Dúbidas do galego

Os días da semana

En galego, en materia lingüística, somos tan ricos e diversos que, para algúns ámbitos, non é que teñamos varias formas senón que temos varios sistemas semánticos. Iso é o que ocorre cos días da semana.

Desde hai uns anos houbo un proceso de recuperación (máis culto ca popular) das denominacións eclesiásticas dos días da semana: domingo, segunda feira, terza (ou terceira) feira, corta (ou cuarta) feira, quinta feira, sexta feira e sábado. Considérase que este sistema foi instituído no século VI polo eminente Martiño de Dumio, o denominado apóstolo suevo, bispo, abade e primeiro gran “reeducador” cultural xa que unha das súas teimas foi afastar a comunidade galaica dos seus ancestrais costumes e “corrixilos” cara a costumes cristiáns, tal e como se pode comprobar na súa famosa obra De Correctione Rusticorum. É dicir, ese sistema numeral de feiras quería substituír a tradición de vincular cada día da semana a cultos sincréticos que durante o dominio imperial se foron relacionando con deuses e deusas do panteón romano.

Durante séculos, con todo, ambos sistemas conviviron. Foi durante a Idade Moderna primeiro, coa castelanización da Igrexa e no século XIX, coa xeneralización do ensino básico (en castelán) que o sistema de Dumio foi perdendo forza até quedar practicamente extinguido na fala viva na segunda metade do século XX. A pervivencia en Portugal e o movemento de recuperación de costumes lingüísticos moi degradados que caracteriza parte do galeguismo cultural favoreceu que nalgúns ámbitos se volva falar de feiras. Só o tempo nos poderá indicar se ese proceso consegue cristalizar novamente na fala. De momento, o dominio da nomenclatura precristiá é total.

Mais hai un problema. Como dixemos, a Igrexa foi axente castelanizador desde o século XVI e logrou danar, case de morte, a expresión xenuinamente galega naqueles espazos que dominaba, tal foi a organización temporal da vida ordinaria. De aí que as formas galegas luns, mércores, xoves e venres desapareceran do vocabulario persoal de moitos galegofalantes. A normalización do idioma conseguiu facer revivir formas como xoves, que levaban defuntas na boca de moitos falantes durante séculos.

A relación entre os días da semana e as advocacións mitolóxicas dáse en moitos idiomas e vincula incluso linguas de diferentes sistemas, tal como o galego e o inglés, por exemplo.

En inglés, tal e como nos conta o antropólogo Joseph Campbell, os días da semana teñen as mesmas atribucións que na cultura latina, mais mudando os nomes romanos polos xermánicos.

Sunday é o día do sol (sun). Monday é o Día da Lúa (moon). Tuesday relaciónase con Tiwes. Wednesday, con Wotan; Thursday con Thor e Friday coa deusa Frigg. Saturday con Saturno (este si pertencente á mitoloxía romana).

En galego, dos sete días iniciais, dous perderon a súa denominación pagá para acoller nomes das relixións monoteístas. Sábado provén do hebreo sabbat (descanso) e domingo do latín (xa convertido no idioma do cristianismo: dies dominicus). Os cinco restantes, non obstante, conservaron a súa raigame precristiá: Luns (de lúa). Martes (de Marte, deus da guerra). Mércores (de Mercurio, deus do comercio). Xoves (de Xúpiter, páter da casa Olímpica). E venres (de Venus, deusa da beleza).

Seguindo a Campbell, a tradición de dividir a semana en sete días pérdese no tempo dos cultos helenísticos cando se consideraba que a serpe (como figura mitolóxica primordial) forma sete aneis da temporalidade, identificados coas sete esferas celestiais. Cada unha destas esferas correspóndese cun día da semana. E xa vemos que nin o empeño de Martiño de Dumio conseguiu crebar ese xeito de organizar o noso tempo. Sete feiras nas que unicamente o domingo (primeiro día da semana, tanto na tradición anglosaxoa coma na lusófona) se librou da opción numeral.

Persoalmente non gusto demasiado do modelo de feiras. Recórdame ao costume estadounidense de poñerlles números como nome ás rúas. Costume este que importamos nalgúns Concellos, onde tamén optaron por ir chamándolles ás rúas Unha, Dúas, Tres… E ben sei que a cifra oculta un misterio (sempre) mais é menos hermético (Hermes é Mercurio, un deus cuxas atribucións e influencias van máis alá do comercio) e máis proclive a deixar vagar a imaxinación recordar que cada día convoca na nosa vida o remuíño dun deus derrotado. Ou non? Mirade se non que a Igrexa se preocupou de que a vixilia (o día do sacrificio, da renuncia, da autorrepresión dos instintos) se fixese en venres, seguramente para combater a influencia venérea (luxuriosa, sexual) da antiquísima e poderosa Nai Cósmica contra a que combateu durante idades e idades o patriarcado.

Single Post Navigation

3 reflexións sobre “Os días da semana

  1. Manoel Da Costa Pardo o dixo:

    Moi acaída aportación! Certos Certos reintegracionismos levan a cómicas conclusións!

  2. Moi interesante, coma sempre… Desde a miña ignorancia, non entendo tanta teima entón coa terminoloxía das feiras cando realmente é máis reaccionaria e ademais posterior á outra, non?

    • Ten a ver co diferencialismo co castelán (que ás veces é excesivo) e con certa fascinación por Portugal como Arcadia feliz onde o galego-galego conseguiu autorrealizarse. Graciñas por comentar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: