Dúbidas do galego

Just another WordPress.com site

Arquivo para a etiqueta “a mais”

E mais

Na anterior entrega deste blog falei da conxunción copulativa e. Hoxe falo da locución e mais.

En galego temos opcións xerais para sinalar nunha frase a acumulación de varios elementos, ben en positivo ben en negativo. “Os gregos e os troianos pelexaron duros nas praias de Asia Menor”. “Nin as gregas nin as troianas pintaron moito na decisión de iren á guerra”.

Tamén podemos empregar, segundo o contexto, a forma mais, si, sen acento. Velaquí a complicación porque adoitamos confundir a conxunción co adverbio, que si leva acento: máis. Vexamos a diferenza: “Paulo mais Pedro construíron a igrexa cristiá primitiva”. “Paulo máis ca Pedro construíu a igrexa cristiá primitiva”. O máis adverbio sempre intervén en frases comparativas cando reúne dous elementos na frase. “El máis ca min está sufrindo pola nosa separación” fronte a “Ela mais eu sufrimos pola nosa separación”.

Outra posibilidade de confusión é co mais que actúa como conxunción adversativa aínda que nese caso é a propia construción da frase a que nos axuda a entender o significado. “Fun á praia mais non me bañei”.

Na fala oral, case sempre esta conxunción copulativa mais aparece dentro dunha locución con e, en realidade a forma máis habitual de indicar esa acumulación de elementos e que ten a virtude de evitar as cacofonías que poderían xurdir se utilizásemos unicamente o e. “Ti e eu” pero tamén “Ti e mais eu”. Menos común pero igualmente correcta é a forma a mais. “Ti a mais eu”.

Debemos lembrar que a forma mais neste contexto contrae na lingua oral coa segunda forma do artigo. “A canela e mailo xenxibre vanlle moi ben a esta bica”. A normativa permite esa contracción tamén na escrita mais logo da reforma do 2002 recomenda usar as formas plenas. “A area e mais a brisa favorecen o bronceado”, aínda que pronunciemos igualmente maila.

Navegación de artigos