Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “acento”

Sotaque

A palabra sotaque non está admitida na normativa oficial do galego. Considérase un lusismo innecesario e inexistente na lingua viva de Galicia. Para definir o conxunto de características peculiares da pronunciación propia dos habitantes dun determinado país ou lugar, a RAG recomenda empregar acento.

É claro que a palabra sotaque non aparece historicamente no galego e cando aparece faino como deformación de socato (como sinónimo da expresión de súpeto: “De sotaque puxéronse a ladrar os cans sen eu oír ningún ruído”). Mais tendo en conta que a normativa é algo rañetas coa palabra, xa que acento tamén define a maior intensidade de voz con que se pronuncia unha sílaba dunha palabra e tamén o signo de ortografía que pode ter diferentes formas e se coloca enriba dalgunhas vogais marcando o acento de intensidade e algunhas veces o timbre aberto ou pechado, segundo unhas determinadas regras, coido que non lle viría mal algún sinónimo.

A palabra sotaque é de orixe descoñecida. Amais de no portugués, no galego literario é unha palabra usada acotío e cun significado xa familiar para os galegofalantes. Eu recomendo usala como sinónimo subordinado ao máis común e xeral acento.

Navegación de artigos