Mascarilla e aforo
Os contextos históricos inflúen tamén sobre a lingua. A expresión, tanto a individual coma a colectiva (a que se difunde especialmente a través dos medios de comunicación e, en certa medida, a través da literatura), está suxeita ás circunstancias cotiás que van mudando a xerarquía. E cando os acontecementos lles dan determinado protagonismo a palabras e conceptos, nunha lingua subordinada como o galego, precisa manterse alerta para non perder terreo fronte ao castelán ou o inglés en campos semánticos nos que o noso idioma ten recursos suficientes para facerse entender.
A Covid-19 é un deses acontecementos que incide directamente na recomposición de moitos conceptos. Se hai un ano falásemos aquí de como dicir en galego mascarilla e aforo, así por xunto, pareceriamos exóticos ou proféticos. Mais a día de hoxe ambas palabras teñen un vínculo evidente. Na maioría dos establecementos comerciais vemos a diario cartaces e folletos que nos explican os pasos que debemos seguir para entrar e comprar. “Obrigatorio o uso de mascarilla. Aforo limitado a 4 persoas”, rezan moitos destes sinais.
En galego é mellor utilizar máscara que mascarilla. O castelán, contra o tópico, é un idioma que abusa bastante do diminutivo para sinalar leves diferenzas léxicas. E na meirande parte dos casos, o galego prefire as formas plenas: mesa de noite fronte a mesilla de noche; portelo fronte a ventanilla…
Unha máscara é, segundo a definición (terceira acepción) do dicionario da RAG: “Aparello especial co que se cobre a cara, ou parte dela, para protexela, evitar respirar gases tóxicos, facilitar o envío de osíxeno aos pulmóns etc”. Polo tanto, debemos utilizar esta palabra xa non só para definir a peza de tea ou material técnico que cobre a parte inferior do rostro (do nariz ao queixo) e vai atada á cabeza por cordeis ou cordóns, senón tamén para outros usos, caso das máscaras para soldar ou as máscaras de osíxeno.
En canto a aforo, en galego non é unha palabra recomendable por considerarse tamén castelanismo. Para o concepto de número máximo de persoas que pode admitir un recinto é conveniente utilizar o substantivo capacidade ou a fórmula capacidade máxima. O lingüista Benigno Fernández Salgado, autor do máis importante dicionario de dúbidas do galego, propón admitir foro tamén para este significado.
Polo tanto, os avisos á porta dos locais comerciais, culturais ou de hostalaría e espectáculos deberían indicar: “É obrigatorio o uso de máscara. Capacidade máxima (ou foro)…”
Grazas!
O uso de ‘aforo’ é certamente abafante en textos en galego. Non hai moito, porén, lin a forma ‘cabida máxima’ e gustoume. Non sei por que me parece que reflicte mellor a noción de limitación. Capacidade soáme a unha magnitude, como o volume ou a superficie, que son as que son independentemente de que se enchan de xente ou non. Xa sei que ambas as palabras proveñen do mesmo verbo ‘caber’, mais non sei, quería compartilo por se alguén, coma min, acha esta forma máis axeitada.
Graciñas