Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “aborrecer”

Aburrir e aborrecer

Aínda que estes dous verbos forman parte do mesmo campo semántico non teñen significados iguais polo que debemos ter moita conta ao usalos. Pódenos parecer que aburrir é un verbo castelán e de aí a gana de substituílo sempre por aborrecer. Mais na realidade, aburrir é tan galego coma aborrecer e debemos usalo con propiedade cando corresponda.

Aburrir e aborrecer si son sinónimos co significado de causarlle aburrimento. Tamén causar repugnancia ou fastío e mais cansar de algo. É dicir, podemos dicir: “Aburriume toda a tarde poñéndome fotos da voda na tableta” ou “Aborreceume toda a tarde”. Mais cando o verbo é pronominal aburrir significa sentir aburrimento, polo que non é o mesmo dicir “Abúrreste, Elvira?” ca “Aborréceste, Elvira?”.

Porque cando aborrecer é pronominal significa sentir odio, repugnancia, fastío. É dicir, “Aborréceste, Elvira” vén significar que neste caso esta persoa sente por si mesma noxo.

Un significado menos coñecido de aborrecerse é infectarse unha ferida. “Deixeino estar e aquela trabadela do can aborrecéuseme”.

Aborrecer ten maior intensidade nalgúns casos. Un neno está aburrido porque sente aburrimento ao non facer nada que o estimule. Mais cando está aborrecido é porque incomoda a xente ao seu redor.

 

Agobio

A utilización masiva dalgúns termos por parte dos medios de comunicación e a linguaxe publicitaria é básica para que estas palabras se convertan en cotiás na fala. Eis o caso de agobio e agobiar, castelanismos difíciles de detectar.

O verbo agobiar ten a súa orixe nun derivado da palabra xiba e en principio viña significar algo así como anicar o lombo moito por mor do peso. Ese peso real pasou a ser peso figurado e o agobio xa non denota unha carga medida en quilos senón máis ben en disgustos.

Para expresar ese significado en galego temos varias opcións. Abafar, atafegar, fatigar, cansar, apurar, sufocar, aborrecer, amargar. “No te agobies si no apruebas”. “Non te apures (amargues, sufoques) se non aprobas”. “Me agobia la música de Iván Ferreira”. “Cánsame/aborrezo a música de Iván Ferreiro”.

Para o substantivo derivado, agobio, podemos empregar as palabras propias abafo, apuro, fatiga e sufocación. A normativa non admite sufoco aínda que é unha palabra recollida nalgúns dicionarios, caso do Estraviz, presente tamén no portugués.

Fastidiar

O verbo fastidiar é desas formas que a Real Academia permite en galego mais desaconsella. A súa admisión no dicionario de referencia débese a que é un cultismo (do latín fastidium, que en galego deu fastío e en castelán hastío), ao igual ca o adxectivo fastidio. Ao mesmo tempo, recomenda substituílo por enfastiar, forma máis galega (tamén presente en portugués) para o significado de causar enfado, cansazo ou aburrimento, tres substantivos sinónimos de fastío, segundo as circunstancias.

Enfastiar é, na fala viva, un verbo morto. Apenas se usa na lingua culta e practicamente está fóra dos escasos medios de comunicación que se expresan en galego. O uso estándar preferiu amolar para este significado e considero este verbo, xunto con aborrecer, formas máis “independentes” ca o enfastiar, tan apegado ao castelán fastidiar.

Segundo o contexto, pódese usar anoxar, cansar, incomodar ou importunar. “Deja de fastidiar con la pelotita”. “Deixa de importunar (ou incomodar) coa pelotiña”.

Tiña eu un profesor de Ciencias, que se chamaba Gustavo e era de Lalín, que sempre dicía que “fastidiar estaba bien pero joder estaba mejor”. O galego permite, sempre no uso coloquial, utilizar a forma foder co significado de causar dano ou fastío. En realidade, agás na expresión fódase –interxección para expresar admiración, sorpresa, indignación…–, o seu uso en galego está moi abandonado. Até o meu avó Baltasar, que de estar vivo, tería 97 anos, dicía acotío: “Seica me ghodes ou pides para as almas”, maneira que na Maraña inventaron para escorrentar a quen se quere burlar de ti ou facerche perder o tempo. Meu irmán tivo épocas de dicir moito aquilo outro de “Home, non me ghodas”. En calquera caso, foder e foderse son sinónimos xenuínos e reivindicables de enfastiar e enfastiarse.

Navegación de artigos