Agobio
A utilización masiva dalgúns termos por parte dos medios de comunicación e a linguaxe publicitaria é básica para que estas palabras se convertan en cotiás na fala. Eis o caso de agobio e agobiar, castelanismos difíciles de detectar.
O verbo agobiar ten a súa orixe nun derivado da palabra xiba e en principio viña significar algo así como anicar o lombo moito por mor do peso. Ese peso real pasou a ser peso figurado e o agobio xa non denota unha carga medida en quilos senón máis ben en disgustos.
Para expresar ese significado en galego temos varias opcións. Abafar, atafegar, fatigar, cansar, apurar, sufocar, aborrecer, amargar. “No te agobies si no apruebas”. “Non te apures (amargues, sufoques) se non aprobas”. “Me agobia la música de Iván Ferreira”. “Cánsame/aborrezo a música de Iván Ferreiro”.
Para o substantivo derivado, agobio, podemos empregar as palabras propias abafo, apuro, fatiga e sufocación. A normativa non admite sufoco aínda que é unha palabra recollida nalgúns dicionarios, caso do Estraviz, presente tamén no portugués.