Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “acequia”

Acequia

Unha acequia é unha canle construída para conducir auga. Esta palabra non está admitida pola lingua estándar. Tecnicamente é un arabismo incorrecto, supoño, e non un castelanismo, pois é común ao portugués.

Na práctica, acequia debería admitirse. Á parte de aparecer nos prestixiosos dicionarios Estraviz e Eladio, como dixemos existe no portugués e hai testemuño de que se empregaba durante a Idade Media, tanto na versión plena acequia como na máis evoluída cequia: “Aquesta menynna foi a bever / ena cequia, e dentro caer / foi”, dise nas Cantigas de Santa María, (século XIII) de Afonso X de Borgoña, rei de Castela, Galicia e León, Sevilla, Toledo…

A palabra acequia tamén tivo incidencia na toponimia. Segundo Gonzalo Navaza, o meu Cequeliños podería provir dun primitivo cequios que recibiu dous diminutivos -elos e -iños.

Por que, daquela, proscribir esta palabra na nosa lingua? Eu recomendo usala e engadila ao amplo campo léxico que as canles teñen en galego: cal, caneiro, acueduto, calexa, caldeira, levada, quenlla, canal, birta, regadoira…

Como lle chamas ti aos canos da auga?

Navegación de artigos