Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “En perigo de extinción”

Hipo

Para definir o movemento involuntario e compulsivo do diafragma, que interrompe a respiración e produce un ruído, o castelán emprega hipo, voz que practicamente reproduce o ruído que facemos cando padecemos este molesto trastorno.

En galego debemos utilizar algunha das varias formas propias para referirnos a este problema. A máis recomendable, na miña opinión, é impo. Por que? Primeiro porque á hora de introducir un novo termo sempre resulta máis doado recordar formas semellantes ás que queremos substituír. E segundo porque as demais opcións están connotadas a outros significados.

É o caso de salouco e os seus sinónimos saluco e sotelo. Aínda que os dicionarios constatan que o seu significado principal responde a ese movemento do diafragma, na lingua común son palabras máis relacionadas co seu segundo significado: choro entrecortado, constantemente interrompido por ruídos da gorxa ou do nariz. “Souben que a vella Mariña morrera cando oín os saloucos da súa filla asolagaren o patio de luces”.

Aínda así, saluco e sotelo son palabras minoritarias que ben poderían xeneralizarse por esta vía. “Para que che pase o sotelo, coloca unha man plana sobre a cabeza e aguanta a respiración dez ou 15 segundos”.

Sotelo é unha palabra moi presente na nosa onomástica como apelido e –xa menos– na toponimia. Non ten nada a ver con estoutro sotelo. É unha deturpación do galego soutelo, bosque pequeno en orixe. Hoxe hai 34 núcleos de poboación co nome de Soutelo.

Soutelo, na lingua común, define hoxe un bosque de castiñeiros de pequeno tamaño. Andar ao soutelo é o costume de andar ao rebusco de castañas, logo da colleita. Era habitual entre a xente pobre peneirar os soutos procurando os froitos esquecidos nos ourizos.

Canivete

Desta volta falamos dunha palabra en perigo de extinción que ten dous significados e orixes distintas.

Ao falarmos de canivete, podemos estar a referirnos ben ao tubo onde se coloca o saco que contén a pólvora dun foguete. Ou ben pode definir unha pequena navalla, segundo o dicionario da RAG.

Aínda que no dicionario aparece canivete cunha única orixe etimolóxica, o certo é que deberiamos falar de dúas palabras homónimas, con historias diferentes e un resultado gráfico idéntico.

O canivete co que lle tiramos punta ao lapis é un anglicismo. De knife, que significa coitelo en inglés, o galego tirou esta forma (compartida co portugués). Posiblemente, foron os mariñeiros os que introduciron o termo xa que o contacto marítimo coas illas británicas deu outras formas hoxe propias coma brus (cepillo, de brush) ou piche (asfalto, de pitch). En portugués, a palabra alcanzou maior campo semántico xa que un canivete define un bisturí cirúrxico.

Cando nos referimos ao canivete que terma dos fogos artificiais, temos que reparar na forma cana. Canivete é unha forma diminutiva que se constrúe ao xeito doutros derivados de cana, caso de canaval. Aínda hoxe, o material que se utiliza xeralmente para fabricar as pezas do foguete é a cana galega ou valenciana.

Da forma canivete, por analoxía, xurdiron outros significados. Na Maraña, un canivete é alguén moi fraco, que apenas se pon en pé. Este significado emparenta co significado que ten no Brasil de cabalo moi fraco.

Ademais, canivete define o acto sexual, igual ca foguete. En Vigo moitas veces sentín dicir canigüei, forma evoluída e un tanto de xiria. Coma con moitas outras palabras galegas urbanas, castelanfalantes, especialmente os máis novos, usan canigüei pensando que é un termo castelán.

Morgadío

Este verán comprobei con desagrado que moitas palabras galegas de uso habitual en Cequeliños, A Maraña, Xinzo, Vigo, Ourense, Santiago, Castelaus ou Lobás (o mapa do territorio xeográfico que agora ou no pasado tripei) non aparecen no dicionario da Academia. É dicir, son termos desterrados da lingua estándar, colocados en risco de extinción xunto con outros milleiros por unha decisión de economizar espazo.

Que o léxico de determinadas zonas se perda porque a Academia considera estas palabras dialectalismos paréceme un luxo que non nos podemos permitir. Non hai escusas nun momento no que os dicionarios escaparon dos límites do papel e no formato electrónico poden agrandarse e agrandarse sen ningún problema loxístico.

As palabras merecen gravarse na inmortalidade dos dicionarios para non desapareceren. É un patrimonio noso, un mosaico de formas que foron útiles, que serviron para comunicar, para contar, para definir. Quen pode decidir que non son estándares? Por que si o son outras que eran tamén locais ou incluso pouco apreciadas até que a literatura ou o xornalismo lles deu unha coiraza?

Como este lugar non é para queixarse senón para propor solucións prácticas en caso de dúbida, de cando en vez irei colocando palabras que usa a miña xente próxima e que non veñen nos dicionarios. Outras veces rescatarei termos que están na toponimia, que están no portugués e noutros dicionarios que van máis alá da lingua estándar. Eis o que fago hoxe con morgadío.

En Albeos, concello de Crecente, a dous pasos de Cequeliños, hai unha adega de viño da DO Rías Baixas que se chama O Morgadío. O nome tomouno dunha leira con viñas de igual nome. Segundo o Dicionario Estraviz, un morgadío é o conxunto de bens que recibe o morgado, é dicir, o herdeiro único dos bens dunha familia.

O sistema de morgadío implantouse a finais da Idade Media para garantir que o patrimonio en terras dos fidalgos non se perdese na repartición entre os herdeiros. Na zona de Crecente hai moitas casas fidalgas que de seguro tiveron morgados. Este terreo que agora lle dá nome a unha adega seguramente era a parte máis prezada do patrimonio territorial dunha destas familias.

Navegación de artigos