Manta Paduana
Medrei pasando os invernos en Cequeliños cuberto por unha manta Paduana. Miña nai tirábaa do armario dos meus avós, aínda cheirando a alcanfor, e pousábaa na cama sempre dicindo a mesma ladaíña: “Con isto é imposible ter frío. Unha manta Paduana é a máis quentiña do mundo”.
Ao medrar souben da fama das mantas zamoranas ou das de Ezcaray, en España. No Brasil tiñan fama unhas mantas que se vendían en Campos de Jordão. Supoño que en cada país haberá rexións con sona de bos manteiros.
O caso é que sempre pensei, por analoxía, que Paduana era unha adscrición xeográfica da manta. Se Padua tiña un bo santo (o Antón polo que compiten a cidade italiana e Lisboa, avogoso para encontrar parella), por que non unhas mantas capaces de namorar. Imaxinaba eu que as mantas “paduanas” abrigaran pastores e condottieri, a Beatrice Portinari e a Umberto Eco.
Mais en realidade, Paduana é un nome comercial. Bastante famoso, a verdade, sobre todo en Valencia.
Paduana foi unha destacadísima fábrica de mantas e outros materiais téxtiles fundada en Ontinyent, País Valenciano, no 1919. Na mitoloxía propia dos donos da fábrica hai tres puntos destacados: que a compañía se creou para lles dar traballo a operarios carlistas que foran despedidos doutras firmas; que nos estatutos se afirmaba que o 50% dos beneficios debía ter como fin a obra social e “a participación dos traballadores” e que foi a primeira compañía en emitir na televisión un spot protagonizado por unha muller espida, no 1977, coa pel pintada remedando un dos seus característicos estampados felinos.
O caso é que Paduana se converteu nunha das empresas téxtiles máis exitosas, en especial entre as décadas do 1960 e 1980. Os seus produtos vendéronse nos países árabes e no Reino Unido mais, sobre todo, conseguiu unha presenza masiva no Estado español, con produtos para todos os petos, especialmente logo de empezar a fabricar mantas de fibras sintéticas (acrílicas), máis lixeiras e máis baratas, resistentes aos lavados caseiros.
Coa xeneralización da calefacción e a moda do nórdico de plumas, Paduana entrou en crise e pechou definitivamente no 2012. Seica en Ontinyent aínda se pode ver a súa primeira sede, edificada en estilo modernista.
Mais na miña casa, unha manta paduana non morre nunca. Paduana xa non define unicamente as mantas deseñadas e fabricadas en Ontinyent senón que cualifica unha manta cos adxectivos de cálida, amorosa e perpetua. Unha manta paduana, teña ou non a silueta dun tigre, é sinónimo dun sono plácido.
boísimo.
Moi boa a investigación sobre a marca Paduana.
Non obstante, lembro que en Yo, Claudio, a famosísima obra de Robert Graves, o protagonista fala de Padua e di algo aasí como que as mantas que alí fabrican son suaves como plumas de ganso. Entón é posible que en Roma as mantas de Padua fosen famosas como aquí son, como ti ben dis, as de Ezcaray os da de Val de San Lorenzo (Zamora), e que os creadores da marca se inspirasen niso?
Graciñas, Chus, pola pista. Pode ser como dis ou unha chiscadela de Robert Graves á marca Paduana, que seguro que coñecía ben porque viviu moitos anos en Mallorca. En calquera caso, un fío marabilloso do que tirar. Apertas