Covid-19
Até marzo pouca xente sabía que significaba Covid-19. Podería formarse un grupo de punk-rock ou unha asociación de empresarios con este nome (COlectivo Vigués de Innovación y Dinamización). Coronavirus era unha palabra ignorada por todo o mundo (agás por algúns memoriosos lectores do Astérix) até os primeiros días de xaneiro. Mais a pandemia e o confinamento mundial mudaron esta situación moi rapidamente. A epidemia creou o seu propio campo semántico e é bo sabermos como achegarnos a el con propiedade.
En galego, a RAG recomenda nomear a Covid-19 (ou COVID-19) en feminino, ao ser este un acrónimo (COronaVirus Disease) formado a partir do substantivo, feminino, enfermidade (disease, en inglés). A Covid-19 é, polo tanto, o nome científico da doenza e así debe comunicarse. O coronavirus é o patóxeno que a causa. A OMS e o goberno chinés foron os promotores deste rápido nomeamento para impediren que se popularizasen nomes que estigmatizasen algunha poboación ou nación. Pasou recentemente co ébola, palabra xa común mais que en orixe nomeaba unicamente un río, duns 250 km, afluente do Mongala, afluente á súa vez do Congo, dentro do territorio da actual República Democrática do Congo. Este río, que seguramente recibiu este e outros nomes durante séculos e trouxo, coma todos os ríos, prosperidade e alimento aos habitantes das súas ribeiras, é hoxe un dos moitos nomes da morte, des que no 1976, nunha localidade próxima se detectou o primeiro caso dunha enfermidade que se coñeceu logo con este nome.
Coronavirus chinés, doenza de Wuhan… Puideron ser nomes que a prensa solidificase na memoria universal. Mais a fortaleza internacional da República Popular da China evitou, polo momento, que tales nomes se estendesen, máis alá dalgún comentario malicioso do presidente dos EUA, Donald Trump, ou dalgún dirixente do partido ultradereitista español Vox, entre outros. Historicamente, a asociación entre enfermidade e comunidade tivo éxito na súa difusión popular. A gripe española asolou o mundo no 1918, aínda que se sabe que tivo orixe en Norteamérica. A lenda di que se lle chamou española porque eran os xornais de España os únicos que falaron da pandemia, no último ano da Gran Guerra. A sífile foi chamada popularmente mal francés ou morbo gálico. Até o punto de que no galego enxebre unha persoa galicosa, hoxe en día, xa non só define alguén afectado por tal doenza senón que pode adxectivar calquera persoa extremadamente fraca ou con moi mala cara. “Come un pouco máis que estás galicoso de todo”. Outro significado é sinónimo de zorra ou puta, xa que a sífile é unha enfermidade de transmisión sexual.
Coronavirus e non coroavirus. Aínda que en galego digamos coroa, para a creación de neoloxismos, todos os idiomas recorren ás formas cultas (case sempre gregas ou latinas). De aí que, aínda que, en efecto, o bautismo do coronavirus tivo a ver coa semellanza que os científicos, no 1968, atoparon o microorganismo coa coroa solar, se use a forma plena, tomada do grego, corona.
A fala popular, a pesar do pouco tempo de vida no noso léxico, xa creou formas alternativas, como ocorre case sempre con neoloxismos impostos na fala de arriba cara a abaixo. Escornavirus ou conavirus son formas documentadas oralmente, ao igual que no pasado se falou de ouros (por euros). É cedo para saber se estes nomes populares terán percorrido, ao xeito das formas alcolito ou alcolitro (por eucalipto) ou quedarán esquecidas, como ocorreu cos propios ouros, a pesar da súa coherencia semántica co significante dos euros (moeda, tantas veces na historia elaborada co metal máis precioso).
Quizais no futuro a Covid-19 se coñeza con outros nomes. Nalgunhas contas do Twitter en lingua galega optouse por nomes máis adaptados á gramática da lingua, como covidia ou covídea. Historicamente, o pouso do tempo foi modificando os significados e os nomes. Morriña, que hoxe define a saudade ou a melancolía, en tempos usábase masivamente para falar de varias doenzas do gando (hidropisía, sarna…). De feito, o adxectivo morriñoso/a, que hoxe vexo na literatura referido a persoas tristes, tradicionalmente definía síntomas de abatemento máis físico ca anímico. “Non se me dan as plantas; mira para elas que morriñosas están”.
En galego debemos diferenciar influencia de influenza. Influenza é un dos nomes literarios da gripe, tomado do italiano.
E o que en castelán se chama viruela, en galego é varíola. Mais tamén se coñece popularmente polas boas ou polas vexigas. Afortunadamente, tal peste (nome popular para unha doenza grave e de doado contaxio) está practicamente extinta.
Moitísimas grazas por este artigo, tan preciso nestes tempos nos que cadaquén nomea este virus maldito coma mellor lle vai, sen prestar atención á gramática, e sobre todo cando nos medios non se poñen de acordo na maneira de nomealo. Algúns medios din Covid en masculino e, outros, en feminino. En catalán (eu escribo dende Barcelona), emprégase en feminino e eu tento sempre empregalo así para que non se cre confusión. Tamén me parece moi interesante o que contas da morriña. É certo que agora só ficou co significado de saudade, nostalxia… pero antes, e aínda nalgúns lugares, emprégase morriñoso como aburrido, murcho… Graciñas, de novo, por un artigo tan interesante!
Graciñas por ler e comentar. Unha forte aperta
Aquí un dos firmes defensores de “covidia”!