Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “amigar”

As relacións sentimentais en galego

Gran parte do vocabulario que empregamos para definir termos do campo semántico das relacións sexuais ou sentimentais está furado por castelanismos ou castrapismos. É certo que o léxico deste ámbito adoita estar nas bocas das xeracións máis novas e polo tanto é dinámico. Mais iso non debe ser atranco para recordar algunhas formas tradicionais que hoxe están en perigo de extinción.

Cando dúas persoas establecen unha relación sentimental, en galego dicimos que gustan un do outro. “A Aldara deixou o mozo que tiña porque gustaba máis do médico de Folgoso”. A forma gustar de podémola aplicar noutros contextos, claro está. “Gusto máis das uvas ca dos amorodos”.

Hoxe dicimos que cando unha parella está inmersa nunha relación está saíndo. Na tradición galega usouse moito o verbo falar para indicar ese significado. “Ti sabías, Lucha, que a túa filla fala co meu sobriño Chuco?” ou “Eses que ti dis falaron pero agora nin se falan”. Reparade no valor do reflexivo, que axuda a evitar confusión entre os diferentes significados de falar.

A propia relación amorosa chámase namoro. O verbo namorar, amais de definir o nacemento do sentimento do amor tamén se refire ao propio acto de estar coa parella. “Moito tardades, nin que estiverades a namorar”.

O outro día vin no facebook un comentario sobre a foto dunha parella que dicía: “Vaia par de tortoliños”. O paxaro tórtola dise en galego rula ou rola. Non debemos nin adaptar nin traducir xa que rula en galego non serve para definir os namorados senón para dirixirse con cariño á persoa amada. “Miña rula bonita que convertes os meus minutos en amenceres”.

Cando o amor avanza e a parella empeza a convivir, sen voda polo medio, en galego usamos a palabra amigar e o adxectivo amigada/o. “Non casaron, están amigados”.

Amigo/a é unha palabra relativa á persoa amada xa desde a Idade Media. Aínda que nos últimos tempos gañou o significado de persoa coa que se mantén trato de afecto e confianza (bastante xenérico, non si?) permanece no galego vivo a súa acepción de amante. “Non esperou a ficar viúvo para meter a amiga na casa”.

No galego é máis habitual falar de home ca de marido. “Somos home e muller, de portas a dentro e de porta fóra”. Niso, o noso idioma é máis igualitario ca o castelán, que fala de “mujeres” si pero de “maridos”.

 

Navegación de artigos