Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Lingua”

Fosa e foxa si son a mesma cousa

No anterior artigo falabamos das diferenzas entre foxo e foso. En troques, fosa e foxa son palabras sinónimas, igualmente válidas en galego. Esta palabra, escrita con -s- ou -x- define unha escavación profunda e longa e tamén unha escavación destinada ao enterramento. En galego, con este significado, existen sinónimos que debemos empregar para evitar que se perdan coa estandarización: buraca e foia, por exemplo. Coñecedes algún outro termo para definir unha tumba?

Non é o mesmo o foxo ca o foso

Aínda que parezan sinónimos, estas palabras non teñen a mesma orixe aínda que a súa esencia é semellante. Foxo provén do latino fovea, burato; foso, do italiano fosso, burato.

Usaremos foxo para definir un burato de pequeno tamaño e forma circular, tanto os formados “naturalmente” pola chuvia como as trampas construídas para a caza. Tamén podemos chamarlles foxos ás cavaduras que permiten que corra a auga da chuvia ás beiras de estradas e camiños. En galego tamén se poden denominar como gabias ou cunetas.

Foso ten usos máis restrinxidos. É un foso a cavadura que circunda as fortificacións como elemento defensivo. Tamén se lle chama foso ao burato no chan que existe en talleres mecánicos e teatros con fins distintos. Foso tamén é unha escavación profunda na terra.

Firmar pero non firmante

Temos falado moitas veces de que o asentamento das palabras nas linguas require o seu tempo. E van ocupando o seu espazo no campo léxico devagar, seguindo o ritmo da aceptación popular e os tempos que marcan as autoridades que normativizan o uso correcto do idioma.

O problema é que en Galicia esas autoridades son moi lentas e viven baixo a constante ameaza da contaminación castelá. Ao non haber un ecosistema propio de medios de comunicación que vaia creando usos máis formais das palabras que se escoitan na rúa, cada novidade léxica custa un mundo. A diferenza da lingua castelá, que xa “legalizou” friki e pepero, o galego segue un sistema de “xogo” baseado na etimoloxía, no rescate das formas propias e na conservación do noso patrimonio diante das palabras invasoras… vaia, un sistema tan rápido nas decisións coma un panzer subindo a aba dun monte.

De aí que haxa veces que a norma admite unha forma mais non os seus derivados. É o caso que traemos hoxe aquí. É correcto dicir firmar mais non firmante. Por que?

As autoridades lingüísticas consideran que firmar é unha palabra avellentada no propio idioma, tanto que lle deu tempo a converterse en minoritaria diante de asinar, caso curioso e inusual de termo diferente ao castelán que triunfa na linguaxe administrativa (seguramente pola percepción de moita xente de que firmar é un castelanismo).

Firmante, pola contra, é unha palabra de recente introdución no noso sistema, chegado a través do castelán. Por iso está en corentena e prefírese a forma asinante. O argumento, na teoría impecable, na práctica crea un interrogante: se consideramos que firmar leva anos no galego, por que firmante non puido ter nacido antes, como asinante naceu de asinar?

Sur- e sud-

Ao igual que co familia de prefixos de norte, hai moita confusión coa de sur. Surafricana? Sudcoreano?
Outravolta a regra do galego é ben simple e clara. Aquelas palabras que empezan por vogal constrúen o prefixo coa forma sud-: sudamericano, sudafricana… E no caso de palabras que empecen por consoante, utilizaremos a forma plena sur: surcoreano…

Tamén a excepción se cumpre neste caso cos puntos cardinais. Non diremos sudeste senón sueste. A razón, que a palabra é patrimonial na nosa lingua e tivo tempo de desgastarse e coller unha forma senlleira e non suxeita a normas.

Cando diremos nor- e cando norte-?

Norteirlandés ou norirlandés? Nortecoreano ou norcoreano? Os xornalistas moitas veces temos dúbidas sobre como resolver os compostos cos prefixos norte- e nor-. A confusión coa norma castelá e incluso a forma literaria norde ensarillaron unha norma ben sinxela.

Cando teñamos que aplicar o prefixo en palabras que comezan con vogal, usaremos a forma plena norte-: norteafricano, norteirlandesa… Se a palabra empeza por consoante, apocoparemos o prefixo: norcoreana…

Cando falamos dos puntos cardinais non aplicamos esa norma. Diremos noroeste e nordeste ou nordés. Nordés tamén é o vento que sopra desde ese punto.

Pasión

A familia léxica do substantivo paixón ten algunhas complicacións porque nalgúns casos responde á forma patrimonial e noutros á forma culta derivada do latino passionem. De aí que sexan correntes os castelanismos e os hiperenxebrismos na práctica oral e escrita.

