Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “antía”

Antía e Antonia

Antía é un dos nomes máis utilizados entre as galegas desde hai tres décadas. Aínda que coñecemos persoas maiores con ese nome (Antía Cal, prestixiosa educadora, por exemplo), o certo é que a meirande parte delas teñen menos de 40 anos. Antía Otero é poeta e actriz; Antía Paz é comunicadora, especialista en redes sociais; Antía Moure é unha artista monfortina…

Un dos mitos máis estendidos é considerar que o nome Antía é unha forma galega de Antonia. Non é certo.

Como explica a profesora Ana Boullón, Antía é un nome de orixe grega, utilizado na Antigüidade como epíteto da deusa Hera (deusa do matrimonio, da familia, deusa nai na antiga Grecia) co significado de Florida. É dicir, Antía ten a ver coa floración e poderíase relacionar con outros nomes vexetais como a propia Flor e Flora, Margarida, Violeta…

O conto de que Antía ten a ver con Antonia hai que procuralo na popularidade que cobrou en Galicia, un feito diferencial a respecto doutras partes do Estado ou da propia Portugal, onde o nome non se usa tanto. Esa diferenza galega foi xustificada por ser Antía unha tradución. Ese é un pensamento lóxico, xa que o nome de Antía non existe nin na nosa xeografía nin nas advocacións de santas, algo que ocorre cos nomes propiamente galegos Aloia, Navia ou Olalla e Comba.

Segundo Boullón, Antía fíxose popular a raíz da publicación do libro 400 nomes galegos, do Padre Seixas, un auténtico éxito no seu tempo, que lles serviu a miles de pais para escolleren nomes para as súas crianzas. Para Xosé Luís Méndez Ferrín, o motivo de que Seixas incluíse o nome de Antía na súa listaxe tivo a ver coa admiración que sentía por Antía Cal, quen recibira o nome da tradición cubana, moito máis atrevida e variada que a onomástica tradicional galega, estritamente vinculada cos designios eclesiásticos até o final do franquismo.

Hoxe, Antía é por feito e dereito un nome galego, tan autóctono coma Uxía, Sabela ou Catuxa. O primeiro nome galego contemporáneo.

Navegación de artigos