que queda bastante claro que, segundo este dicionario, “aburrirse” e “aborrecerse” son palabras sinónimas, é decir: “aburrir” e “aborrecer” pueden ser tamén sinónimos cando son verbos pronominais. É pois tan correcta a opción “Abúrreste, César?” como a opción “Aborréceste, César?”

  3. Elvira Ribeiro Tobío o dixo:

    En segundo lugar, afortunadamente para todas as persoas que manexamos ferramentas lexicográficas a diario, o dicionario da RAG non é o único material lexicográfico que utilizamos. En galego dispomos dunha ampla variedade de dicionarios, vocabularios, estudos especializados, etc. onde consultar, contrastar e comparar todo tipo de termos. Ademais, cómpre lembrar que, lamentablemente, o Dicionario RAG non está exento de erros (que conhecemos ben as/os especialistas) nin de limitacións (algunhas -como a limitada cantidade de entradas recollidas- son tamén vox populi entre as/os que nos dedicamos ao traballo con diferentes idiomas). En relación con esta cuestión, podes achegarte a outra serie de materiais lexicográficos especializados para que vexas por ti mesmo como está recollido nestes o verbo “aborrecer” no seu uso pronominal. O Gran Dicionario Xerais da Lingua, por exemplo, cuxos autores/as son Xosé María Carballeira, Carme Ares Vázquez, Carme Hermida Gulías, Primitivo Iglesias Sierra, Xosé María Lema Suárez e Rosa López Fernández, recolle na sexta acepción “aborrecer” (como verbo pronominal) como ‘Sentir tedio, aburrirse’, polo que non é difícil deducir que “aborrecerse” e “aburrirse'” son sinónimos. Outro caso salientable corresponde a un dos dicionarios que máis consultamos as especialistas: o “Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega”. Trátase dunha ferramenta moi útil (e de acceso libre en internet) onde se recollen todos os dicionarios históricos do idioma galego. Podes facer a busca correspondente e comprobar como no dicionario enciclopédico “gallego-castellano” de Eladio Rodríguez aparece “aborrecerse” traducido ao castelán como “aburrirse”. O terceiro exemplo que me gustaría que consultases é unha monografía de máis de 1000 páxinas publicada pola Universidade de Santiago de Compostela baixo o título de “Construcións intransitivas. Contribución a un dicionario analítico de construcións verbais”. Se vas á páxina 141 do citado monográfico (disponhible para descarga en internet) verás como se define “aborrecerse” como sinónimo de “aburrirse” e, a continuación, se exponhen unha cantidade nada despreciable de exemplos que ratifican tal relación de sinonimia (e, do mesmo xeito, ratifican a pertinencia do meu exemplo: “Aborréceste, César?”).

  4. Elvira Ribeiro Tobío o dixo:

    En terceiro lugar, debo engadir que un dos criterios máis importantes para establecer a pertinencia ou corrección dun termo ou unha acepción concreta é o denominado criterio de autoridade. Neste caso, permítome recomendarche a lectura de apenas dous fragmentos ben clarificadores: un sacado da literatura culta e escrito por un autor de reconhecido prestixio e outro tomado da literatura popular. Ambos exemplos están publicados por dúas das máis reputadas editoriais galegas. Son, por unha parte, un fragmento da novela “Cárcere verde” de Xavier Alcalá (editorial Galaxia) e, por outra, un anaco dun conto tradicional publicado en “Contos de raposos” (editorial Xerais). Nos dous casos (tanto na literatura culta como na popular) podes observar o uso do verbo “aborrecerse” como sinónimo (sen lugar a dúbidas) de “aburrirse”. Para comprobalo deberás ir á páxina 47 da novela de Alcalá e, a seguir, á páxina 33 dos “Contos de raposos”. Daquela, tanto na literatura culta como na popular, queda patente a corrección de oracións como “Aborréceste, César?”

    • Non me aborrezo, Elvira, porque non sinto noxo por min mesmo. Tampouco me aburro e agradezo que comentes nesta páxina. Saúdos.

      • Elvira Ribeiro Tobío o dixo:

        En cambio, eu non me aborrezo porque sempre tenho moito que facer, mira ti. É a sorte de termos unha lingua rica e cuxas palabras poden ter unha variedade de acepcións. Por non falar do satisfactorio que resulta conhecelas e poder usalas nos seus diferentes contextos.

      • Xusto. De aí que haxa que usalas con precisión para evitar malentendidos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: