Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Uncategorized”

Escoria

En galego debemos dicir escoura ou escoira. Ambos os termos están case desaparecidos na lingua viva. O portugués proscribiu o escoira medieval polo latinismo escória. Como castelanismo está moi estendido e popularizado polo cinema e a televisión, que amplificaron o significado orixinal do substantivo: Substancia vítrea que se forma durante a fusión dos metais e contén as impurezas ou Materia que se desprende do ferro ao traballalo na forxa. Hoxe en día é sinónimo do peor dun contexto. “Naquel conclave axuntouse a escoura da sociedade”.

O latín scoriam está moi presente na toponimia e é a orixe de moitos nomes de lugar. Fóra de Galicia, quizais o depósito de escoura máis famoso sexa xustamente El Escorial, que conseguiu superar as connotacións negativas de tal nome para converterse en símbolo non só da arte arquitectónica do convulso século XVI senón en baluarte da grandeza perdida daquel Imperio español no que non se puña o sol e onde case ninguén collía o sono sen fame.

Melocotóns e peladillos

Sempre recordarei unha saída da miña avoa Carme hai anos, cando eu era adolescente e decidira falar sempre en galego. Viña a muller cargada do coche da froita, que en Cequeliños pasaba cada venres ao serán. Pousou as bolsas transparentes na mesa da cociña e empezou a abrilas ofrecendo o que comprara: “Hai plátanos, hai mazás, hai peras, hai melocotóns…” Eu, que estudara no instituto que en galego os melocotóns eran pexegos, retruquei con insolencia: “Pexegos, avoa, pexegos”. “Non”, respondeume ela. “Pexegos son os que nacen aí na árbore da porta da casa. Isto son melocotóns”.

O caso é que en efecto melocotón é unha palabra admitida no VOLG (a definición que dá a Academia non aclara se consideran o melocotón unha froita distinta ao pexego pero si recolle dúas árbores distintas: melocotoeiro e pexegueiro). O caso é que todas as referencias botánicas que consultei falan dunha única especie arbórea: a prunus persica, que dá persicos, palabra latina que pasou ao galego como pexego.

Iso non significa nada porque a mesma árbore dá diferentes variedades do froito e o melocotón podería definir unha desas variedades pero a pregunta é: como diferencia a RAG un melocotón dun pexego? Para o lingüista Benigno Fernández Salgado melocotón é castelanismo e debe proscribirse. O portugués, que mantén no dicionario melocotão, na realidade xeneralizou o uso de pêssego, especialmente no que se vende en almibre en lata. Mais curiosamente, para o Dicionario da Academia Galega o que vén enlatado é melocotón (só hai que ver a frase de exemplo que acompaña a definición).

A miña opinión empata co que vos contaba da miña avoa Carme: melocotón é a froita que se compra; pexego a que se recolle. Igual que na nosa casa unha vasoira se fai con carqueixas e a escoba é a que ten cerdas plásticas. Para o rexistro moderno, formal, o galego prescinde das formas patrimoniais e acode ao castelán, que é a verdadeira lingua estándar para gran parte da poboación. Melocotón é un castelanismo e deberiamos xeneralizar o uso de pexego, tamén cando falemos dos que se conservan en caldo doce.

Curmán do pexego é a pavía. Estas semanas levo comido unha farta desta drupa carnosa cuxa principal diferenza cos pexegos é, alén do sabor, que non larga a carabuña. É por iso que a miña avoa Carme (si, hoxe falo moito dela que ben o merece) recomenda comelas axudados dunha navalliña, non coma os pexegos, que presta máis abrilos polo medio coas dúas mans e tirarlles o carozo antes de papalos.

Outras dúas froitas son variedades dese primixenio persico (o nome vén porque a árbore foi introducida en Europa polos persas): paraguaios e nectarinas.

Os paraguaios teñen un sabor e textura semellantes ao das pavías. É por iso que na miña casa sempre se coñeceron por ese nome aínda que a súa forma é diferente, achatada en troques de esférica. Do meu punto de vista, deberíaselles chamar pavías paraguaias.

As nectarinas son unha variedade máis moderna. Non teñen pelusa e a carne adoita ser branca. En Galicia nalgunhas zonas está máis estendido o nome de peladillos. O VOLG non recolle ningunha das dúas palabras. Como quere a Academia que lle chamemos a este froito? Haberá que esperar dez ou 20 anos para que se decida. Entrementres podemos tomar en conta a opinión do Dicionario Estraviz, que recolle a palabra nectarina como neoloxismo procedente do francés. En Portugal tamén se usa aínda que a min faime moita máis graza a denominación de pêssego-careca. Nectarina sería a forma recomendada, polo tanto, fronte ao castelán peladillo.

Neste inicio do outono aproveitade para desfrutar de pavías e pexegos, a ser posible da casa, que en pouco tempo deixarán de alegrarnos o padal coma doces epílogos do estío.

Cameón, cambear

Xa temos falado varias veces de que en galego unha cousa é a pronuncia e outra a escrita. Se temos unha lingua ben rica en canto a léxico, non somos máis pobres no relativo a variantes faladas desas palabras.
A lingua estándar ten a obriga de fixar un “mínimo común” que permita a homoxeneidade entre falantes dos catro recantos de Galicia e por iso é lóxico que sexa restritiva cos dialectalismos e os populismos fonéticos. Pero o galego non remata neses marcos, medra vizoso na boca da xente e de cando en vez é bo reivindicar a diversidade oral.
É por iso que –contra o que marca o VOLGA– ás veces é necesario poñer por escrito as formas que escoitamos na casa. Este é o caso de cameón e cambear, por exemplo. Os falantes de galego seica nos resistimos aos ditongos crecentes (neste caso -io e -ia) e substituímolos por hiatos. É o mesmo caso de rabear. O correcto é escribir camión, cambiar e rabiar pero non é malo recordar que a fala tamén encontrou outro xeito de dicir as cousas. Lembremos que na fala, polo menos, a longo prazo, é o pobo quen máis ordena.

Navegación de artigos