Formas vellas no galego son paixón, apaixonar, apaixonante, apaixonada e apaixonadamente. Tamén compaixón.
Mais debemos darlles atención ás formas novas, e polo tanto derivadas de pasión, como son pasional e pasionario (libro que contén a liturxia sobre a Paixón de Cristo). Un bo truco para non errar é clasificar as palabras en dous tipos: paixón e todos os derivados que leven algún prefixo escribímolos con -x-; os derivados sen prefixo van con -s-.

Xoanete

O galego admite este substantivo para definir a deformación da primeira falanxe do dedo gordo do pé, na unión co primeiro óso do metatarso. É a adaptación do castelán juanete, seguindo o exemplo do portugués, que escribe joanete.

Alén de ser un termo moi utilizado na lingua médica, especialmente por profesionais da Podoloxía, a etimoloxía da palabra dá moito de si. Afirma a Academia Española que juanete vén do nome de pía Juan, que como era moi frecuente entre as xentes da aldea, acabou valendo para definir unha doenza que era máis común entre xentes da aldea, que os académicos prefiren definir como rústicos, para non pareceren clasistas.

A lingua é o vertedoiro de todas as inxustizas e preconceptos sociais. Velaí este caso. Como o xoanete non era unha enfermidade fina, que mellor que definilo co nome por antonomasia dos “rústicos”. Na realidade, a doenza afectou tanto a pobres coma a ricos, tanto a rurais coma a urbanos.

No caso galego, Xan tamén tiña na fala tradicional un compoñente despectivo. Ser un xan equivalía a ser un coitado e cando alguén viña sendo un ninguén chamábanlle Xan. Hoxe en día, o nome de pía Xan é dos máis escasos dos nosos censos e pode contar o meu amigo Xan Carballa un cento de anécdotas con este nome que pasou de ser común a ser exótico na propia terra. Algúns chámanlle Sean, outros San e Santi, os máis esforzados, Ksan e xa houbo quen lle preguntou na propia Galicia se o seu nome era estranxeiro. A min é un nome que me encanta.

A maldición do nome Xan/Xoán/Juan vaiche máis alá. Nos EUA, as persoas que se atopan sen identificar póñenlles John (Xoán) Doe e un dos reis máis odiados de Inglaterra era o coitado de Xoán sen Terra, que levou con pouca fortuna ser irmán de Ricardo Corazón de León (notade o cambio no alcume) e fillo da magnética Leonor de Aquitania, alcumada a Loba.

Do décimo primeiro ao décimo noveno

En galego escribimos separados os dous elementos dos numerais ordinais compostos. É dicir, décimo primeiro, décimo segundo… décimo oitavo, décimo noveno. Pero tamén os seguintes: vixésimo quinto; cuadraxésimo sétimo; quintuaxésimo terceiro…

Isto non significa, en cambio, que o primeiro elemento flexione en xénero e número. Só o fará o segundo compoñente. Décimo terceira; trixésimo oitavas…

Cal é o plural de fax?

No uso da lingua hai, como en case todo na vida, rutinas. Afacémonos a que haxa unha regra definida para determinadas expresións e cústanos cambiar o chip. É o caso dos plurais de determinadas palabras que en galego non fan plural, mellor dito, fano pero sen modificarse. Por exemplo, fax. Aínda que é común escoitar: “Mandeille tres faxes e non contestou”, o correcto é dicir, os fax.

A regra é que todas as palabras que rematan nun grupo de dúas consoantes fai o plural sen variar. Por exemplo, fórceps ou luns. Entre estas colócanse as rematadas en -x porque se pronuncian como se fosen -ks. Deste xeito, diremos os tórax.

Tampouco mudan as palabras rematadas en -s cuxa acentuación sexa esdrúxula ou grave: os lapis, os martes, os oasis…

E empatando co primeiro que dixemos, hai outras palabras que fan un plural “especial” que se usa só na fala. Velaí “os manises” ou “as leises e os reises”.

O til diacrítico

O outro día preguntáronme se o til diacrítico se colocou ao chou polos normativistas do galego. Para aclarar o termo, ese til é o que levan as palabras que, seguindo a regra xeral da acentuación, non deberían ter til, para que non haxa confusión con outras palabras que se escriben igual. Estas palabras de escrita idéntica adoitan ter unha pronuncia distinta. A vogal tónica nuns casos é aberta e noutros pechada. O til adóitase poñer na palabra cuxa vogal tónica é aberta. Así ocorre nos casos de póla (da árbore) e pola (por+a ou galiña); fóra (adverbio) e fora (verbo), pega (paxaro) e péga (pexa ou do verbo pegar) ou vén (presente do verbo vir) e ven (presente de ver e imperativo de vir).

Navegación de artigos