Dúbidas do galego

Arquivo para a categoría “Xeral”

Porque, por que e porqué

Non debería dar moita guerra escoller a forma correcta en cada caso pero como a diario vemos erros na escrita desta tríada de conceptos, indicamos en que casos se usa cada unha das partículas.

Porque é unha conxunción que se pode substituír por posto que, dado que, xa que. Nalgúns casos equivale a para que, cando ten valor de finalidade xunto a un verbo en subxuntivo “Traballei máis horas das que debía porque me renovasen o contrato”.

Por que en galego ten tres usos. Un é o da suma da preposición por máis o interrogativo que. “Por que marchaches sen avisar?”. Hai que lembrar que en galego os interrogativos non levan acento a non ser que poidan confundir con outras partículas dentro da oración. Un bo truco para saber se ese “por que” é do tipo interrogativo é engadirlle a palabra razón. “Pregúntome por que (razón) sempre tes a música tan alta”.

O outro significado é o de unión de preposición por máis pronome relativo que. “Cal é a razón por que te presentas ás eleccións”. É fácil saber se vai xunto ou separado colocando entre o por e o que un artigo. “Cal é a razón pola que te presentas…”

En caso de verbos, substantivos ou adxectivos que levan aparellada a preposición por, vai separado do pronome que. “Incomódaste simplemente por que non che dou a razón”.

Porqué é un substantivo que é sinónimo de razón, motivo, causa… “Non hai un porqué que explique o meu desamor”. O plural é porqués. “Hai varios porqués para non entrarmos por esa porta”.

Roxón, rixón, rexón

O galego é un idioma grande. Tanto que a pesar de se falar nun territorio non demasiado estenso, ten unha riqueza expresiva e léxica á altura de calquera das outras linguas romances. Outra grandeza da nosa lingua son as variedades que na fala tomou cada palabra co paso do tempo.

Unha desas palabras que non se conformou cunha única soa forma na fala foi roxón. Así, con dous os é como se debe dicir na lingua estándar. Mais segundo onde pares haste encontrar con outros xeitos de lle chamar: rixón e rexón son as dúas variedades máis estendidas, ambas “non recomendadas” na escrita ou na fala en rexistro formal. Tamén se lle chama rinchón nalgúns lugares.

O roxón define dúas partes do porco: é tanto a carne resultante de derreter a graxa da parte dos untos coma o touciño pasado pola tixola, torrado e con menos graxa. Esta segunda acepción ten outros nomes en galego ademais de roxón: torresmo, torrrezo ou torrisco.

Cando diremos nor- e cando norte-?

Norteirlandés ou norirlandés? Nortecoreano ou norcoreano? Os xornalistas moitas veces temos dúbidas sobre como resolver os compostos cos prefixos norte- e nor-. A confusión coa norma castelá e incluso a forma literaria norde ensarillaron unha norma ben sinxela.

Cando teñamos que aplicar o prefixo en palabras que comezan con vogal, usaremos a forma plena norte-: norteafricano, norteirlandesa… Se a palabra empeza por consoante, apocoparemos o prefixo: norcoreana…

Cando falamos dos puntos cardinais non aplicamos esa norma. Diremos noroeste e nordeste ou nordés. Nordés tamén é o vento que sopra desde ese punto.

Mais

Hai catro formas gramaticais que se escriben igual en galego. Máis, así con acento  diacrítico, é un adverbio de cantidade. “Os vascos son máis altos ca os galegos”. Tamén se grafa con acento no a cando é unha preposición e cando representa o signo aritmético da suma: “Cinco máis cinco son dez”.

Non leva acento mais cando é conxunción adversativa, sinónima de pero. “Eu fun ao castelo mais vós non estabades alí”. Hai que lembrar que para algúns lingüístas, caso de Xosé Ramón Freixeiro Mato, pero é un castelanismo que debe evitarse e, polo tanto, substituírse sempre por este mais.

Aínda hai unha cuarta forma na que mais se escribe sen acento. É a máis complicada. Cando aparece na frase na forma de conxunción copulativa acrecentando o significado da conxunción e. “A túa nai e mais a miña foron á praza”; “Coruxo e mais Montañeiros gañaron os seus partidos”. Tamén pode funcionar como conxunción autonóma. “Meu can mais teu gato están precisando un baño”. Velaquí a dificultade porque en aparencia podemos confundir ese mais copulativo cun máis sumatorio.

Desfrutar

Coas leis e normativas na man, desfrutar é unha palabra incorrecta no galego. Na lingua estándar débese usar gozar, en todos os casos. Afirman os académicos que desfrutar non é palabra propia; tampouco desfroitar, adaptación hiperenxebrista dun verbo que orixinariamente significaba ter os froitos (des-frutar) ou rendementos de algo.

A min paréceme que desfrutar debería estar permitido como préstamo do portugués, xustamente con ese sentido: tirar rendemento de algo. “Desfrutaba dos seus aforros nunha gran quinta na Terra de Soneira”. Tamén co sentido de gozar pero nun moderado grao. “Desfrutei este bacallau encebolado”. Gozar significa “ter pracer” e paréceme lexicamente pobre que o mesmo verbo defina ter un orgasmo e celebrar que gañaches ao parchís. Aínda así, insisto en que na lingua estándar non existe desfrutar en ningún caso.

