Dúbidas do galego

Arquivo para a etiqueta “arroba”

A arroba esquecida e a ambigüidade da internet

Foi o meu admirado Fran P. Lorenzo quen descubriu que a Real Academia Galega, malia ter unha versión na internet do seu dicionario, aínda vive na época anterior ao correo electrónico. Ou iso queremos pensar cando ao calcarmos sobre a definición de arroba nos encontramos con que tal palabra, para a RAG, só define a medida de peso que equivale, segundo as zonas, a unha cantidade que vai desde os 11 aos 15 quilos.

Tempo dabondo pasou como para que o dicionario incorporase o novo significado da palabra. O outro gran dicionario en liña gratuíto de referencia da nosa lingua, o Estraviz, ademais de fixar o valor en quilos dunha arroba (en 25 libras), engade outra acepción: Sinal gráfico @ formado por un a minúsculo envolto nun círculo aberto, usado nos enderezos electrónicos de dominio antes da indicación de dominio. Coido que sobra o primeiro ‘de dominio’.

Este exemplo serve para que me queixe, unha vez máis, da deficiente posta en marcha dixital da que debera ser a principal ferramenta lingüística do noso idioma. Por suposto que o traballo de creación dunha base de datos de miles de referencias ten necesariamente eivas. Mais no caso dun dicionario canónico da nosa lingua estándar, eses erros son demasiados. Hai incoherencias entre os termos aceptados no dicionario e os termos aceptados no VOLG. Nalgunhas definicións faise referencia a palabras supostamente galegas que logo non teñen definición propia ou que incluso aparecen como termos incorrectos.

O propio léxico relacionado coa rede ten unha fada no dicionario da Academia, polo que parece. Poñamos por caso a palabra internet. A pesar de especificar que é un substantivo feminino sen máis, no exemplo práctico que segue a definición a frase escollida é “Hoxe en día pódese atopar en internet información sobre calquera cousa”. Non é unha gralla senón o reflexo dunha postura ambigua sobre a “rede de redes”. Como a palabra vén do inglés e nese idioma non hai xéneros, algúns filólogos ven con bos ollos que non se articule.

A pesar de que na definición da RAG se grafe con minúsculas, na lingua estándar está permitido o uso de maiúsculas ao consideraren os lingüistas que o termo é único e polo tanto debe se considerar como un nome propio. Esta ambigüidade entre o xénero e o uso de maiúsculas/minúsculas é xeral nas linguas do noso contorno.

Persoalmente, recomendo optar pola forma en feminino (a máis usual e aceptada socialmente) e en minúscula porque a única entidade que coñezo que se grafa sen xénero e como nome propio é Deus e moito me malicio que non é unha casualidade ese achegamento ortográfico entre a divindade e o ciberespazo.

Navegación de artigos