Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Neoloxismos”

Gasoi

A relación do galego coas linguas estranxeiras é rica e máis lonxeva do que moitos cren. Como o galego foi fala allea ás institucións durante séculos, o academicismo non é moi proclive a admitir estes barbarismos de boa gana. Palabras agalegadas son brus (cepillo, do inglés brush), orsai (fóra de xogo, do inglés offside) ou a palabra da que falamos hoxe, gasoi, adaptación moi recente do inglés gasoil.

Proscrita pola normativa en favor do máis latino gasóleo, o caso é que só fai falta pararse unha mañá en calquera gasolineira do país para comprobar que na fala a forma exitosa é gasoi ou gasoe e gasoil.

Persoalmente, considero que unha lingua sen complexos de cando en vez debe ser xenerosa cos estranxeirismos e aceptalos, especialmente se se acomodan a través do saber popular á nosa propia fonética. Prefiro gasoi ou orsai a stock options ou briefing, por populares, por naceren da xente do común e non dos colos brancos dos donos do mundo. É por iso que a utilizo habitualmente cando merco combustible e recomendo mantela viva. Ora ben, insisto en que a normativa non a considera correcta na lingua estándar. Os académicos han ter as súas razóns.

Posicionar

O VOLG non recolle esta palabra, un deses verbos que triunfan, especialmente na política, no deporte e no xornalismo. En castelán e portugués e tamén noutras linguas próximas coma o italiano e o francés o verbo acéptase, co significado de colocarse nunha determinada posición, sexa esta física ou figurada.

Persoalmente, considero que non é necesaria no galego para este significado xa que se pode substituír por colocarse ou pola perífrase tomar posición. Paréceme un vicio xornalístico, fácil de desterrar, intentar converter todos os substantivos en verbos cando a lingua ten desde hai séculos recursos para eses xiros expresivos.

Si considero que as palabras posicionar e posicionamento teñen cabida no galego cun específico significado, que tamén recolle o portugués: Determinar a situación precisa dun produto nun mercado, tendo en conta a competencia. As ciencias que estudan as técnicas de mercado e a publicidade loxicamente van creando terminoloxía propia e é bo que o galego se adapte. Este é o xeito idóneo de ir adoptando neoloxismos. As palabras novas de uso non literario deben cubrir espazos moi concretos e non arrasar cos substratos lingüísticos.

Perrera

Hoxe vou falar de cans e pelo ao mesmo tempo. Non son temas dispares, abofé, polo menos para os que compartimos a vida cun cadelo. Que levante a man o que se libra de ir tapizado de peleiros cada vez que sae á rúa.

Mais falemos de lingua. Na miña casa desde cativo escoitei a palabra perrera como forma propia de falar do floco de cabelo que cae sobre a testa. Miña nai, que é peiteadora, usou ese termo toda a vida pero tamén llelo escoitei a persoas máis vellas.

O caso é que perrera é un misterio lingüístico. Non existe nin en castelán nin en portugués. Os entendidos consideran que pode proceder do francés (pola raíz perr-, presente en perruca) aínda que nesa lingua non hai un termo similar. A terminación -era rénxelles aos lingüístas e defenden a adaptación desta palabra ao galego coa forma perreira. Mais a día de hoxe, o VOLG non recoñece nin perreira nin perrera.

Persoalmente, considero que debería aceptarse perrera (tamén outras formas exóticas, caso de pavero, pavera). Unha lingua ten centos de excepcións e existen casos nos que a etimoloxía impide que determinadas palabras aparentemente de orixe foránea se adapten ao galego. Dicimos calquera, primavera e sincera e non sinceira, primaveira e calqueira. Por que non perrera, pronunciada con e aberto? No fondo estamos potenciando unha palabra senlleira, única no seu contorno e con ben anos de experiencia entre nós.

Ti que opinas?

Estrea

Veño de ler unha nota de prensa da Xunta na que utilizan os redactores do gabinete de prensa da Consellaría de Educación e Cultura a palabra preestreno. Chamoume a atención porque considerei que estreno e o neoloxismo preestreno eran abondo clariños como castelanismos evitables. Mais equivocábame. En pouco máis dunha hora atopei a palabra estreno noutros dous textos galegos.

Alén de alegrarme polo moito vizo do cinema propio, aproveito o post para recordar que en galego a única forma válida para o substantivo que define a primeira proxección dun filme, a primeira posta en escena dunha obra de teatro ou calquera outra “primeira vez” é a estrea. No cinema úsase preestrea tamén, como xeito de definir esa primeira proxección restrinxida ao público.

Ciclope, esexese e parasito

Noutras ocasións temos falado de palabras que escribimos incorrectamente por influencia do castelán. A norma do galego traballa arreo para que pouco e pouco se vaian impoñendo as formas correctas de escribir e pronunciar termos, especialmente os cultos, os que chegaron hai ben pouco á nosa lingua provenientes do latín ou o grego. Palabras como ciclope (ser mitolóxico que só ten un ollo), esexese (comentario crítico dun texto) ou parasito (organismo que se alimenta doutro) en galego soan graves, non esdrúxulas coma en castelán.

Pinchar e pintxo

Esta palabra é, posibelmente, un erro historicamente repetido, unha mestura entre os verbos punchar e picar que acabou, no castelán, en pinchar. En galego debemos optar por picar en todos os contextos. O encargado de poñer música nunha discoteca é o picadiscos e as agullas pican. Unha cousa de punta afiada é un pico, un aguillón, un ferrete ou unha espiña. Cando falemos dun pincho referido a unha ración pequena dalgunha comida que soe acompañar unha bebida, a recomendación dos filólogos é traducilo por bocada (tráiame unha bocada de tortilla) ou admitilo como neoloxismo, ben coa grafía propia ou coa grafía vasca, xa que é na cociña de Euskadi onde máis triunfou o pintxo.

Forcexeo

Unha forma primaria de galeguizar determinados vocablos é converter os iotas en xes: manoxo, bocaxarro, conexo… Hoxe falamos dunha palabra que podería encaixar neste grupo aparentemente, forcexeo, que pretende traducir o forcejeo castelán, moi común nos medios de comunicación. A palabra procede en orixe dun verbo que comparten portugués e catalán, forcejar, en galego forcexar. A forma correcta de dicir este substantivo sería forcexo, segundo o Gran Dicionario Xerais da Lingua. Outros autores prefiren substituír este neoloxismo por tradicionais voces galegas como liorta, disputa, tirapuxa… Xa queda ao voso criterio usar unha ou outras.

Navegación de artigos