Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “alfabeto”

Como escribir nomes procedentes de alfabetos diferentes ao latino

A ortografía é unha convención. Non ten máis valor que facilitar a comunicación a través dun consenso que admite que tal ou cal grafema transmite cal ou tal fonema. Esta calidade apréciase especialmente cando debemos adaptar á nosa fonética nomes escritos en alfabetos diferentes ao noso. Por resumilo, provenientes das diferentes culturas asiáticas, do alfabeto cirílico, do grego e do árabe. Como debemos transcribir eses nomes en galego?

Entre os tradutores e intérpretes mantense a norma de aceptar determinadas regras internacionais que rexen todas as transcricións ao alfabeto latino. O principal problema é que as solucións fonéticas das diferentes culturas non responden a un único modelo de pronuncia. É dicir, o galego, o portugués, o catalán e o francés, sendo parentes entre si, da familia latina, posúen fonemas particulares cuxa translación é complexa xa que o idioma de recepción non ten un signo específico para ese son. Por exemplo, a terminación -ll catalá, presente en apelidos como Carbonell, é difícil pronunciala en galego, onde acabamos empregando un i longo: Carboneii.

Nesas regras internacionais case sempre se empregan fonemas alleos á tradición galega cuxa pronuncia pode darnos dificultades mais non diferentes ás da onomástica neerlandesa ou italiana, por exemplo. Podemos ter dúbidas sobre como pronunciar o nome do futbolista xaponés Shinji Kagawa (arestora no Borussia Dortmund) mais esas mesmas dúbidas xurdirán igualmente no caso dos tamén futbolistas Sami Khedira (agora na Juventus de Torino), Michael Krohn-Dehli (Sevilla) ou do ex ciclista Claudio Chiapucci. É dicir, temos que aprender os rudimentos básicos da pronuncia de diferentes grafemas en diferentes linguas para asegurarnos de que sexa correcta.

Por influencia do castelán moderno, a tendencia é a adaptación. Por quizais as mesmas razóns polas que para a RAE, Ourense non existe e se opta polo enxendro Orense, a FUNDEU, auténtica autoridade lingüística sobre o bo uso do castelán na prensa, insiste en adaptar á fonética española a onomástica estranxeira. Recomenda Misisipi en vez de Mississippi, Luisiana en vez de Louisiana, Gotemburgo en vez de Göteborg, Catar en vez de Qatar…

No caso dos nomes propios, a opción españolista choca coa internacionalista e consegue paradoxos como que en castelán se escriban igual Jameson e Chéjov pero non se pronuncien igual. E o que é peor, que en galego se adapten como propias esas adaptacións cando a nosa pronuncia e o valor das nosas letras é diferente.

Persoalmente, coido que o mellor é respectar a onomástica internacional, tanto na toponimia como nos nomes de persoas, aínda que nesas palabras existan grafemas alleos á nosa lingua como o y, o j, o tx, o kh, o ph, o sh… Hai menos posibilidade de erro e non existe ningún impedimento para poder comunicar e pronunciar correctamente eses nomes estranxeiros. Mais de optarse pola adaptación, debemos manter a coherencia. É dicir, se j equivale a algo semellante ao noso i en palabras como iodo ou caio, non pode equivaler ao j castelán de jamón ou jarra. Para representar ese son, podemos optar polo internacional kh (Kazakhistán) ou polo gh galego, que ten un valor semellante: Chéghov ou Chéghof.

Unha das miñas teimas é a de conseguir unha aplicación ou páxina web que respondese inmediatamente ás dúbidas sobre pronuncia estranxeira. Amigos meus máis doutos nestas artes afirman que sobran lugares e recursos para conseguir unha pronuncia perfecta en calquera lingua. Mais polo que vemos a diario nos medios audiovisuais esa tarefa está por facer e nela non só inciden aspectos lingüísticos senón, sobre todo, sociais. Por qué ninguén dubida da pronuncia do actor e político Arnold Schwarzenegger, do escritor William Shakespeare, do futbolista Bastian Schweinsteiger e en cambio case ninguén pronuncia ao xeito José Mourinho, Passos Coelho ou Yasmina Khadra.

Navegación de artigos