Do décimo primeiro ao décimo noveno

En galego escribimos separados os dous elementos dos numerais ordinais compostos. É dicir, décimo primeiro, décimo segundo… décimo oitavo, décimo noveno. Pero tamén os seguintes: vixésimo quinto; cuadraxésimo sétimo; quintuaxésimo terceiro…

Isto non significa, en cambio, que o primeiro elemento flexione en xénero e número. Só o fará o segundo compoñente. Décimo terceira; trixésimo oitavas…

Un novo dicionario en liña

Con moitos anos de atraso a respecto do noso contorno lingüístico, a Real Academia Galega xa ten dispoñible o seu dicionario na rede. A reforma do seu espazo web foi profunda e dá gusto navegar por ela, tanto polo seu bo gusto estético coma pola funcionalidade das súas ferramentas.

En canto ao dicionario, espero que no futuro se profundice en cuestións como a etimoloxía e a fraseoloxía, dous conceptos que se botan en falta na ferramenta actual e que son moi útiles tanto para os profesionais que usamos a lingua acotío coma para o conxunto da sociedade.

Outro punto que se debe mellorar é a dialectoloxía. O galego, como comento constantemente, ten unha riqueza léxica que debe perdurar, fixarse e acomodarse aos novos tempos e usos lingüísticos para que non se perda logo do despoboamento do medio rural e o abandono de determinados oficios e prácticas xenuínas da nosa sociedade e que crearon un corpus lingüístico ben aproveitable na sociedade de hoxe en día.

Para quen queira máis ferramentas lingüísticas, tamén é moi recomendable a páxina do Dicionario de Dicionarios Históricos, creada pola Universidade de Vigo e que leva anos ofrecendo os traballos dea meirande parte dos compiladores e tecedores de dicionarios da nosa historia, desde o inigualable Eladio Rodríguez até o Padre Sarmiento, pasando por Xosé Luís Franco Grande, Elixio Rivas, Aníbal Otero e outros estudosos.

En tempos era accesible de balde o digalego, o dicionario en liña da editorial Ir Indo. Nestes momentos, os contidos do dicionario só poden consultarse tras un proceso de rexistro.

Ai, se eu te pego

Até nas simpleiras letras das cancións que triunfan nos altofalantes das discotecas hai sarro lingüístico que arrañar. No outono-inverno desta tempada triunfou, seguramente dun xeito non calculado, unha tonada do brasileiro Michel Telô cuxo retrouso é “Ai, se eu te pego”. Alén de confirmar este éxito o paradoxo de que só importemos do potente e variado mercado musical brasileiro só trapalladiñas, a letra espertou algunhas dúbidas ao redor do seu significado.

Escoitei dicir que esta é unha canción que incita á violencia porque fala de pegarlle a unha moza. Tamén que pegar no Brasil viña significar o mesmo que coger en castelán pero coa acepción arxentina: facer sexo. Nada disto é certo.

En efecto, pegar no Brasil podería chegar a significar pelexar pero esa acepción é minoritaria e máis literaria ca popular, xa que se prefiren outros verbos, caso de brigar. Pegar vén significar apañar algo coas mans, coller. “Pegue este negócio para mim”.

No galego tamén temos unha acepción semellante nalgunhas áreas xeográficas. Tanto co verbo pegar sen máis. “Peguei un feixe de pólas para queimar”, como uníndoo á preposición en: “Pega nesa roupa e lévaa para a casa”.

No brasileiro, como é lóxico, pervive unha gran parte do substrato do galego e alén do Atlántico sobreviven formas que entre nós hai tempo que deixaron de ter boa saúde.

Resolver dúbidas

Este blog nace polo consello e cariño de Xabier Martínez Rolán, quen me recomendou que convertese en algo máis operativo as peciñas que estaba facendo para enriquecer a desértica rede social de Google +.

Aproveitarei aqueles textos para quen non me siga naquela rede. A filosofía é a mesma, herdada da sección que fixen en A Nosa Terra Diario durante máis dun ano: explicar dúbidas sobre a lingua galega.

Cando traballaba no semanario e no diario dixital hoxe desaparecidos, encargueime da corrección lingüística da redacción. Este traballo nunha publicación monolingüe é interminable porque a nosa fala non ten ferramentas abondas de corrección informática e cómpre unha dedicación formativa non sempre ao alcance das longas xornadas dun xornalista.

Diferenciar os niveis vulgar do culto, non confundir a palabra “que se oe na rúa” coa forma correcta en galego, evitar as frases feitas de orixe castelá, superar as limitacións dos dicionarios cando falamos de termos técnicos de áreas tan distantes como o deporte ou a economía…

Coido que desa experiencia aprendín unha presadiña de cousas. Para quen lle interese, ireinas deitando neste blog.

Navegación de artigos